Stoá sur I (Atenas)

A Stoá sur I de Atenas era unha stoá (edificio porticado) do lado sur da ágora de Atenas, situada entre o tribunal da Heliea e a fonte enneacrunos, ou fonte do sueste.

Stoá sur I (Atenas)
Coordenadas37°58′28″N 23°43′23″L / 37.97444444, 23.72305556Coordenadas: 37°58′28″N 23°43′23″L / 37.97444444, 23.72305556
editar datos en Wikidata ]
Plano da ágora de Atenas: a Stoá sur I é o número 4.

Historia

editar

Construíuse entre os anos -425 e -400 e estivo en uso até circa -150, cando a substituíu a Stoá sur II[1].

Descubriuse en 1936, ao escavarse por baixo da Stoa sur II de época helenística e ao longo dunha rúa máis antiga, que pasaba xunto á beira meridional da Heliea.

Descrición

editar

Tradicionalmente, as stoás eran grandes pórticos con locais na parte posterior, a miúdo utilizados como comercios. Pero a Stoá sur I debe a súa característica peculiar a que detrás dunha dobre fila de columnas dóricas había unha serie de estancias destinadas a servir de oficinas aos maxistrados atenienses[1]. Cada unha das quince habitacións daba ao pórtico a través dunha porta de dúas follas, situada cara ao lado oriental, non no centro da habitación. Delas, a oitava empezando polo leste era a máis grande e posuía un amplo vestíbulo. O pavimento era de terra apisonada ou, ás veces, máis compacta polo uso de cal branco[2].

Esta posición lateral da porta é característica das estancias pensadas para colocar leitos para banquetes (klínai) ao longo das paredes e deixar así espazo para os comensais; este tipo de habitacións recibía o nome de óikos eptáklinos, habitación de sete leitos, do feito de que ese era o número teórico de leitos que collían nelas. A oitava habitación aseméllase moito ás salas para banquetes das casas da polis de Olinto.

Noutras dependencias desta stoá había fogares, ou o pavimento construíuse máis alto sobre o nivel do chan, de xeito que favorecese a saída dos líquidos durante ou despois dos convites. Aínda que estas estancias tiveron máis dunha función, a súa estrutura indica que podían empregarse como salas de banquetes cando fose necesario. Así, estas dependencias eran utilizadas polos maxistrados e os seus colaboradores, xa fose para desempeñar as tarefas relacionadas co seu cargo, xa para reunirse a comer todos xuntos, como era habitual entre todos os altos funcionarios de Atenas.

É bastante probábel que a súa construción estivese relacionada coa necesidade de reunir nun mesmo lugar todas as maxistraturas que, desde a época de Solón, ou mesmo antes, tiveran unha sede propia.

Todos estes aspectos inclinaron a pensar aos arqueólogos e historiadores que, se non toda a stoá, polo menos unha parte da mesma debeu cumprir a función do Thesmotheteion, que aparece citado nas fontes antigas como un dos edificios no que os maxistrados se reunían para comer en común. Ou tamén como no Tholos reservado aos prítanes.

  1. 1,0 1,1 "Agora Monument: South Stoa I". ASCSA.net (en inglés). American School of Classical Studies at Athens. 
  2. "Athens, South Stoa I (Building)". Perseus Digital Library (en inglés). 

Bibliografía

editar
  • VV.AA. (1986). Arqueología de las ciudades perdidas, volumen 2. Pamplona: Salvat. pp. 317–319. ISBN 847137899X.