Saturnino Montojo

Saturnino Montojo Díaz, nado en Ferrol o 6 de febreiro de 1796 e finado en San Fernando (Cádiz) o 13 de xuño de 1856, foi un mariño militar, astrónomo e matemático galego, pai do almirante Patricio Montojo Pasarón. Formou parte da comisión central de formación da Carta xeográfica de España.

Infotaula de personaSaturnino Montojo Díaz

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento6 de febreiro de 1796
Ferrol
Morte13 de xuño de 1856
San Fernando
Datos persoais
País de nacionalidadeEspañola
Actividade
OcupaciónMariño militar, astrónomo, matemático
Membro de
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Ingresou na Academia de Gardas Mariñas de Ferrol o 4 de setembro de 1812 e no curso de Estudos Maiores obtivo a cualificación de sobresaliente. En 1816 trasladouse a Madrid para ampliar estudos na Academia do Palacio Real, baixo a protección do Infante don Antonio, naquelas Almirante Xeneral de España e Indias, con resultados igualmente óptimos. En 1820 ocupou a cátedra de física do recentemente creado Ateneo de Madrid e en 1821 formou parte da comisión central de formación da Carta xeográfica de España.[1]

En 1823, xa alférez de navío, ordenóuselle embarcar no navío Asia destinado ao Mar do Sur baixo o mando de Roque de Guruzeta. Dobrou o Cabo de Fornos e enfrontouse a unha división ao mando do comodoro Gais, británico que mandaba as forzas navais do Perú e Colombia, que estaba bloqueando o porto de Callao. Tras un breve combate, puxérono en fuga con graves avarías nos seus buques. Dono do territorio o xeneral Sucre, Guruzeta dividiu forzas e el ficou co navío Asia e dous bergantíns cos que puxo rumbo a Filipinas, pero ao facer augada nas Illas Marianas, a tripulación, de orixe americana, amotinouse e Montojo e os oficiais foron vencidos e desembarcados naquelas illas. Nun buque baleeiro Montojo alcanzou Manila e pasou a España en 1826.[1] Logo foi destinado de oficial de ordes no apostadeiro de Alxeciras e pouco despois no Observatorio de Mariña de San Fernando, a petición do seu director. De novo volveu a Filipinas a bordo do Santa Ana e ao seu regreso a España foi destinado definitivamente como astrónomo no Observatorio de San Fernando. Desempeñou a Xefatura de Estudos do Colexio Naval, en comisión, até que foi cuberto o posto en propiedade, sen desatender o seu destino no Observatorio. Ocupou varias veces a dirección do centro con carácter interino. O 29 de maio de 1847 foi nomeado director do Observatorio por renuncia, debida a enfermidade de Sánchez Cerquero.[2]

No mundo científico era coñecido polas súas publicacións. En 1835 outorgóuselle o título de membro honorario da Sociedade Científica de Xibraltar e en 1836 nomeóuselle correspondente da Real Academia das Ciencias de Madrid. En 1837 foi ascendido a capitán de fragata e en 1840 a capitán de navío,[3] comenzando a traballar na rectificación das posicións dun gran número das estrelas contidas no catálogo da Sociedade Astronómica de Londres, por non estar de acordo cos lugares designados a elas nas cartas astronómicas e en 1841 foi en comisión por orde do Goberno ao Reino Unido para visitar os observatorios daquel país e modernizar o de San Fernando.[4] Cos seus traballos puido establecerse o fundamento para o gran catálogo de 8377 estrelas que foi publicado en 1845 pola Asociación. Neste mesmo ano creouse o Colexio Naval de San Fernando, nomeándose prefecto de estudos sen deixar o seu posto no Observatorio. En 1847 nomeouse director en propiedade deste e en 1848 foille encargada a redacción do plan de estudos do novo Colexio Naval e publicou unha Aritmética (Cádiz, Imprenta de la Revista Médica Gaditana, 1849) e unha Álgebra (Cádiz, Imprenta de la Revista Médica Gaditana, 1850), non podendo facelo coa Trigonometría, pois ao mesmo tempo levaba entre mans a reforma do Almanaque Náutico Español. O exceso de traballo quebrantou a súa saúde e caeu enfermo. Con todo concluíu o traballo pouco antes da súa morte, e ao final puido publicarse póstumo en 1865 co título de Tratado elemental de Trigonometría.[5]

En 1851 nomeárono brigadier da Real Armada Española. Traduciu ao español o Tratado de Astronomía de John Herschel a instancias duns amigos.[6] Este traballo mereceu a aprobación e felicitación do propio autor. Seu fillo o almirante Patricio Montojo y Pasarón traduciu o complexo Dictionnaire de marine. Anglais-Français-Allemand-Espagnol-Italien do capitán H. Paasch. Saturnino foi comisionado en 1855 polo Goberno para que viaxara polos países máis importantes, cientificamente falando, para á súa vez poñer ao día o español, sendo recibido con aprecio en todos os que visitou, pero non deu terminado a súa Memoria desta viaxe, pois faleceu en San Fernando en 1856.

Recoñecementos editar

No concello de Ferrol un centro de ensino secundario leva o seu nome[7].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Travieso, José Marcelino (1856). Imprenta de Tomás Fortanet, ed. La Marina: Revista científica, militar, administrativa, histórica, literaria, política y de Comercio. Tomo 2. 
  2. Ministerio de defensa, Gobierno de España (ed.). "Orígenes del Real Instituto y Observatorio de la Armada en San Fernando". 
  3. V.A. (1862). Imprenta de Luie Beltrán, ed. Catálogo descriptivo de los objetos que contiene el Museo Naval. 
  4. Universidad Complutense de Madrid (ed.). "La Geofísica en el Real Instituto y Observatorio de la Armada en San Fernando, p.122" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2010. Consultado o 1 de marzo de 2009. 
  5. Montojo, Saturnino (1865). Imprenta y Librería Española, ed. Tratado elemental de Trigonometría. 
  6. Montojo, Saturnino (1844). Imprenta de la Sociedad Literaria y Tipográfica, ed. Tratado de astronomía escrito en inglés por J.T.W Herschel. 
  7. I.E.S. SATURNINO MONTOJO