Swissquote Group Holding SA é unha empresa suíza con sede na cidade de Gland, creada en 1996 pola compañía Marvel Communications SA e con forma xurídica anónima, especializada no comercio financeiro en liña coa súa sede en Inglaterra. O grupo dá emprego a 519 persoas (febreiro de 2014) e ten máis de 201.000 clientes. O seu patrimonio total suma 8,6 mil millóns de francos suízos (finais de 2012) e é un banco en liña puro, líder no mercado do territorio de Suíza, aínda que tamén é contratado por cidadáns pertencentes aos países da Eurozona, mediante o respectivo formulario na súa web.[1]

Swissquote Group Holding SA

Edificio principal da compañía en Gland.
TipoSociedade Anónima
Fundación1996 como plataforma financeira. 2000 como banco.
LocalizaciónGland, SuízaSuíza
Persoas claveMarc Bürki (CEO), Paolo Buzzi (CTO), Michael Ploog (CFO), Morgan Lavanchy (xefe do gabinete xurídoco), Gilles Chantrier (xefe da oficina de risco)
IndustriaBanca
Número de empregados519 (2014)
Na rede
http://www.swissquote.ch/
editar datos en Wikidata ]

A gama de servizos céntrase, principalmente, na contratación electrónica de accións, fondos mutuos, opcións, warrants e bonos, así como na xestión das contas e servizos de custodia e xestión de activos para clientes privados e corporativos. Ademais dos servizos dunha base específica da compañía, ofrece no seu portal financeiro diversas ferramentas de análise. O portal financeiro Swissquote é a plataforma financeira máis visitada en Suíza.[2]

Historia editar

En 1990, Marc Bürki e Paolo Buzzi crearon Marvel Communication SA, unha empresa especializada en aplicacións de software financeiro, que foi a precursora do que ía ser posteriormente Swissquote.[3]

A plataforma financeira Swissquote fundouse en 1996, co obxectivo de permitir aos investidores privados accederen aos prezos de todos os valores negociados na bolsa suíza de xeito gratuíto e en tempo real. O 29 de maio de 2000, as accións de Swissquote colocáronse na SIX Swiss Exchange e, ese mesmo ano, a compañía obtivo a súa licenza bancaria.

En 2010, dúas adquisicións permitiron a Swissquote consolidar a súa posición como líder no comercio en liña: en xuño, a compañía fíxose cargo da empresa con sede en Zúric Tradejet AG, unha plataforma de información en liña e corredoría, e en outubro adquiriu ACM Advanced Currency Markets AG. Esta segunda adquisición fixo que o negocio comercial da compañía pasase a incluír operacións de Forex en liña.

En setembro de 2013, Swissquote conseguiu un lugar no mercado internacional mediante a adquisición e a fusión con MIG Bank, unha empresa especializada en Forex. Esta adquisición impulsou a Swissquote, que aspiraba a se converter nun actor importante no mercado de divisas, nun dos dez principais provedores de servizos de comercio de divisas en liña.[4]

En xaneiro de 2015, tras a decisión do Banco Nacional Suízo de descontinuar o tipo de cambio mínimo de 1,20 francos suízos por euro, Swissquote destinou unha reserva de 25 millóns de francos suízos sen comprometer a rendibilidade nin a solidez do banco.[5]

Organización editar

O grupo divídese en varias filiais:[6]

  • Swissquote Bank SA. Swissquote Bank SA é titular dunha licenza bancaria e está sometida á supervisión da autoridade federal de supervisión dos mercados financeiros (FINMA). Ten ademais unha licenza de negocio de valores mobiliarios da FINMA. A sede principal do banco atópase en Gland, e ten oficinas en Zúric, Berna, Dubai e Hong Kong.
  • Swissquote Financial Services Limited (Malta). Swissquote Financial Services, con base en Malta, é unha sociedade de servizos de investimento sometida á supervisión da Autoridade de Servizos Financeiros de Malta, e ten unha licenza de categoría 4a.
  • Swissquote Ltd (antiga MIG Capital Limited -Europa-). Sometida á supervisión da Autoridade de Conduta Financeira, Swissquote Ltd é unha sociedade de investimentos con base en Londres.
  • Swissquote Bank MEA Limited. Baixo a supervisión da Autoridade de Servizos Financeiros de Dubai, Swissquote Bank MEA Ltd ten unha licenza de categoría 4.
  • Swissquote Asia Limited (antiga MIG Capital Asia Limited). Baixo a supervisión da Comisión de Valores e Futuros, Swissquote Asia Ltd ten unha licenza de tipo 3.

Patrocinio e colaboracións editar

Swissquote é a patrocinadora oficial do club de fútbol británico Manchester United desde o 26 de xaneiro de 2015. O obxectivo deste patrocinio global é a promoción dos servizos do grupo bancario a un público máis amplo, tendo en conta que o club ten máis de 650 millóns de seareiros por todo o mundo.[7]

Dentro de Suíza, Swissquote ten unha asociación con PostFinance segundo a cal o banco pasou a ser a plataforma de comercio para os clientes de PostFinance en 2016. Tamén colabora co banco cantonal de Bâle-Campagne en todo o relativo ás hipotecas en liña.[8]

Notas editar

  1. "Swissquote Group Holding Ltd". En SIX Swiss Exchange. (En francés)
  2. "Les nouvelles technologies financières vont révolutionner la banque de demain. Swissquote est aux avant-postes". En 24Heures.ch. 4 de marzo de 2015. (En francés)
  3. "Les placements de Marc Bürki : CEO de Swissquote Arquivado 05 de outubro de 2017 en Wayback Machine.". En Bilan.ch. 4 de xullo de 2011. (En francés)
  4. "Swissquote avale MIG Bank". En 24Heures.ch. 25 de setembro de 2013. (En francés)
  5. "BNS: Swissquote constitue une provision de 25 millions de francs Arquivado 05 de outubro de 2017 en Wayback Machine.". En Bilan.ch. 16 de xaneiro de 2015. (En francés)
  6. "Group Structure and Shareholders". Na páxina web oficial de Swissquote. (En inglés)
  7. Comunicado de prensa de Swissquote: anuncio do patrocinio do Manchester United. 26 de xaneiro de 2015. (En francés)
  8. "Misez sur des partenaires fiables". Na páxina web oficial de Swissquote. (En francés)

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar