O stips (en latín stips, stipis) era unha moeda romana de pouco valor, equivalente ao óbolo (grega. Non é unha moeda determinada, senón unha empregada como ofrenda ou cuestación. Esta palabra deu en latín stipendium que á súa vez deu o galego estipendio ('paga', 'remuneración', 'taxa fixada pola autoridade eclesiástica aos fieis para aplicar algún servizo relixioso').

En tempos da monarquía romana utilizábase xa o stips, a modo de moeda de pouco valor, como a uncia (moeda de bronce) e o ás (primitiva moeda fundida en bronce). O stips dábase como esmola establecida:

  • Aos pobres.
  • Aos galos de Cibeles. Estes galos eran sacerdotes eunucos da deusa Cibeles. No mes de abril celebrábase a súa festa e os galos levaban a súa imaxe en procesión polas rúas de Roma, acompañados de músicos que tocaban frautas, tambores e outros instrumentos, mentres daban terribles alaridos. Era costume entre os romanos dar a estes sacerdotes as devanditas moedas
  • Nos cepillos dos templos, como donativo. Cada cepillo tiña inscrito o nome do destinatario: Stips Apollinis, Stips Dianae.
  • Aos deuses acuáticos. As moedas neste caso botábanse nas fontes.
  • Como subscrición feita polas familias para contribuír ao culto xentilicio.

Existía ademais a stips menstrua, que era unha cota que pagaban mensualmente os membros dos colexios funerarios. E o primeiro día de xaneiro, os romanos ofrecíanse uns a outros estas pequenas moedas para felicitarse e para desexar faustum felicemque annum.