Suor

(Redirección desde «Suoración»)

A suor é o fluído producido polas glándulas sudoríparas da pel durante a sudación ou transpiración corporal de moitos mamíferos.[1] Nos humanos podemos distinguir dous tipos de glándulas sudoríparas, que son: glándulas écrinas e apócrinas. As écrinas son as que están distribuídas máis xeneralizadamente polo corpo, mentres que as apócrinas están concentradas só en determinadas áreas (nos humanos en axilas, aréola e mamila do peito, ás do nariz, e rexión xenital externa e perianal).

Neno suando

Nos humanos, suar é principalmente un medio de termorregulación que funciona porque a secreción das glándulas écrinas é moi rica en auga. A auga, ao ter unha elevada calor latente de vaporización, absorbe moita calor do corpo cando se evapora na superficie da pel, polo que refresca a temperatura corporal. As maiores taxas de suoración dun adulto adoitan ser de 2-4 litros por hora ou 10-14 litros por día (10-15 g/min•m²), pero é menor nos nenos antes da puberdade.[2][3][4] Ademais, coa suor excrétanse sales e algunhas toxinas. Cando a temperatura ambiente é elevada, ou cando se quentaron os músculos da persoa debido ao exercicio, prodúcese máis suor. Os animais mamíferos con poucas glándulas sudoríparas, como os cans, realizan unha regulación da temperatura similar sacando a lingua e ampeando[5], o cal fai que se evapore a auga da saliva que humedece a superficie da cavidade oral e a farinxe. Os primates e cabalos teñen axilas que suan de modo similar aos humanos. Aínda que a capacidade de suar pode atoparse nunha ampla variedade dos mamíferos,[6][7] son relativamente poucos (entre eles humanos e cabalos) os que producen grandes cantidades de suor para arrefriarse.[8]

A suoración pode producirse polos cambios de temperatura, por causa de emocións (que fan que o sistema nervioso simpático estimule as glándulas sudoríparas), ou, en casos patolóxicos, a suoración excesiva ou a suor fría poden ser síntomas dunha enfermidade, xeralmente acompañados de febre, como pode ser a gripe, a leucemia linfática crónica e numerosas doenzas infecciosas.

Composición da suor

editar
 
Mancha de suor nunha camiseta branca de algodón.

A suor está formada principalmente por auga. Tamén contén en disolución sales minerais, lactato, e urea. A composición mineral varía co individuo, a súa aclimatación á calor, exercicio e suoración, a fonte específica de estrés (sauna etc.), a duración da suoración, e a composición de minerais do seu corpo. Unha indicación do contido mineral é: sodio 0,9 gramos/litro, potasio 0,2 g/L, calcio 0,015 g/L, magnesio 0,0013 g/L.[9] Tamén se excretan na suor moitos outros elementos traza, dos cales unha indicación típica (aínda que poden variar en 50 veces) pode ser: cinc 0,4 miligramos/L, cobre 0,3–0,8 mg/L, ferro 1 mg/L, cromo 0,1 mg/L, níquel 0,05 mg/L, e chumbo 0,05 mg/L.[10][11] Probablemente moitos outros minerais traza menos abundantes saen do corpo coa suor en concentracións menores. Algúns compostos exóxenos incorpóranse á suor como por exemplo un composto oloroso non identificado que ""ole a xarope de pradairo" de varias especies de cogomelos do xénero Lactarius.[12] Coa suor poden mesturarse células descamadas da pel.

A secreción das glándulas sudoríparas apócrinas é algo diferente, xa que é un fluído que contén tamén proteínas, lípidos e esteroides. A diferenza das glándulas écrinas que presentan unha secreción continua, as apócrinas segregan en xorros periódicos.[13][14]

Nos humanos, a suor é hipoosmótica en relación co plasma sanguíneo [15] (é dicir, menos salgada). A suor ten xeralmente pHs moderadamente ácidos ou neutros, entre 4,5 e 7,0.[16]

Definicións

editar

Algúns trastornos relacionados coa produción de suor son:

  • Hipohidrose. É a diminución da produción de suor por calquera causa[17]
  • Hiperhidrose focal. É o incremento ou excesiva suoración en certas rexións do corpo, como axilas, palmas das mans, plantas dos pés, face ou inguas.
  • Hiperhidrose. Tamén chamada hiperhidrose xeneralizada ou secundaria. É unha suoración excesiva debida á algunha condición subxacente e xeralmente implica a todo o corpo.[17]
  • Hidromeiose. É a redución da suoración debida ao bloqueo das glándulas sudoríparass en condicións húmidas.[18]

Mecanismo

editar
 
Suando despois de facer exercicio.

Suar permite ao corpo regular a temperatura. A suoradión está controlada por un centro nervioso situado nas rexións preóptica e anterior do hipotálamo cerebral, onde están localizadas as neuronas sensibles á temperatura. A función reguladora da calor exercida polo hipotálamo é tamén afectada polos sinais enviados polos receptores de temperatura da pel. Unha temperatura alta na pel reduce a temperatura á que o hipotálamo activa a suoración e incrementa o sistema de retroalimentación do hipotálamo en resposta a variacións na temperatura central. Porén, en conxunto, a resposta de suoración a unha elevación da temperatura ("central") do hipotálamo é moito maior que a resposta ao mesmo incremento na temperatura media da pel.

A suor causa unha diminución da temperatura por arrefriamento por evaporación na superficie cutánea. A medida que as moléculas de auga de alta enerxía evaporan da pel, retiran enerxía calorífica do corpo, polo que a pel e o sangue dos vasos sanguíneos superficiais diminúen a súa temperatura. O sangue venoso arrefriado volve despois ás partes internas do corpo e contrarresta a subida da temperatura central.

Hai dúas situacións nas cales os nervios estimulan as glándulas sudoríparas causando suoración, que son: durante períodos de calor física e durante o estrés emocional. En xeral, a produción de suor inducida emocionalmente está restrinxida ás palmas das mans e plantas dos pés, ás axilas e ás veces á fronte, mentres que a suoración inducida pola calor física ten lugar en todo o corpo. Algunhas substancias que actúan sobre o sistema nervioso central inflúen na sudación; por exemplo, a inxestión de cafeína aumenta a suoración.[19]

O ser humano ten como media entre dous e catro millóns de glándulas sudoríparas. A cantidade de suor liberado por cada glándula está determinado por moitos factores, como o sexo do individuo, a súa xenética, condicións ambientais, idade e o seu estado de forma. Dous dos principais factores que contribúen ao nivel de suoración son o estado de forma e peso da persoa. Se un individuo aumenta de peso, o seu nivel de suoración probablemente se incrementará porque o corpo debe producir máis enerxía para funcionar e hai unha maior masa corporal que arrefriar. Por outra parte, unha persoa en boas condicións empeza a suar antes e máis facilmente. A medida que unha persoa se pon en forma, o corpo empeza a regular a temperatura corporal máis eficientemente e as glándulas sudoríparas adáptanse xunto cos demais sistemas corporais.[20]

A suor non é auga pura, xa que contén unha pequena cantidade (0,2–1%) de solutos disoltos. Cando unha persoa pasa de estar nunha zona de clima frío a outra de clíma cálido, ocorren unha serie de cambios adaptativos nos mecanismos da suoración. Este proceso denomínase aclimatación e durante el increméntase o nivel máximo de suoración á vez que decrece a súa composición en solutos. O volume de auga perdido pola suoración é moi variable, e vai de 100 a 8000 mL/día. A perda de solutos pode ser de ata 350 mmol/día (ou 90 mmol/día aclimatado) de sodio nas condicións máis extremas. Durante un exercicio intenso medio, as perdas por suor poden ser como media de ata 2 litros de auga á hora. En climas fríos e en ausencia de exercicio, as perdas de sodio son moi baixas (menos de 5 mmol/día). A concentración de sodio na suor é de 30-65 mmol/L, dependendo do grao de aclimatación.

Evolución

editar

Segundo a hipótese da resistencia na carreira[21], a suoración evolucionou nos antepasados humanos, como o Homo erectus, para mellorar a disipación de calor durante a persecución prolongada das presas que cazaban. As presas eran máis rápidas, pero sobrequecían en carreiras longas, que os humanos podían manter, polo que finalmente tiñan que parar e podían ser capturadas. O sistema de disipación das presas era principalmente ampear, mentres que os humanos evolucionaron mellorando a suoración. Coa suoración a superficie pola que se perde calor é maior e é independente da respiración, polo que é un mellor método para refrescarse sen parar de correr. Como a suoración nos humanos está controlada a un nivel neuronal máis alto que noutras especies, isto permite unha maior produción de suor por unidade de superficie. Ademais, a evolución da suoración foi acompañada dunha perda progresiva de pelo corporal, o que tamén favoreceu a disipación.[22] A adaptación á carreira influiría tamén na evolución doutros sistemas corporais. Non obstante, esta hipótese ten tamén os seus críticos que consideran que esa non era a forma de cazar dos antigos Homo.[23]

Suor e olor corporal

editar

A suor contribúe indirectamente ao olor corporal, xa que as bacterias da pel descompoñen algúns compoñentes da suor segregada polas glándulas apócrinas, principalmente as das axilas, ou das secrecións das glándulas sebáceas, orixinando compostos olorosos como certos ácidos graxos ramificados hidroxilados ou insaturados, sulfanilalcohois, certos esteroides, e os ácidos butírico e propiónico.[24][25] A súor das glándulas apócrinas é inodoro por si mesmo, pero na pel mestúrase co sebo das glándulas sebáceas (as dúas glándulas ábrense no mesmo folículo piloso) e a acción das bacterias é a que orixina os compostos cheirentos.

  1. Mosher HH (1933). "Simultaneous Study of Constituents of Urine and Perspiration" (PDF). The Journal of Biological Chemistry 99 (3): 781–790. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de setembro de 2019. Consultado o 16 de marzo de 2014. 
  2. Jessen,C., Temperature regulation in humans and other mammals, Springer, Berlin, 2000, 193 pp
  3. Mack,G.W. and Nadel,E.R., Body fluid balance during heat stress in humans. In: Fregly,M.J., Blatteis,C.M. (Eds.), Handbook of physiology. Section 4: Environmental physiology, Oxford University Press, New York, 1996, pp. 187-214
  4. Sawka,M.L., Wenger,C.B., and Pandolf,K.B., Thermoregulatory responses to acute exercise-heat stress and heat acclimation. In: Fregly,M.J., Blatteis,C.M. (Eds.), Handbook of phys
  5. DRAG ampear Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
  6. Goglia G (January 1953). "[Further research on the branched sweat glands in some mammals (Cavia cobaya, Sus scrofa, Equus caballus).]". Bollettino Della Società Italiana Di Biologia Sperimentale (en Undetermined) 29 (1): 58–60. PMID 13066656. 
  7. Robertshaw D, Taylor CR (November 1969). "Sweat gland function of the donkey (Equus asinus)". The Journal of Physiology 205 (1): 79–89. PMC 1348626. PMID 5347721. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2021. Consultado o 20 de xullo de 2022. 
  8. McDonald RE, Fleming RI, Beeley JG; et al. (2009). Koutsopoulos, Sotirios, ed. "Latherin: A Surfactant Protein of Horse Sweat and Saliva". PLoS ONE 4 (5): e5726. PMC 2684629. PMID 19478940. doi:10.1371/journal.pone.0005726. 
  9. Montain, S. J.; Cheuvront, S. N.; Lukaski, H. C. (2007). "Sweat mineral-element responses during 7 h of exercise-heat stress". International journal of sport nutrition and exercise metabolism 17 (6): 574–582. PMID 18156662.
  10. Cohn JR, Emmett EA (1978). "The excretion of traces of metals in human sweat". Annals of Clinical and Laboratory Science 8 (4): 270–5. PMID 686643. 
  11. Saraymen, Recep; Kılıç, Eser; Yazar, Süleyman (2004). "Sweat Copper, Zinc, Iron, Magnesium and Chromium Levels in National Wrestler". İnönü Üniversitesi Tıp Fakültesi Dergisi 11 (1): 7–10. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2011. Consultado o 16 de marzo de 2014. 
  12. Aurora, David "Lactarius fragilis" Mushrooms Demystified 1986 Ten Speed Press, Berkeley California
  13. Wilke, K.; Martin, A.; Terstegen, L.; Biel, S. S. (June 2007). "A short history of sweat gland biology" (pdf). International journal of cosmetic science 29 (3): 169–179. doi:10.1111/j.1467-2494.2007.00387.x. ISSN 1468-2494.
  14. Spearman, Richard Ian Campbell (1973). The Integument: A Textbook For Skin Biology. Biological Structure and Function Books 3. CUP Archive. p. 137. ISBN 978-0-521-20048-6.
  15. Constanzo, Linda S. BRS Physiology (4th ed.). p. 155. 
  16. Bandodkar AJ, Hung VWS, Jia W, Ramirez GV, Windmiller JR, Martinez AG, Ramirez J, Chan G, Kagan K, Wang J (2013). "Tattoo-based potentiometric ion-selective sensors for epidermal pH monitoring". Analyst 138 (1): 123–8. 
  17. 17,0 17,1 "Academy of Hyperhidrosis". Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2018. Consultado o 30 de marzo de 2019. 
  18. Parsons K (2009). "Maintaining health, comfort and productivity in heat waves". Glob Health Action 2. PMC 2799322. PMID 20052377. doi:10.3402/gha.v2i0.2057. 
  19. Kameia, Tomoya; Tsudab, Takao; Kitagawab, Shinya; Naitoha, Ken; Nakashimaa, Koji; Ohhashi, Toshio (June 1998). "Physical stimuli and emotional stress-induced sweat secretions in the human palm and forehead". Analytica Chimica Acta 365 (1–3): 319–326. doi:10.1016/S0003-2670(97)00642-9. 
  20. Hansen, Julieann. "The Science of Sweat". American College of Sports Medicine. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2013. Consultado o 19 September 2013. 
  21. Bramble, Dennis; Lieberman, Daniel (November 2004). "Endurance running and the evolution of Homo". Nature 432. [1]
  22. Carrier, D.R.; et al. (Aug–Oct 1984). "The Energetic Paradox of Human Running and Hominid Evolution". Current Anthropology 25 (4): 483–495. doi:10.1086/203165. JSTOR 2742907.
  23. Pickering, Travis Rayne; Bunn, Henry (January 2007). "The endurance running hypothesis and hunting and scavenging in savanna-woodlands". Journal of Human Evolution (53) [2].
  24. Lundström, Johan N.; Olsson, Mats J. (2010). "Functional Neuronal Processing of Human Body Odors". Pheromones. Academic Press. p. 4. ISBN 978-0-12-381516-3.
  25. Martin, Annette; Saathoff, Matthias; Kuhn, Fabian; Max, Heiner; Terstegen, Lara; Natsch, Andreas (2010). "A Functional ABCC11 Allele Is Essential in the Biochemical Formation of Human Axillary Odor". Journal of Investigative Dermatology 130 (2): 529–540. doi:10.1038/jid.2009.254.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar