Xiyouji

novela fantástica chinesa anónima do século XVI

Xiyouji (chinés tradicional: 西遊記; chinés simplificado: 西游记; pinyin: Xīyóujì; Wade-Giles: Hsi1-yu2 chi4; lit. "Viaxe ao Oeste") é unha novela chinesa da dinastía Ming, publicada no século XVI. Atribúeselle ao escritor Wu Cheng'en. Está considerada unha das Novelas Clásicas Chinesas, así como unha das obras literarias máis populares da historia de Asia Oriental.

Xiyouji
Autor/aWu Cheng'en e Li Chunfang
OrixeDinastía Ming
Linguachinês escrito
Xénero(s)Fantasía, gods and demons fiction e ficción de aventuras
Data de pub.1592
editar datos en Wikidata ]

O libro narra a lendaria peregrinación do monxe budista Xuanzang, da dinastía Tang, que viaxou cara ás rexións occidentais (Asia Central e mais a India) na procura de sutras. Na obra, o protagonista recibe o nome de Tang Sanzang. Malia recoller os trazos xerais da viaxe de Xuanzang, tal e como aparece no seu libro Da Tang xiyuji 大唐西域記 ("Rexistro dos Tang das rexións occidentais", 646), o Xiyouji engade elementos da literatura popular e da propia imaxinación do autor. Por exemplo, a figura de Gautama Buddha aparece para encomendar ao monxe a súa misión, na que será asistido por tres protectores que buscan penitencia polos seus pecados. Trátase do rei mono Sun Wukong, Zhu Bajie e Sha Wujing, xunto cun príncipe dragón que actúa como montura de Tang Sanzang, o cabalo-dragón branco. O grupo logrará a iluminación grazas ao poder e a virtude da cooperación.

O Xiyouji ten unha grande influencia da relixión e da mitoloxía tradicionais, do budismo chinés, do confucianismo e mais do daoísmo. Así, aparecen inmortais daoístas ou bodhisattvas budistas. A obra e as súas personaxes inspiraron á banda deseñada (manhwa, manhua e manga) e á animación actual. Aínda moi popular, a novela é unha mestura de comedia de aventuras, sátira da burocracia chinesa e fonte de reflexión espiritual.