Retroalimentación

Denomínase retroalimentación, ou realimentación e tamén feedback (en inglés), ao conxunto de reaccións ou respostas que manifesta un receptor respecto á actuación dun emisor, o que se ten en conta por este para cambiar ou modificar a súa mensaxe: polo feedback dos oíntes, o orador deuse de conta de que se aburrían e intentou ser máis ameno.[1] Retroalimentación significa 'ida e volta' e é, desde o punto de vista social e psicolóxico, o proceso de compartir observacións, preocupacións e suxestións, coa intención de recoller información, a nivel individual ou colectivo, para intentar mellorar o funcionamento dunha organización ou de calquera grupo formado por seres humanos. Para que a mellora continua sexa posíbel, a retroalimentación ten que ser pluridireccional, é dicir, tanto entre iguais como na escala xerárquica, na que debería funcionar en ambos os sentidos, de arriba para abaixo e de abaixo para arriba.

Na teoría de sistemas, en cibernética, ou na teoría de control, a retroalimentación é un proceso polo que unha certa proporción do sinal de saída dun sistema rediríxese de novo á entrada. Isto é frecuente no control do comportamento dinámico do sistema.

O feedback tamén está presente en numerosos espazos tecnolóxicos. Neste sentido, gran parte dos aparellos e máquinas que utilizamos na nosa vida cotiá funcionan a través do sistema de feedback xa que supoñen o intercambio e traspaso permanente de datos (de calquera tipo). Un exemplo claro desta situación é a conexión a Internet que, ademais de contar cun espazo virtual, necesita dun soporte técnico e físico a través do cal se mandan e reciben permanentemente datos de diverso tipo. Esta conexión, neste caso particular, pódese realizar a través de cables de fibra óptica, que son os responsábeis de levar e traer a información necesaria.[2]

Exemplos de realimentación pódense encontrar na maioría dos sistemas complexos, tales como enxeñaría, arquitectura, economía, e bioloxía. O médico e investigador mexicano Arturo Rosenblueth, no seu traballo "Behavior, Purpose and Teleology" ("comportamento, propósito e teleoloxía"), e de acordo con Norbert Wiener, fixou as bases para a nova ciencia da cibernética e propuxo que o comportamento controlado pola realimentación negativa, aplicada a un animal, ao ser humano ou ás máquinas, era un principio determinante e directivo, na natureza ou nas creacións humanas.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar