Portal:Celtas/Cabezallo

Portal dos celtas

Os celtas son un conxunto de pobos indoeuropeos de Europa identificados polo uso das linguas celtas e outras semellanzas culturais. A historia da Europa precelta e a relación exacta entre os diferentes grupos étnicos, lingüísticos e culturais dentro do espazo celta é tema de debate e controversia. Por outra banda, o alcance xeográfico dos antigos celtas tamén está en disputa; particularmente, se os habitantes da Idade de Ferro de Gran Bretaña e Irlanda deberían ser considerados ou non como celtas. Segundo unha teoría, a orixe común das linguas celtas, a lingua protocelta, xurdiu na cultura dos Campos de Urnas a finais da Idade de Bronce en Europa central, a cal floreceu arredor do ano -1200.

De acordo con outra teoría proposta no século XIX, o primeiro pobo en amosar características culturais consideradas como celtas foi o pobo da cultura de Hallstatt da Idade de Ferro, en Europa central (c. -800 e -450), chamada así polos ricos achados de tumas en Hallstatt, Austria. É por iso que ás veces a zona é coñecida como a "patria celta". Durante o período de La Tène (c. -450 BC até a conquista romana), chamado así polo sitio arqueolóxico de La Tène, en Suíza, esta cultura celta supostamente expandiuse por difusión transcultural ou migración até as Illas Británicas (celtas insulares), Francia e os Países Baixos (galos), Bohemia, Polonia e gran parte de Europa central, a Península Ibérica (celtiberos, célticos, lusitanos e galaicos) e o norte de Italia (cultura de Golasecca e galos cisalpinos) e, posteriormente o asentamento celta en Europa oriental que comezou no ano -279, chegando ao leste até Anatolia central (gálatas) na actual Turquía.