Movemento Provo

(Redirección desde «Provo»)

Provo (do neerlandés provoceren, provocar) foi un movemento de corte anarquista que se desenvolveu nos Países Baixos entre 1965 e 1967. No manifesto fundacional o movemento Provo declaraba ter "algo contra o capitalismo, o comunismo, o fascismo, a burocracia, o militarismo, o snobismo, o profesionalismo, o dogmatismo e o autoritarismo".[1] Os provos foron os primeiros en Europa que mediante as súas protestas conseguiron converter a rúa en espazo lúdico a través dun formato que chamaron "happening", consistente en eventos efémeros que mesturaban a arte e a performance en lugares públicos.[2]

Movemento Provo
Logo
Tipogroup action
IdeoloxíaAnarquismo
Data de fundaciónmaio de 1965
editar datos en Wikidata ]
Pancarta do movemento Provo, Ámsterdam, 1966.

Características editar

O movemento Provo tivo a súa orixe en grupos de adolescentes descontentos chamados Nozems, que pasaban a meirande parte do seu tempo nas rúas cos seus ciclomotores e provocando á policía. O termo Provo foi acuñado polo sociólogo holandés Buikhuizen nunha descrición dos Nozems. Roel Van Duyn, estudante de filosofía da Universidade de Ámsterdam, foi o primeiro en recoñecer o potencial dos Nozems: "é a nosa tarefa converter a súa agresividade en conciencia revolucionaria", escribiu en 1965.

A cabeza visible do movemento Provo foi Roel van Duijn, seguidor da tradición anarquista holandesa iniciada por Ferdinand Domela e lector dos textos de Piotr Kropotkin. Deuse a coñecer co seu libro Mensaxe dun ananiño sabio. Outro dos fundadores foi Robert Grootveld, artista con especial talento para as performance. O obxectivo primordial do movemento Provo era romper o medo dos cidadáns polo poder. Os seus membros valéronse da burla e da parodia das autoridades, e para iso foilles moi útil caracterizar todas as súas intervencións como actos lúdicos. A resposta desmedida das autoridades por medio da policía provocou a solidariedade dos cidadáns, sobre todo nos sectores de esquerdas, estudantes e intelectuais.[1]

En 1966 Provo participou nas eleccións municipais co lema "Stem Provo -kéjje lachen" (en neerlandés, Vota Provo e verás que risa). Ganaron un escano no consello municipal. Non tardaron en chegar as acusacións de reformismo coa entrada na política convencional. Máis tarde presentáronse tamén ás eleccións xerais. A actuación desmesurada da Administración e da policía de Ámsterdam obrigou ao xefe da policía e ao alcalde a dimitir. O 15 de maio de 1967 Provo autodisolveuse publicamente. Como era habitual ninguén sabía con certeza se a disolución era real. Máis adiante un coñecido provo explicou que a entrada en política foi o causante da disolución.[2] Tras a desaparición do movemento Provo, o seu lugar veu ser ocupado polos chamados kabouters (ananos), que obtiveron dous escanos nas eleccións municipais ao concello de Ámsterdam.[1]

Plans Brancos editar

Os Provo levaron adiante numerosas iniciativas, bautizadas como "Plans Brancos". Entre as máis salientables están o chamado "Plan das Bicicletas Brancas", que co repartimento gratuíto de bicicletas pretendía ofrecer unha alternativa de mobilidade para un ámbito urbano xa a esas alturas demasiado conxestionado polo uso masivo do automóbil privado[1]. Dentro desta mesma liña, o movemento Provo protestou contra a especulación inmobiliaria e a contaminación ambiental con accións como o "Plan das Casas Brancas". Este consistía en mobilizacións encamiñadas a ocupar casas baleiras coas que o concello non sabía que facer, para rehabilitalas e poñelas de novo en uso. Os provos publicaban semanalmente unha listaxe de pisos e casas baleiras polo interese xeral de homeless, familias e nómades.[2] Máis adiante isto deu pé ao nacemento do primeiro movemento de ocupas, chamado de Kraker, que comezou a súa andaina en 1969[3]. Tamén o "Plan das Mulleres Brancas" buscaba a prevención de embarazos non desexados mediante a apertura de clínicas que ofreceran anticonceptivos e información médica, e o "Plan dos Cativos Brancos" reclamaba garderías gratis.[4]

Outros Plans Brancos eran máis lúdicos que políticos, como o "Plan das Chemineas Brancas" (gravar con impostos ás máis contaminantes e pintalas de branco), ou o "Plan dos Pitos Brancos", que tiña como obxectivo alterar a imaxe dos policías (coñecidos como "pitos azuis") creando un corpo de axentes desarmados e en bicicletas brancas, que ofrecían primeiros auxilios, mistos, cigarros, polo fritido e anticonceptivos gratis. Outra das liñas de acción foi o chamado “Marihuettegame”, un xogo de desinformación consistente en demostrar a completa ignorancia da clase dirixente sobre o cánnabis a través da difusión de desinformación sobre o tema. Os xogadores tiñan que pasalo ben, ridiculizar á policía e fumar marihuana, e conseguía puntos extra quen conseguise colocarse fumando algunha substancia legal ou se era capaz de atraer unha redada de policías adictos á nicotina.[5]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 SÁNCHEZ ROMERO, M. (12/2006). "Los Países Bajos: ¿un país tolerante?" (PDF). mAGAzin (17). ISSN 1136677X. Arquivado dende o orixinal (Pdf) o 19/09/2010. Consultado o 12/10/2010.  (en castelán)
  2. 2,0 2,1 2,2 MING, W. (21/08/2005). www.rebelion.org, ed. "Pequeño Larusse (sic) de historias trastronadas: Guerrillas culturales, provocadores e indios poetas, culturetas subversivos, fumetas, macarras instruidos y folladores de calle". Consultado o 12/10/2010.  (en castelán)
  3. VAN LEEUWEN, M.G. (17/04/2009). www.static.rnw.nl, ed. "Ámsterdan combate a okupas ilegales". Arquivado dende o orixinal o 23/07/2010. Consultado o 11/10/2010.  (en castelán)
  4. "Los provos holandeses". Arquivado dende o orixinal o 16/03/2010. Consultado o 12/10/2010.  (en castelán)
  5. VOETEN, T. (01/1990). www.ardjoena.nl, ed. "The true story of the Dutch Provos". Consultado o 11/10/2010.  (en inglés)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar