Sociedade do Apostolado Católico
Os Palotinos ou Pais Palotinos son unha comunidade relixiosa de irmáns e sacerdotes da Igrexa católica fundada en 1835 co nome de Sociedade do Apostolado Católico (societas apostolatus catholici) ou SAC. O nome de Palotinos débenllo ó seu fundador, un sacerdote romano chamado Pai Vicente Pallotti (1795-1850), declarado santo durante o Concilio Vaticano II, polo Papa Xoán XXIII o 20 de xaneiro de 1963. Aínda que foi fundada en Roma, actualmente están espallados por todo o mundo e son aproximadamente 2500 membros.
Sociedade do Apostolado Católico Societas Apostolatus Cattolici | |
---|---|
Sociedade de vida apostólica da Igrexa católica | |
Historia | |
Fundación | 1835 |
Fundador | San Vicente Pallotti |
Goberno e estrutura | |
Reitor Xeral | Jacob Nampudakam |
Membros | 1648 sacerdotes, 2379 irmáns (2010) |
Outros datos | |
Lema | Caritas Christi urget nos |
Siglas | S.A.C. |
Historia
editarA Sociedade do Apostolado Católico foi fundada en Roma por Vicente Pallotti no ano 1835.[1] Polo apelido do seu fundador os membros son chamados palotinos. A aprobación papal definitiva da orde deuna Pío X en 1904.
Un exemplo do seu traballo é a Misión Palotina do Camerún establecida no 1890 na entón colonia do Camerún parte do Imperio Alemán.
En 1914, un membro da congregación, Josef Kentenich fundou o Movemento Apostólico de Schönstatt no seminario palotino de Vallendar (Alemaña) canda outros estudantes.[2]
A orde en España
editarNo 1948 algúns pais palotinos da provincia do Sagrado Corazón de Xesús, localizados na Alemaña do sur, chegan a España procedentes do Uruguai, coa intención de obter vocacións para América Latina. Dende 1952 a orde toma máis corpo coa apertura dun colexio, cunha finalidade orixinal dirixida cara ao envío de vocacións ás misións, seguindo as ordenanzas de Vicente Pallotti. Cos anos, o carácter e a finalidade das presenzas palotinas adaptouse ás necesidades dos distintos lugares onde se foi establecendo. Na actualidade, esta Comunidade está presente nas provincias de Biscaia, León e Tenerife, sendo a diocese de Astorga a fonte vocacional da comunidade en España.
Biscaia
editarAlí localízase a Casa de espiritualidade e acollida Vicente Pallotti. Esta construción é un antigo balneario que foi remodelado no 1983 e que actualmente é un fogar de acollida e encontro, aproveitando o manancial de augas termais da casa e a hospitalidade da comunidade. Inicialmente, fora colexio e lugar de formación. Tras as inundacións de 1983, a casa acondicionouse para a súa actual finalidade.
Alí atópase a Parroquia Raíña dos Apóstolos. Encomendada pola diocese, o templo actual nace sendo atendido pola comunidade de palotinos, que arestora levan máis de 25 anos facéndose cargo da pastoral da parroquia.
León
editarEste lugar localízase entre León e Astorga, preto da poboación de Veguellina de Órbigo. Alí, os palotinos construíron no 1957 un colexio co obxectivo puntual de obter vocacións para América Latina, que era a finalidade inicial coa que chegaron a España. Tempo máis tarde, ademais de cumprir con esa misión, foron dando resposta á necesidade da época de ofrecer un ensino de calidade nun contorno rural. O colexio cumpriu con esa misión ata o seu peche no ano 2000. Os palotinos seguen colaborando na pastoral parroquial deste contorno, dende unha casa que se construíu nas inmediacións do antigo edificio do colexio.
Dende o 2006 os palotinos colabora na pastoral da Basílica da Nosa Señora da Aciñeira, atendendo á pastoral do Camiño de Santiago na zona e ocupándose da pastoral rural do Val do Silencio.
Tenerife
editarOs palotinos italianos deixaron unha pegada pasaxeira nos inicios do século XX. Logo, un palotino comezou o seu labor pastoral no sur da illa e dende fai xa uns anos, a Comunidade atende os labores parroquiais nas poboacións e inmediacións de San Isidro e O Médano. Tamén colaboran coa pastoral da Comunidade alemá dos Cristiáns, do aeroporto e do santuario da Cova do Irmán Pedro.
Arxentina
editarO Consello provincial de Limburg an der Lahn, Alemaña, mando ao padre Francisco Xavier Zeus á Arxentina para atender ás comunidades de inmgrantes alemáns en 1925. Co tempo tamén asumiron a xestión de dous centros educativos de Buenos Aires. Dende a delegación arxentina asumiuse a difusión da orde a Chile e Bolvia.[3]
En 1976, cinco relixiosos palotinos, entre eles o galego Salvador Barbeito Doval,[4] foron asasinados xuntos na igrexa de San Patricio durante a ditadura militar chamada Proceso de Reorganización Nacional (1976-1983). O feito é coñecido como o Masacre de San Patricio. Os cinco relixiosos son considerados mártires pola congregación dos palotinos. No 2006 o cardeal Jorge Mario Bergoglio iniciou os trámites para a canonización dos cinco relixiosos como mártires da fe.[5]
Símbolos
editar- A cruz é o signo da súa fe no Amor e a misericordia de Deus, signo que lles chama ao converterse en apóstolos.
- O infinito é o cualificativo que dá Pallotti ao Amor de Deus.
- A estrela da Epifanía, que guiou aos Reis Magos e simboliza a chamada para coñecer a Xesús.
Labor
editarAs tarefas ás que se dedican parten dun punto común que é o convencemento profundo do seu fundador de que Deus creou ao home á súa imaxe e semellanza, e fíxoo movido polo seu infinito amor. Ese amor é o que debe mover a todos os cristiáns a buscar a Deus e facelo realidade na vida de todos. É ese amor o que fai que esta comunidade proclame a mensaxe salvadora de Xesús Cristo mediante as súas palabras e accións. Todos os bautizados, homes e mulleres, están chamados a ser apóstolos. Por iso, a colaboración cos laicos é parte fundamental do seu ser palotino/palotina, así como tamén o é a formación dun laicado competente, responsable e apaixonado da Boa Noticia. Por este motivo, A Sociedade do Apostolado Católico, convoca a sacerdotes, irmáns e laicos para establecer un compromiso común de vivir e propagar xuntos o evanxeo de Xesús Cristo.
Notas
editar- ↑ "History of the Society". SAC (en inglés). Consultado o 2021-12-07.
- ↑ "Origem e História de Schoenstatt - Schoenstatt". www.schoenstatt.pt. Consultado o 2021-12-08.
- ↑ "Sociedad del Apostolado Católico". www.pallotti.org.ar. Consultado o 2021-12-09.
- ↑ Santiago, Carmen Villar (2010-05-23). "Un gallego tiroteado en Argentina por 'zurdo'". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2021-12-07.
- ↑ "La Opinión On Line - Rafaela - Argentina - Nacionales". web.archive.org. 2007-09-28. Archived from the original on 28 de setembro de 2007. Consultado o 2021-12-07.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sociedade do Apostolado Católico |
Bibliografía
editar- Ngoh, Victor Julius (1996): History of Cameroon Since 1800. Limbe: Presbook.