Planck (observatorio espacial)

Planck, previamente coñecido como COBRAS-SAMBA, foi un observatorio espacial lanzado o 14 de maio de 2009 mediante un foguete Ariane 5 ECA xunto co observatorio Herschel desde o Centro Espacial de Kourou para estudar a radiación cósmica de fondo de microondas (RCFM).[2][3][5][6] Entre o 12 de agosto de 2009 e o 23 de outubro de 2013, escaneou o ceo enteiro en lonxitudes de onda de microondas e submilimétricas, producindo mapas en nove canais entre os 30 GHz e os 857 GHz[7].

Planck
Modelo do satélite Planck
TipoCientífico
FabricanteAlcatel Space Systems, Astrium GmbH, Alenia Spazio
OrganizaciónESA
Destino actualEn órbita de halo no punto L2 do sistema Terra-Sol.[1]
Data de lanzamento14 de maio de 2009, 13:12 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorAriane 5 ECA[3][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Kourou, rampla ELA-3[3][6]
Obxectivo da misiónEstudo do fondo cósmico de microondas.[3][6]
NSSDC ID2009-026B
Masa1800,0 kg[5]

Contribucións científicas

editar

Planck foi a terceira misión de clase Media da Axencia Espacial Europea (ESA) do Programa Científico Horizon 2000 co obxectivo principal de estudar o fondo cósmico de microondas, a luz remanente do Big Bang cuxa análise leva a un mellor coñecemento dos inicios do Universo. Planck continuou a saga de observatorios espaciais -- iniciada polo satélite COBE en 1989 e continuada polo satélite WMAP no 2001 -- adicados a medir a anisotropía do fondo cósmico de microondas.[3][5][6]. A diferenza dos seus predecesores, Planck foi tamén quen de medir as anisotropías da polarización da RCFM, o cal proporcionou información adicional de importancia para os estudos da reionización do Universo[8], de fenómenos astrofísicos na Vía Láctea[9] ou para medir a lentificación gravitacional asociada coa estrutura a grande escala do Universo[10], entre outros avances. A análise conxunta dos datos obtidos en intensidade e polarización permitiu determinar cunha precisión superior ao 1% o valor de cinco dos seis parámeteros do modelo cosmolóxico estándar, ΛCDM[8].

Órbita

editar

A nave foi lanzada a unha órbita de halo arredor do punto de Lagrange L2 do sistema Terra-Sol, a uns 1,5 millóns de quilómetros da Terra, un sitio adecuado para facer as observacións necesarias no infravermello distante e en lonxitudes de onda submilimétricas.

Planck tiña forma aproximadamente cilíndrica con 4,20 m de altura e 4,22 m de diámetro. Usaba un espello primario de 1,9 x 1,5 m para alimentar os seus dous instrumentos e pesaba 1,95 toneladas ao lanzamento. Estabilizábase mediante xiro, a 1 r.p.m. O sistema de propulsión constaba de 12 propulsores de 20 N de impulso cada un e 4 propulsores de 1 N. A enerxía eléctrica era proporcionada por un panel solar cunha superficie de 13 m2 situado na parte posterior da nave e que alimentaba unhas baterías de ión litio de 39 Ah de capacidade.[3][5][6][11]

Instrumentos

editar

Planck levaba dous instrumentos a bordo:[3][5][6]

  • Low-Frequency Instrument (LFI, Instrumento de Baixa Frecuencia): consta de 56 receptores de radio sensibles a frecuencias de entre 30 e 100 GHz. O instrumento ten que funcionar a unha temperatura de 20 K, proporcionando unha resolución angular de 10 minutos de arco e unha sensibilidade de 12 microKelvin.
  • High-Frequency Instrument (HFI, Instrumento de Alta Frecuencia): contén 56 bolómetros sensibles a frecuencias de entre 100 e 850 GHz. Arrefriábase a 0,1 K, proporcionando unha resolución angular de 5 minutos de arco e unha sensibilidade de 5 microkelvin.
  1. 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "PLANCK" (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2016. 
  2. 2,0 2,1 "Letter dated 5 March 2010 from Head of the Legal Department of the European Space Agency to the Secretary-General" (PDF) (10-54673). 22 de xuño de 2010: 5. Consultado o 23 de abril de 2016. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 NASA (12 de febreiro de 2016). "Planck" (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2016. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Planck" (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2016. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Planck" (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2016. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Mark Wade (2011). "Planck" (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2016. 
  7. Planck Collaboration; Akrami, Y.; Arroja, F.; Ashdown, M.; Aumont, J.; Baccigalupi, C.; Ballardini, M.; Banday, A. J.; Barreiro, R. B. (2018-07-17). "Planck 2018 results. I. Overview and the cosmological legacy of Planck". arXiv:1807.06205 [astro-ph]. 
  8. 8,0 8,1 Planck Collaboration; Aghanim, N.; Akrami, Y.; Ashdown, M.; Aumont, J.; Baccigalupi, C.; Ballardini, M.; Banday, A. J.; Barreiro, R. B. (2018-07-17). "Planck 2018 results. VI. Cosmological parameters". arXiv:1807.06209 [astro-ph]. 
  9. Planck Collaboration; Aghanim, N.; Akrami, Y.; Alves, M. I. R.; Ashdown, M.; Aumont, J.; Baccigalupi, C.; Ballardini, M.; Banday, A. J. (2018-07-17). "Planck 2018 results. XII. Galactic astrophysics using polarized dust emission". arXiv:1807.06212 [astro-ph]. 
  10. Planck Collaboration; Aghanim, N.; Akrami, Y.; Ashdown, M.; Aumont, J.; Baccigalupi, C.; Ballardini, M.; Banday, A. J.; Barreiro, R. B. (2018-07-17). "Planck 2018 results. VIII. Gravitational lensing". arXiv:1807.06210 [astro-ph]. 
  11. ESA, ed. (2016). "Vital Stats" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2016. Consultado o 23 de abril de 2016. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar