Salterio de Fingoi
Salterio de Fingoy (na edición orixinal)[1] ou Salterio de Fingoi, é un libro de poemas de Ricardo Carballo Calero publicado en 1961[2] por Editorial Galaxia dentro da Colección Salnés, e reeditado en 1980[3].
Salterio de Fingoi | |
---|---|
Título orixinal | Salterio de Fingoy |
Autor/a | Ricardo Carballo Calero |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galega |
Colección | Colección Salnés |
Xénero(s) | Poesía |
Editorial | Galaxia |
Data de pub. | 1961 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Características
editarSalterio é un libro de coro que contén salmos. Fingoi é o colexio no que Ricardo Carballo Calero traballo en Lugo. Son catro partes: Salterio de Fingoi, Aneis de água, Novelos de fantasmas, Oratório. Para Henrique Rabuñal: Na primeira domina a expresión da anguria e o silencio, a soidade do ser humano, a busca da liberdade, a defensa da poesía, a ruína existencial... Na segunda, o poeta expresa o fuxidío existir e a profunda soidade en que vive quen deu todo aos demais e nada a si mesmo, a súa condición de viaxeiro por un país incerto e sen mapas.[4]
A métrica clásica convive cos metros da poesía contemporánea, a imaxe e a metáfora están moderadas polo conceptualismo de base existencial, conxuga connotación e denotación, o xogo do banal e do transcendente, da excelencia e da vulgaridade, do escuro e do transparente. É esa tensión de contrarios un elemento de contemporaneidade e específico da poesía de Carballo Calero. Predomina o sentido transcendental da existencia, onde a poesía é catarse, unha maneira de expresar esa transcendencia, de purgar as preocupacións do home. [5].
Sobre a poesía de temática relixiosa no libro o autor confésalle a Carmen Blanco:
É un tipo de poesía que non considero que sería axeitado situar dentro dunha conceición positica concreta da transcendencia, senón que máis ben alude ao problema da fintitude humana, ao problema da relación do home coa morte, e formula unha serie de preguntas a propósito do que hai máis alá da vida mesma. Para min está clarísimo que un dos cumes deste tipo de poesía témolo a man: é Rosalía de Castro[6].
Araceli Herrero Figueroa distingue no libro os temas de Deus, a vida, o amor e a morte. E engade:
No "Salterio de Fingoi" apresenta-se-nos, pois, a vida como unha sucesión de traxédias; na sua derradeira eséncia, catarse intermitente. O poeta situa-se nunha posición de menesterosidade ante Deus. E no libro, máis concretamente, na terceira etapa vital, a madurez, cando a paz do solpor se extende encol dos despoxos, nun reencontro coa crenza infundida na nenez, que como nos di no seu diálogo coa alma. Unha crenza, unha fe non infantil e docilmente, senón introspectiva e intelectualmente asumida. Medita sobre a vida humana: é un tránsito... Hai moito de oración, de petición de auxilio, de confesión de desvalimento, de filial arela de protección nos salmos do “Saltério”. O libro bíblico de tal nome reúne cánticos de vários tipos. Diríamos que é o salmo penitencial, o que rexistra a distáncia entre o home e o Deus, o que confesa a insignificáncia do que aspira ao consolo no grémio paterno, a angústia da efemeridade, a petición de salvación e misericórdia, o que estaba especialmente na mente do poeta cando na soledade de Fingoi, desacougado por graves inquedanzas, tanxe o seu instrumento lírico, o seu “Saltério”, como David rodeado de inimigos, é dicer, rodeado de forzas mundanas que baten con fria dureza no seu corazón[7].
Contido
editarNa edición de 1980 hai catro apartados.
- Saltério de Fingoi
- E a roda vai girando, como a do afiador. Poema no que se evidencian as resonancias bíblicas.[8]
- Oh néboa, oh néboa
- Anda, home, arrandea-te: é o teu fado
- E estás ali –como un cadelo triste
- Intre de soledade
- Demasiado duro es pra contigo
- A bailaria
- Ja chegou ese tempo
- Un pouco de dor
- Ben querería, certo
- E pra qué escreber máis
- Hai quen a vida leva nos seus fros
- Non. Non che é o gozo do botin
- A tua carne é moza
- De novo aquel veleiro
- Ti que procuras a infinda liberdade
- Oh ti, a leda, que os brazos ergues nus
- Poeta es, pois dá-che nojo todo
- ¿Cómo contentar pode a pequenez
- Arrandea-se a tua carriola
- Mais ao cabo tamén o amor
- Ten mal sabor a vida ten algunhas veces
- Alto Lérez
Unha sombra catrípeda na vida
esvai a sua presenza dubidosa.
Escintila o seu brillo un lombo rosa
entre o millo, de deusa esmaecida.¿Ou a vida é ja Pan? Pan, Viño, Vida.
O bacelo à pezuña un ar lle amosa.
E o debullar do riso da formosa
é mazaroca roxa esparegida.Danza inicial. O mito, a terra en danza.
Senra e seitura, agarda a relembranza.
Co numinal o vegetal confina.
A seiva, o sangue é o mesmo da crianza.
Danza final. A água danzarina
leva a dozura cara a amargura. [9]
- Morta no mar
- Aneis de água
- ¿E de verdade foi? ¿Foi de verdade?
- Ollas, meu ben, as cañas dos Ancares
- No illó da beira do camiño
- A felicidade
- Esquezo
Deus consolador, que deces
desde a dozura da noite,
como un orballo de paz,
como unha man de luceiro
que penetra o corazón
e tira del a desdita
... [10]
- Esta nada que che traio
- Non amo moito a poesia. Amo-a
- E se agora dixeses “te amo”
- Con qué temor as miñas mans
- Ti que me ajudas nesta misa eterna
- Gadañadora
- Praia de Corujo
- Non, non te amei. Agora sinto perto
- E calquei a soleira bretemosa
- Novelos de fantasmas
- Rosa en maceta
- Viage
- Paxaro
- Amazonas
- Ese neno
- Perguntas
- Salomé
- Amantes
- Oratório
- Rondel do anjo do paraíso
- Helena regresa a Esparta
Estes son os pórticos, estas as areas.
Ergue-se a neve ali coroando os penedos.
Aquí esbaran os cisnes entre os vimbios.Beleza vencedora, acollen-me os lugares
como se non tornase profanana
por beixos estrangeiros.A gorja do tempo engolirá Troia
As bágoas de Hécuba, a lanza de Héitor,
e os dez anos adúlteros. Purificada
polo esquecimento, me non pesa o corazón.
o trono de Príamo, o leito de Páris
fundirán-se na noite da morte. Segura,
calco con pe de marbre o pazo natal.[12]
- Graal
- Gandhi
- Urbe
- In memoriam
- A Bacante e Dionisos
Notas
editar- ↑ Salterio de Fingoy en Google Books.
- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1961). Salterio de Fingoy. Galaxia.
- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1980). Pretérito imperfeito (1927-1961). Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-047-7.
- ↑ Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 131,2. ISBN 978-84-9151-436-7.
- ↑ Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1043. ISBN 84-89679-05-3.
- ↑ Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 208. ISBN 84-7154-654-X.
- ↑ "A procura da transcendéncia en “Saltério de Fingoi”" (PDF). poesiagalega.org. Consultado o 25/03/2018.
- ↑ Dacosta, Henrique (2020). Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético. Edicións Xerais de Galicia. p. 51. ISBN 978-84-9121-625-4.
- ↑ Carballo Calero 1980, p. 168.
- ↑ Carballo Calero 1980, p. 184.
- ↑ Carballo Calero 1980, p. 209.
- ↑ Carballo Calero 1980, p. 222.