Requinta


Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.

A requinta é un tipo de frauta traveseira típica de Galicia, máis especificamente das Terras do Ulla. Naceu como instrumento de acompañamento de formacións típicas de música tradicional con gaita, bombo e tamboril. A súa construción é artesanal, e a madeira empregada adoita se-lo buxo, aínda que non é infrecuente atopar requintas doutras madeiras nobres, como o granadillo, ou doutras moito máis cativas como a hedra. Está composta de cinco pezas aneladas en alpaca, latón, ou ás veces en prata. A primeira peza leva a embocadura e a rosca de afinación, e a derradeira adoita levar unha chave que aumenta o cromatismo do instrumento, e resulta fundamental para afina-las notas na terceira oitava.

A principal afinación das requintas é o fa#, para poder servir de acompañamento ás gaitas afinadas en si natural, aínda que tamén se poden atopar requintas afinadas en sol, para acompañar gaitas afinadas en do natural. O xeito máis común de tocar é unha oitava por riba da gaita, e cando coinciden dúas requintas, facendo unha mesma melodía en terceiras paralelas. A súa dixitación ven condicionada polo feito de que hai que tocar nunha escala de Si natural nun instrumento orixinariamente afinado en Fa e retocado para levalo ao Fa#. Así, a dixitación está pragada de tranquillas, posturas entrecruzadas dos dedos que se empregan para obter as notas desexadas.

Os recursos de ornamentación de que fan uso os requinteiros son moi diversos, e só están limitados pola súa imaxinación e pola súa capacidade técnica. Adoitan utilizar trilos longos sobre notas cadenciais, fraseos picados e contranpuntísticos. O feito de que se atopasen pezas compostas para dúos e tríos de requintas sen gaita é unha proba de que este instrumento non foi nunca menosprezado en favor da gaita, en contra do que se puidese pensar. De feito hai evidencias de grupos compostos exclusivamente por requinteiros.

No ano 2017, publicouse un libro-cd que reúne en máis de 80 partituras transcritas, o primeiro cancioneiro de música do repertorio dos grupos tradicionais que empregaban nas súas formacións a requinta da Ulla, traballo feito por Rafael Carracedo Crespo na editorial Embora e coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar