Síntese de ADN

páxina de homónimos de Wikimedia
(Redirección desde «Síntese do ADN»)

A síntese de ADN é a produción natural ou artificial de moléculas de ácido desoxirribonucleico (ADN). O termo pode referirse a algún destes tres procesos segundo o contexto:

Replicación do ADN editar

Artigo principal: Replicación do ADN.

Na natureza o ADN xérase en todas as células vivas e en virus de ADN por medio do proceso da replicación do ADN, no cal as proteínas iniciadoras da replicación separan o ADN orixinal existente na célula e despois as ADN polimerases fan unha copia complementaria de cada febra separada, de modo que unha febra copia nova se une á febra molde orixinal (replicación semiconservadora), orixinando dúas moléculas de ADN. Existen varios modos de estimular artificialmente a replicación do ADN natural. A replicación do ADN ten lugar na fase S do ciclo celular ou fase de síntese de ADN.[1]

O encima transcriptase inversa pode fabricar ADN a partir dun molde de ARN, pero este proceso chámase transcrición inversa ou reversotranscrición. Ocorre en retrovirus e transposóns. O encima transcriptase inversa pode servir para producir ADNc para usalo en procedementos de laboratorio.

Reacción en cadea da polimerase editar

A reacción en cadea da polimerase ou PCR é unha forma de síntese encimática de ADN no laboratorio, mediante ciclos repetidos de quentamento e arrefriamento do medio, adición de cebadores, e uso dunha ADN polimerase especial chamada Taq polimerase, que realiza a replicación encimática do ADN. O proceso está automatizado nuns aparellos chamados termocicladores.

Síntese de xenes editar

A síntese artificial de xenes é o proceso consistente en sintetizar xenes in vitro sen utilizar como molde inicial mostras de ADN. En 2010 J. Craig Venter e o seu equipo foron os primeiros en usar ADN completamente sintetizado no laboratorio para crear un microbio autorreplicante, que se denominou Mycoplasma laboratorium.[2]

Síntese de oligonucleótidos editar

A síntese de oligonucleótidos é a síntese química de secuencias de ácidos nucleicos. O proceso está completamente automatizado desde finais da década de 1970 e pode utilizarse para formar as secuencias xenéticas desexadas e para outros usos en bioloxía molecular e medicina.

Síntese de pares de bases editar

Recentes investigacións demostraron a posibilidade de crear novas nucleobases distintas das naturais adenina, timina, guanina e citosina. Isto expandiría ocódigo xenético e orixinaría novos tipos de ácidos nucleicos.[2]

Notas editar

  1. Alberts B, Johnson A, Lewis J, et al. Molecular Biology of the Cell. 4th edition. (DNA Replication Mechanisms). New York: Garland Science; 2002. [1]
  2. 2,0 2,1 Fikes, Bradley J. (May 8, 2014). "Life engineered with expanded genetic code". San Diego Union Tribune. Consultado o 8 May 2014.