Sociedade Civil e Democracia

partido político español
(Redirección desde «Sociedad Civil y Democracia»)

Sociedad Civil y Democracia (SCD) foi un partido político español rexistrado legalmente no Ministerio do Interior o 20 de xuño de 2011 impulsado por Mario Conde; a súa última presidenta foi a empresaria galega María Jamardo.

Sociedad Civil y Democracia
Historia
Fundación20 de xuño de 2011
Disolución2014
Posicións políticas
IdeoloxíaNeoliberalismo
Nacionalismo español
Populismo de dereita
Representación
Representación0/360
Outros datos
SedeC/ Galatea, 4, 47004 Valladolid
Na rede
www.pscd.es

Ideoloxía editar

No seu relatorio de acción política,[1] SCD manifesta o seu obxectivo de iniciar un proceso constituínte para elaborar unha nova Constitución que reforce as liberdades e soberanía cidadá. Para este proceso sería necesaria a súa aprobación por 2/3 do Congreso dos Deputados e por, cando menos, o 50% do censo en referendo. Tamén propón que a organización territorial de España se someta a referendo igualmente, establecéndose claramente as competencias estatais e autonómicas.

Tamén avoga polo recoñecemento como sistema lexislativo a iniciativa lexislativa popular, e o uso de ferramentas dixitais que faciliten a participación política dos cidadáns. O seu programa tamén propón unha nova lei electoral e a supresión do financiamento por parte do Estado de partidos políticos, sindicatos, organizacións empresariais e fundacións dependentes dos anteriores, sometendo as súas contas a auditoría do Tribunal de Contas. Igualmente se eliminarían as subvencións a medios de comunicación e televisións autonómicas, de cara a garantir a súa independencia.

SCD propón ademais a eliminación do Tribunal Constitucional e o traspaso das súas competencias a unha Sala de Garantías e a outra de Conflitos do Tribunal Supremo, para evitar a súa politización. O Senado tamén sería suprimido, pasando a un sistema unicameral, así como os entes públicos inútiles ou excesivos. As persoas propostas para dirixir órganos e institucións estatais deberán comparecer ante o Congreso para demostrar a súa idoneidade, profesionalidade e independencia.

Respecto á clase política, propón a creación dun estatuto de cargos públicos, para acabar con tratamentos privilexiados e limitar cargos; así como a instauración de responsabilidade penal ou civil na xestión irregular ou irresponsable de recursos públicos. Así mesmo, establecerase unha transparencia informativa total para que os cidadáns poidan acceder aos gastos e ingresos das Administracións.

No ámbito do poder xudicial, propón regular o acceso á carreira xudicial para garantir a súa independencia, impedir a cargos xurídicos que acceden á política volver á súa carreira xudicial antes de pasados 5 anos, que o Fiscal xeral do Estado sexa elixido polo Congreso dos Deputados, que os delitos de prevaricación de xuíces e fiscais se xulguen por xurado popular, e a creación dun corpo de interventores que auditen as contas públicas cada tres anos.

No seu ideario tamén figura a defensa da Nación española e as súas institucións e símbolos, a modificación do sistema financeiro español, a revisión do sistema de pensións e do sistema educativo, sendo este último competencia exclusiva do Estado e propoñendo a fusión de Universidades, e o apoio á investigación científica e técnica.

Adhesións editar

O novo partido recibiu a migración de militantes do Partido Popular: a Plataforma Democracia e Liberdade anunciou o abandono do PP (que implica a saída de preto de 2.000 afiliados e 10.000 simpatizantes).[2]

Despois dunha etapa inicial liderada por Mario Conde, o ex banqueiro galego decidiu pasar á segunda fila e foi substituído, logo dun proceso de primarias, pola empresaria pontevedresa María Jamardo (8 de setembro de 2013).

Eleccións editar

O SCD presentouse ás eleccións de Galiza do 21 de outubro de 2012, coa candidatura do famoso empresario Mario Conde.[3] Acadou uns 16.000 votos.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar