Shenmo xiaoshuo

subxénero chinés de fantasía

Shenmo xiaoshuo (chinés tradicional: 神魔小說; chinés simplificado: 神魔小说; pinyin: Shénmó xiǎoshuō; en galego: "novelas de espíritos e demos") é un subxénero chinés de literatura fantástica centrado en historias sobre deidades, inmortais, demos e monstros da mitoloxía chinesa. O termo "shenmo xiaoshuo" foi cuñado a comezos do século XX polo escritor e historiador da literatura Lu Xun (1881-1936).[1] Entre os clásicos do xénero destacan Xiyouji e Fengshen yanyi.[2]

Historia

editar

Orixes do xénero

editar
 
Portada dunha edición contemporánea do Xiyouji

O "shenmo xiaoshuo" xorde durante a dinastía Ming (1368-1644) como un subxénero da ficción vernácula,[3] un estilo de escritura baseado na lingua falada e non no chinés clásico. As raíces deste tipo de obras atópanse nos contos populares tradicionais e nas lendas.[3] Os elementos típicos da trama, como o uso da maxia e da alquimia, proceden da mitoloxía e a relixión chinesas, así como do daoísmo e do budismo, moi populares entre os intelectuais de Ming.[3]

O San Sui ping yao zhuan (c. século XIV) é un exemplo temperán do "shenmo xiaoshuo" atribuído a Luo Guanzhong (c. 1330-c. 1400).[4] Nesta historia, o protagonista Wang Ze inicia unha rebelión contra o goberno coa axuda da maxia.[5] O Siyouji (c. século XVI) é outro exemplo do xénero. Consta de catro novelas e foi publicado como unha compilación de relatos populares.[6] Outro texto semellante é o Han Xiangzi quan zhuan (c. século XVII), de inspiración daoísta, que comparte a temática sobrenatural pero posúe un ton relixioso máis marcado.[7]

Porén, os títulos máis coñecidos deste período son o Xiyouji (c. século XVI) e o Fengshen yanyi (c. século XVI).[2] O primeiro deles, en concreto, é considerado pola crítica literaria como a obra mestra do "shenmo xiaoshuo".[8] Atribuído a Wu Cheng'en (c. 1500-1582), a súa versión actual foi publicada por primeira vez en 1592 por Shidetang, unha editorial de Ming.[1] A popularidade do Xiyouji inspirou multitude de imitacións que copiaban momentos clave da trama.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 Chun 2011, p. 120.
  2. 2,0 2,1 Wang 1997, p. 201.
  3. 3,0 3,1 3,2 Lu 1959, p. 198-199.
  4. Lu 1959, p. 198, 419.
  5. Lu 1959, p. 176-177.
  6. Lu 1959, p. 190.
  7. Yang 2008, p. xxxii.
  8. Yu 2008, p. 44.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Chun, Mei (2011). The Novel and Theatrical Imagination in Early Modern China (en inglés). BRILL. ISBN 978-90-04-19166-2. 
  • Lu, Xun (1959). A Brief History of Chinese Fiction (en inglés). Foreign Language Press. ISBN 978-7-119-05750-7. 
  • Wang, David Der-wei (1997). Fin-de-siècle Splendor: Repressed Modernities of Late Qing Fiction, 1849-1911 (en inglés). Stanford University Press. ISBN 978-0-8047-2845-4. 
  • Yang, Erzeng (2008). The Story of Han Xiangzi: The Alchemical Adventures of a Daoist Immortal (en inglés). University of Washington Press. ISBN 978-0-295-80194-0. 
  • Yu, Anthony (2008). "The Formation of Fiction in the Journey to the West". Asia Minor (en inglés) 21 (1). JSTOR 41649940.