O Romancero gitano é unha obra poética de Federico García Lorca, publicada en 1928. Está composta por dezaoito romances co nexo común da cultura xitana, pero abarcando temas como a noite, a morte ou a paixón.

Romancero gitano
Portada do libro feita por Lorca
Título orixinalPrimer romancero gitano
Autor/aFederico García Lorca
OrixeEspaña
LinguaCastelán
Tema(s)Andalucía lorquiana[1]
Xénero(s)Poesía
EditorialRevista de Occidente
Data de pub.Abril de 1928
editar datos en Wikidata ]

A obra presenta unha gran síntese entre a poesía popular e a alta poesía, tratando a cultura popular andaluza e xitana de xeito mítico e metafórico e cunha gran sensualidade. Tamén reflicte as penas dun pobo perseguido que vive á marxe da sociedade e que se ve perseguido polos representantes da autoridade, e pola súa loita contra esa autoridade represiva.

Lorca cualificouna como:

Es mi obra más popular, la que indudablemente tiene más unidad y es donde mi rostro poético aparece con personalidad propia, y lo llamo gitano porque el gitano es lo más elevado, lo más profundo, lo más aristocrático de mi país, lo más representativo de su modo y el que guarda el ascua, la sangre y el alfabeto de la verdad andaluza y universal[2]

.

Análise editar

Espazo da obra: Ambientado en Andalucía, nos barrios xitanos.

Recursos: Metáforas, personificacións, comparacións, repeticións.

Contido e estrutura editar

Lorca estiliza o mundo xitano, alongado do costumismo e tipismo folclórico.

O Romancero pódese estruturar en dúas partes: unha primeira que comprende desde o poema 1 ata o 15, que poden ser cualificados como os Romances propiamente xitanos, e unha segunda que comprende do poemas 16 ao 18, que adoitan ser coñecidos como os Romances históricos.

Romances propiamente xitanos editar

O xitano, polas súas crenzas e códigos, choca con dúas realidades: o amor e os "outros". Estes invaden os seus dereitos ou prestixio, e poden ser xente da súa propia raza ou a sociedade que os marxina e oprime e conta co brazo armado da Garda Civil, o que adoita desembocar en sangue e morte. O amor, o dereito persoal, as crenzas, levan á morte ou ferida moral de difícil curación.

O Romancero comeza co Romance de la luna, luna, unha especie de "romance prólogo", que xa anuncia o mundo tráxico no que se moven os xitanos narrando a historia dun neno que morre en ausencia dos seus pais. Foi publicado por primeira vez en El Norte de Castilla o 9 de abril de 1926[3].

Esta parte do Romancero pódese subdividir, deixando á beira os romances dedicados aos tres arcanxos que simbolizan a Córdoba (San Rafael) , Granada (San Miguel) e Sevilla (San Gabriel), en dúas series:

  • A primeira serie é máis lírica, con presenza predominante feminina. Comprende os romances:
  1. Preciosa y el aire: No que unha nena xitana é perseguida polo ar —símbolo que representa ao masculino—. Foi publicado por primeira vez na Revista de poesía Litoral, Málaga, nº 1 en novembro de 1926[4].
  2. Romance sonámbulo: Reflicte a frustración dun xitano ferido que regresa á casa onde a súa moza está morta. Deste poema dixo o autor: “El misterio poético es también misterio para el poeta” e “siempre tendrá luces cambiantes, aun para el hombre que lo ha comunicado, que soy yo”.
  3. La monja gitana: Unha monxa encerrada nun convento que soña co amor. Sobre as monxas, Lorca escribiu en Impresiones y paisajes: “Case sempre o que induce ás devanditas santas mulleres a se encerraren nesas solemnidades mortas é un conflito sentimental que elas non puideron resistir coas súas almas sen forza”.
  4. La casada infiel: Alude ao amor adúltero. Foi publicado por primeira vez conxuntamente co Martirio de Santa Olalla na Revista de Occidente, vol. XIX, nº LV, xaneiro de 1928, páxs. 40 a 46.
  5. Romance de la pena negra: Na pena de Soledad Montoya reflíctese a pena do pobo xitano.
  • A segunda serie é máis épica e masculina. Comprende os romances:
  1. Reyerta: Fala da violencia e á loita entre os xitanos. Foi publicado por primeira vez en L'amic de les Arts[5].
  2. Prendimiento de Antoñito el Camborio en el camino a Sevilla: Antoñito representa a dignidade xitana ferida polo tempo, as circunstancias e a historia.
  3. Muerte de Antoñito el Camborio: O destino fatal do xitano nacido para a perdición ou para a gloria, que pertence á chamada aristocracia xitana, segundo o propio Lorca.
  4. Muerto de amor: Un enfermo a piques de morrer, trata da inminente fatalidade.
  5. Romance del emplazado: Igual que no anterior, o tema principal é a fatalidade, a morte.
  6. Romance de la Guardia Civil española: A Garda Civil representa a represión contra o mundo xitano, polo que aparece representada coa cor negra.

Romances históricos editar

A segunda parte do Romancero consta tan só de tres poemas, referidos a personaxes históricos que sofren un proceso de xitanización:

  1. Martirio de Santa Olalla: Baseado na vida de Santa Eulalia de Mérida. Lorca pretende facer un romance sobre a Andalucía romana (segundo as súas propias palabras). Foi publicado por primeira vez conxuntamente co poema La casada infiel na Revista de Occidente, vol. XIX, nº lv, xaneiro de 1928, páxs. 40 a 46.
  2. Burla de don Pedro a caballo: Centrado na Idade Media. Os temas son a soidade, a ausencia de amor, o esquecemento.
  3. Thamar y Amnón: Baseado nos amores recollidos no Libro de Samuel na Biblia entre a filla do rei David, Thamar e o seu irmán, Amnón.

Estilo editar

Lorca pretende fundir a linguaxe narrativa coa lírica, sen que ningunha delas perda a súa calidade. Recolle así a tradición do romanceiro: historias que comezan in media res e cun final inacabado, descricións, narrador e diálogos en estilo directo entre os personaxes. En ocasións este diálogo amplíase ó narrador.

Os personaxes editar

  • O home; mantén unha actitude case sempre pasiva, porque os que se lamentan ou queixan na obra son as mulleres. Os homes representan trazos de madurez, sensatez e capacidade de reacción. Destaca a ausencia case total de descricións físicas dos homes.
  • A muller; aparece descrita detalladamente tanto física como psiquicamente. Na obra son personaxes débiles perante as dificultades, facendo así que o personaxe masculino cobre máis forza. Lorca descríbeas con melena de pelo negro, tratándoas como algo moi sensual e erótico. "Soledad Montoya" ou "a monxa xitana" son representacións do que significa a muller para os xitanos.

Simbolismo da obra editar

O Romancero gitano contén gran cantidade de símbolos. Os principais, xunto co seu significado, son:

  • Metais: coitelos, bigornias, aneis etc. Fan referencia á vida dos xitanos.
  • Aire: o erotismo masculino.
  • Espello: o fogar e a vida sedentaria.
  • Auga: en movemento representa a vida, e en repouso, a paixón estancada.
  • Cabalo: a paixón desenfreada que conduce á morte.
  • Lúa: aparece 218 veces, simboliza a morte.
  • Cor negra: a morte.
  • Cor branca: aparece 78 veces; significa a vida, a luz.
  • Cor verde: aparece 98 veces, significa vida, amor e morte, pero coa imposibilidade de dicir que significa unha única cousa.
  • Cor azul: aparece 70 veces.

Notas editar

  1. Jorge Guillén. Federico en persona. Semblanza y epistolario. Bos Aires, Emecé, 1959
  2. "Páxina da consellería de educación da Xunta de Galicia sobre a obra". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2008. Consultado o 10 de febreiro de 2008. 
  3. Allué y Morer, Fernando. “Federico García Lorca y los Romances gitanos”. Revista de Occidente, Nº 95, 1971, páx. 232
  4. Sibbald, K. M. Original contributions to the Literary Magazines in the Years 1917-1937, García Lorca Review, vol. II, núm. 1 e 2, 1974
  5. Rodrigo, Antonina; García Lorca en Cataluña, páx. 236 a 239

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar