Roland Barthes
Roland Barthes, nado en Cherbourg o 12 de novembro de 1915 e finado en París o 25 de marzo de 1980, foi un escritor e semiólogo francés.
Traxectoria
editarA súa infancia transcorreu en Baiona, e á idade de dez anos trasladouse a París. Realizou os seus estudos no Liceo Louis-le-Grand e na Facultade de Letras da Universidade de París. Alí titulouse en Letras Clásicas (1939) e Gramática e Filosofía (1943), mais despois tivo que interromper as súas actividades durante varios anos por mor dunha enfermidade.
Foi lector (profesor nativo) de francés en Alexandría e en Bucarest. Despois da Segunda guerra mundial, entre 1952 e 1959, traballou no Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS), en París. Finalmente, foi nomeado xefe de Traballos de Investigación e, en 1962, xefe de estudos da Escola Práctica de Altos Estudos, organismo onde se adicou á investigación acerca da socioloxía dos símbolos, os signos e as representacións.
En 1967 escribiu a súa obra máis coñecida, o ensaio A morte do autor, e tres anos máis tarde a que moitos consideran a súa obra máis prodixiosa: S/Z. Durante a década de 1970 continuou desenvolvendo a súa crítica literaria, buscando novos ideais de textualidade e neutralidade novelística a través das súas obras.
Barthes morreu en 1980 tras ser atropelado por unha camioneta de lavandería na rúa das Écoles, xusto fronte á Sorbona, mentres regresaba dunha comida que tivera con François Mitterrand, e que a prensa ocultou para evitar que acusasen o político de gafe.
Pensamento
editarÉ parte da escola estruturalista, influenciado polo lingüista Ferdinand de Saussure, e crítico dos conceptos teóricos complexos que circularon dentro dos centros educativos franceses nos anos 50.
A súa produción literaria experimentou diversas evolucións: dende unhas orixes sartrianas extremas, desenvolveu despois unha investigación propiamente semiolóxica, cun interese especial pola lingüística. Durante un tempo interesouse polo campo chamado "texto": a obra literaria considerada dende diversos puntos de vista, nunca unilateralmente, e que implicaba, ou ben unha filosofía do suxeito de tipo psicanalítica, ou ben unha filosofía da sociedade de tipo marxista ou política.
Véxase tamén
editarA Galicitas posúe citas sobre: Roland Barthes |
Ligazóns externas
editar- Las muertes de Roland Barthes por Jacques Derrida (en castelán)
- Roland Barthes por Philippe Sollers (en francés)