Edificio Banco de Vigo

(Redirección desde «Sede do Banco de Vigo»)

O Edificio do Banco de Vigo, ou Edificio do Banco Pastor é unha construción monumental de 1923 deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román nunha das esquinas máis céntricas da cidade de Vigo, facendo chafrán entre a rúa Policarpo Sanz e Colón. Foi a sede do Banco Pastor e da Fundación Pedro Barrié de la Maza. É un dos edificios máis emblemáticos da cidade.

Edificio do Banco Pastor
Edificio facendo chafrán nas rúas Policarpo Sanz e Colón
Edificio
Nome inicialEdificio do Banco de Vigo
EstiloEcléctico con toques modernistas
LocalizaciónRúa Policarpo Sanz con rúa Colón Vigo (Galiza)
Coordenadas42°14′16″N 8°43′15″O / 42.237873, -8.720704Coordenadas: 42°14′16″N 8°43′15″O / 42.237873, -8.720704
Construción
Inicio1919
Remate1923
Dimensións
Plantas4 + faio e soto
Equipo
Arquitecto(s)Manuel Gómez Román
OutrosCanteiro: José Araujo Pérez
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

O edificio, a obra máis ambiciosa do soado arquitecto galego Manuel Gómez Román, comezou a construírse en 1919. As obras remataron en 1923. Na obra colaborou o mestre canteiro José Araújo Pérez, un dos fundadores do socialismo en Vigo e organizador da Sociedade de Canteiros, empregando perpiaño do mellor granito da canteira de Castrelos (granito groso e con moito cuarzo de difícil traballo), como moitos outros edificios senlleiros da cidade como o achegado Cine Fraga.

Primeiro foi a sede do desaparecido Banco de Vigo, despois acolleu as oficinas da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e despois a sede do Banco Pastor.

Descrición e estilo editar

De estilo ecléctico, as fachadas son de cantaría de granito e ordénanse verticalmente mediante un corpo base no andar baixo, pilastras no tramo superior e un último andar que actúa como entaboamento. Á súa vez, cada unha destas partes está enmarcada por unha moldura horizontal.

Nesta obra Gómez Román amósase máis academicista e ecléctico, mais con toques modernistas e secesionistas nalgúns elementos, coma as grilandas verticais e cubos con enfeites de follas de loureiro con froitos e fitas, fendas nas pedras, ornamentación floral, elevadas formas prismáticas que superan a liña da cornixa e se enfeitan con coroas etc. A planta baixa é clasicista e conta con grandes vans entre columnas con base, fuste con aneis, chapitel toscano e arquitrabe. As dúas entradas ao edificio fican en cadanseu corpo que sobresae da liña da cornixa, unha no chafrán (a actual entrada ao Banco Pastor), e a outra na rúa Policarpo Sanz (entrada á Fundación Pedro Barrié de la Maza). O edificio remata nun bico con cúpula no chafrán, que achega verticalidade, a voada molduración e a cornixa achegan horizontalidade á construción. A cabeza de Hermes, deus do comercio, aparece na falsa clave do arco de medio punto do gran van do chafrán. Na cumieira, enriba de cinco piares aparecen cinco figuras que representan os cinco continentes. Tamén salienta a integración do ferro como elemento decorativo nos enreixados das portas e fiestras do andar baixo e nos peitorís dos balcóns.

Galería de imaxes editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar