Ponte de Castrelos

Coordenadas: 42°12′44″N 8°44′02″O / 42.21213889, -8.73380556

A ponte de Castrelos é unha pequena ponte medieval que se atopa en Castrelos, hoxe en día na mesma cidade de Vigo. Servía de paso para cruzar o río Lagares no Val do Fragoso. Coñécese tamén coma ponte de Balaídos, ponte do Lagares ou ponte de Pereiró.

Ponte de Castrelos
Localización
RíoLagares
ConcelloBalaídos, Castrelos, Vigo
ProvinciaPontevedra
Características
ConstruciónIdade Media
Lonxitude22 m
Ancho3,5 m
Gálibo5,5 m
TipoRománico
MaterialPedra

Localización editar

Atópase na Travesía da Ponte Romana, entre as rúas de Balaídos, a Avenida de Castrelos e a Avenida do Alcalde Portanet, en Castrelos, Vigo. Nunha zona baixa do Val do Fragoso coñecida co nome de Balaídos, moi preto do parque de Castrelos e do Estadio de Balaídos. Esta zona era na antigüidade lamacenta e influenciada polas cheas do río.

Características editar

Está feita en fábrica de cantaría de pedra de gra e rematada en cachotaría da mesma pedra. Ten unha lonxitude duns 21,50 metros, mais sábese que posuíu até 60 metros de calzada conservada até mediados do século XX. Mide 3,5 metros de largo e 4 de altura máxima. Conta cun único arco de medio punto ou de volta perfecta de 5,5 metros de lonxitude máxima. O taboleiro sobe no medio, presentando unha forma algo apuntada na parte central. Ten dous pares de tallamares a ambos os lados, de forma triangular e moi ben conservados. Conta ademais con dous vans a xeito de aliviadoiros nun dos lados para evitar o derrubamento da ponte nas enchentes; sábese que existiron dous vans adicionais. É posíbel que contase outrora con máis arcos, xa que a zona, chá e lamacenta, sofre de asolagamentos acotío aínda hoxe en día. Hoxe tamén podemos ollar nos inicios da ponte varios chantos de forma cónica-truncada, dun metro de alto e que por documentos de períodos anteriores sábese que posuía máis. Algunhas destas pedras áchanse hoxe no Museo Quiñones de León, no Pazo de Castrelos[1].

Historia editar

É unha das dúas pontes antigas aínda en pé que atravesan o río Lagares, a outra localízase en Sárdoma, que daba acceso ao Pazo da Caracola, e aínda hoxe ten uso peonil. As orixes son incertas, mais seica teña unha orixe romana, xa que esta zona foi moi romanizada, con numerosas fábricas de salga, salinas, vilas e grande actividade comercial arredor da poboación castrexa-romana coñecida coma Vicus. Ademais, algúns historiadores identificaron algunhas inscricións nalgúns perpiaños. Porén a conformación que ollamos na actualidade vén claramente da Idade Media, cando sufriría moitas modificacións.[1]

Nos anos setenta do pasado século o río canalizouse co avance da cidade e a urbanización de Balaídos, polo que o leito deixou de pasar por baixo da ponte. Hoxe o río pasa a uns 10 metros ao norte.[1]

En 1987, logo de que a ponte estivese desprotexida e moi deteriorada, o concello de Vigo en colaboración co Departamento de Arqueoloxía do Museo Quiñones de León, fixo unha limpeza e escavación da zona, onde se rescataron varias pezas pétreas que foron levadas ao museo.

Despois da súa restauración e protección cun valado, foi declarada Ben de Interese Cultural con categoría de monumento histórico-artístico por resolución do 11 de febreiro de 1991.[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 José Manuel Hidalgo Cuñarro: "Los puentes medievales de Vigo"
  2. "Galicia Máxica". Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2014. Consultado o 24 de setembro de 2014. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Pereira García, Elisa: "A Ponte de Balaídos" p. 251-268 en "Glaucopus" Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, n.º 6, 2000.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar