Rafael Sisto

profesor e político galego
(Redirección desde «Rafael Sisto Edreira»)

Rafael Carlos Sisto Edreira, nado Luou (Teo) o 30 de xaneiro de 1963, é un político galego.

Rafael Carlos Sisto Edreira
Rafael Sisto
Rafa Sisto en 2017.


Alcalde de Teo
13 de xuño de 2015 – 17 de xuño de 2023
Precedido por Martiño Noriega
Sucedido por Lucía Calvo de la Uz

Datos persoais
Nacemento 30 de xaneiro de 1963 Teo, Galicia
Partido Son de Teo
Profesión Profesor
Alma máter Universidade de Santiago de Compostela

Na rede
Dialnet: 565029

Traxectoria editar

Licenciado en Ciencias Químicas e doutorado en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. É profesor de Ensinanza Secundaria. Concelleiro en Teo dende as eleccións municipais de 2003, nas cales foi elixido como número 2 do BNG, situándose na oposición. Trala vitoria do BNG nas municipais de 2007 pasou a ser tenente de alcalde e ocupar diversas responsabilidades de goberno, baixo o mandato de Martiño Noriega. Continuou tras revalidar o BNG o goberno con maioría absoluta nas municipais de 2011. En marzo de 2012, xunto con Noriega e outros 5 concelleiros, abandonou o BNG trala marcha do Encontro Irmandiño da formación, pasando a constituír posteriormente Anova-Irmandade Nacionalista. No 2013 foi elixido membro da Coordinadora Nacional do novo partido[1].

Nas eleccións municipais de 2015, trala marcha de Martiño Noriega a Santiago de Compostela, encabezou a candidatura de Son de Teo-ANOVA e logrou a alcaldía, tras sela forza máis votada, e estableceu un pacto de goberno co PSdeG liderado por Uxía Lemus. Ademais da alcaldía tamén asumiu as áreas de Persoal, Economía e Facenda, Saneamento e Abastecemento, Medio Natural e Lingua do Concello.[2] No tramo final do mandato sumouse á proposta do seu antecesor Martiño Noriega, entón alcalde compostelán, de fusiona-lo concello da capital cos municipios de Teo, Ames ou Val do Dubra[3]. Nas eleccións municipais de 2019 sufriu unha considerable desfeita ó pasar de 7 a 4 concelleiros, converténdose o PPdeG en primeira forza pese a estancarse en 7 edís, e cos seus socios do PSdeG-PSOE empatando a 4 edís con eles, se ben seguían contando con máis votos. Desta maneira, finalmente acadou de novo a alcaldía[4], renovando o pacto de goberno cos socialistas de Uxía Lemus pero necesitando o apoio dos 2 edís do BNG na investidura. En outubro de 2021 expulsou os concelleiros socialistas do executivo local e continuou gobernando en minoría[5]. Renunciou a presentarse á reelección nas municipais de 2023, nas cales o seu grupo pasou a denominarse Proxecto Común de Teo e pechou a súa lista[6].


Predecesor:
Martiño Noriega Sánchez
  
Alcalde de Teo
 
2015 - 2023
Sucesor:
Lucía Calvo de la Uz

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar