Contaminación
A contaminación é a introdución de substancias ou outros elementos físicos nun medio que provocan que este sexa inseguro ou non apto para o seu uso;[1] é dicir, calquera substancia ou forma de enerxía con potencial para provocar danos, irreversibles ou non, nese medio. Ese medio pode ser desde un ecosistema, ata un hábitat ou un ser vivo. O contaminante pode ser unha substancia química ou enerxía (como son, calor, luz ou radioactividade).
É sempre unha alteración negativa do estado natural do ambiente, e polo xeral, xérase como consecuencia da actividade humana considerándose unha forma de impacto ambiental.
A contaminación pode clasificarse segundo o tipo de fonte de onde provén, ou pola forma de contaminante que emite ou medio que contamina. Existen moitos axentes contaminantes entre eles as substancias químicas (como praguicidas, cianuro, herbicidas e outros.), os residuos urbanos, o petróleo, ou as radiacións ionizantes. Todos estes poden producir enfermidades, danos no ambiente ou nos ecosistemas. Ademais existen moitos contaminantes gaseosos que xogan un papel importante en diferentes fenómenos atmosféricos, como a xeración de choiva ácida, o enfraquecemento da capa de ozono, e o cambio climático.
Hai moitas formas de combater a contaminación, e lexislacións internacionais que regulan as emisións contaminantes dos países que adhiren estas políticas. A contaminación está xeralmente ligada ao desenvolvemento económico e social. Actualmente moitas organizacións internacionais como a ONU sitúan ao desenvolvemento sustentable como unha das formas de protexer aos ecosistemas e preservalos para as actuais e futuras xeracións.
Tipos
editarEn función do medio afectado
editar- Contaminación atmosférica. Debida ás emisións atmosféricas. Os contaminantes principais son os produtos de procesos de combustión convencional en actividades de transporte, industriais, xeración eléctrica e calefacción doméstica, a evaporación de disolventes orgánicos e as emisións de ozono e freóns.
- Contaminación do medio hídrico. Presenza de contaminantes na auga (río ou mar). Os contaminantes principais son os idoidos industriais (presenza de metais e evacuación de augas a elevada temperatura) e augas servidas (saneamento de poboacións).
- Contaminación do solo. Presenza de contaminantes no solo, principalmente debidos a actividades industriais (almacéns, verteduras ilegais), vertedura de refugallos sólidos urbanos, produtos fitosanitarios empregados en agricultura (abonos e fertilizantes químicos) e xurros das actividades gandeiras.
- Contaminación do espazo. Basicamente debida ós refugallos espaciais, que, debido ás grandes velocidades que se manexan no espazo, son perigosos dende dimensións ínfimas.[5]
En función da natureza do contaminante
editar- Contaminación química: Calquera das comentadas nos apartados anteriores. Un determinado composto químico introdúcese no medio.
- Contaminación térmica: Emisión de fluídos a elevada temperatura; pódese producir en cursos de auga. O incremento da temperatura do medio diminúe a solubilidade do osíxeno na auga.
- Contaminación acústica: A debida ó ruído provocado polas actividades industriais, sociais e do transporte, que pode provocar malestar, irritabilidade, insomnio etc.
- Contaminación lumínica: Brillo ou resplandor de luz no ceo nocturno producido pola reflexión e a difusión da luz artificial nos gases e nas partículas do aire polo uso de luminarias ou excesos de iluminación, así como a intrusión de luz ou de determinadas lonxitudes de onda do espectro en lugares non desexados.Afecta a medios transparentes ou traslúcidos, como a atmosfera e a agua. Así, a contaminación lumínica está no punto de mira das entidades adicdas á astronomía.
- Contaminación ou impacto visual: Xeralmente de instalacións industriais, edificios e infraestruturas, consistente no afeamento do medio.
- Contaminación por partículas. Importante na atmosfera, no século XXI preocupa tamén a nivel do espazo exterior, sendo un perigo que se incrementa día a día de cara a futuros lanzamentos espaciais.[5]
En función da extensión da fonte
editar- Contaminación puntual: Cando a fonte se localiza nun punto. Por exemplo, as chemineas dunha fábrica ou un sumidoiro.
- Contaminación lineal: A que se produce ó longo dunha liña. Por exemplo a contaminación acústica e química polo tráfico dunha autoestrada.
- Contaminación difusa: A que se produce cando o contaminante chega ó ambiente de forma distribuída, non localizada. A contaminación de solos e acuíferos polos fertilizantes e pesticidas empregados na agricultura é deste tipo. Tamén é difusa a contaminación dos sollos cando a chuvia arrastra ata alí contaminantes atmosféricos, como pasa coa chuvia ácida.
Notas
editar- ↑ "Pollution - Definition from the Merriam-Webster Online Dictionary". Merriam-webster.com. 13 de agosto de 2010. Consultado o 26 de agosto de 2010.
- ↑ World Resources Institute: August 2008 Monthly Update: Air Pollution's Causes, Consequences and Solutions Arquivado 01 de maio de 2009 en Wayback Machine. Submitted by Matt Kallman on Wed, 2008-08-20 18:22. Consultada o 17/04/09.
- ↑ waterhealthconnection.org Overview of Waterborne Disease Trends Arquivado 05 de setembro de 2008 en Wayback Machine. By Patricia L. Meinhardt, MD, MPH, MA, Author. Consultada o 16/04/09.
- ↑ Pennsylvania State University > Potential Health Effects of Pesticides. Arquivado 11 de agosto de 2013 en Wayback Machine. por Eric S. Lorenz. 2007.
- ↑ 5,0 5,1 "World-first Zero Debris Charter goes live". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2023-11-06.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Contaminación |