Phalanger

xénero de mamíferos

Phalanger é un xénero de mamíferos marsupiais australidelfos da orde dos diprotodontes, suborde dos falanxeroideos, que é o tipo da familia dos falanxéridos.[1]

Comprende un total de 13 especies, coñecidas na bibliografía internacional, entre outros, cos nomes de falanxeiros e cuscuses.

CaracterísticasEditar

Falanxeros e cuscús teñen un corpo repoludo cuberto por unha pelaxe grosa e laúda. A súa coloración é moi variábel, e segundo as especies pode ser branca, avermellada ou negra. Teñen un fociño curto, as orellas pequenas, ás veces invisíbeis ocultas pola pelaxe, e unha longa cola prénsil e desprovista de pelo no seu extremo para facilitar a prensión. A lonxitude da cabeza e tronco oscila entre os 32 aos 60 cm, sendo a da cola máis longa. O seu peso oscila entre 1 e 7 kg.

Distribución e hábitatEditar

Viven nas Molucas, en Nova Guinea, nas illas Salomón e na península de Cabo York, no extremo nororiental de Australia. Habitan en bosques pluviais, con musgos, e en bosques de eucaliptos, en zonas temperadas, secas e alpinas.

BioloxíaEditar

 
Phalanger orientalis
Museo Civico di Storia Naturale Giacomo Doria, Xénova.

ComportamentoEditar

Os falanxéridos son aniamis solitarios, arborícolas, que só moi raramente descenden até o solo. Coa súa cola prénsil e os dous polgares opñíbeis das patas dianteiras, adáptanse perfectamente ao seu hábitat, os bosques tropicais. Pasan o día durmindo en árboles con ocos ou entre as follas, saíndo dos seu agochos pola noite para iren buscar o seu alimento, con movementos lentos e cautelosos.

NutriciónEditar

Aliméntanse sobre todo de froitos e follas, pero de cando en vez poden comer tamén insectoss e outros pequenos artrópodos e ovos de paxaros.

ReproduciónEditar

Despois dun breve período de xestación (apenas de dúas semanas) as femias paren dunha a tres crías, pero xeralmente só unha supervive, aínda que a femia está equipada con catro mamilas.

A cría abandona o marsupio despois duns meses. Poden vivir até 11 anos.

TaxonomíaEditar

DescriciónEditar

A xénero foi descrito en 1780 polo médico e naturalista alemán Gottlieb Conrad Christian Storr, na páxina 38 da súa obra Prodromus Methodi Mammalium. Litteris, Reissianis, Tübingen, pp. 1–43, establecendo como especie tipo Didelphis orientalis Pallas, 1766.[1][2]

EtimoloxíasEditar

Nome científico

o nome científico do xénero, Phalanger, deriva do grego antigo φάλαγξ ‎phálanx, 'araña', en referencia aos dedos segundo e terceiro, unidos, dos pés traseiros, coa adición da desinencia do latín científico -er.[3]

Nomes vulgares

O nome falanxero é unha variante de falanxérido, nome de cada un dos membros da familia dos falanxéridos, segudo o Gran dicionario Xerais da lingua,[4] unha forma más próxima ao latín Phalanger.

A palabra cuscú ten una orixe algo escura, pero a maioría dos etimoloxistas cren que deriva dunha voz dos aborixes das Molucas ou da Nova Guinea. En Europa comezou a usarse a mediados do século XVII, como en francés, couscous, ou en alemán, baixo a forma Koeskoes.[5][6] (Hoxe en alemán o seu nome é Kuscus).

O termo entrou no latín científico a finais do XVIII e principos do XIX, como nome de dous de xéneros (sinónimos de Phalanger), Coescoes, descrito en 1799 por Lacépède, e Cuscus, descrito en 1826 por Lesson,[7] que probabelmente derivaron estes nomes do alemán ou do francés, respectivamente.

SinónimosEditar

Ademais de polo nome orixinal que lle adxudicou Storr, e que é o actualmente válido, o xénero coñecesuse tamén polos sinónimos:[1]

  • Balantia Illiger, 1811
  • Coescoes Lacépède, 1799
  • Cuscus Lesson, 1826
  • Phalangista E. Geoffroy St. Hilaire & G. Cuvier, 1795
  • Sipalus G. Fischer, 1813

ClasificaciónEditar

As especies e subespecies comprendidas polo xénero difiren segundo as autoridades.

— Segundo o Mammals Species of the World (Consultado o 19-05-2016):[1]

Xénero Phalanger Storr, 1780


— Segundo o Sistema Integrado de Información Taxonómica (Consultado o 19-05-2016):[8]

Xénero Phalanger Storr, 1780

— Segundo o National Center for Biotechnology Information (Consultado o 19-05-2016):[9]

Xénero Phalanger

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Phalanger en MSW.
  2. Hoxe, Phalanger orientalis (Pallas, 1766).
  3. Memidex Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine..
  4. falanxérido, 3ª acep., no Gran dicionario Xerais da lingua. Tomo 1. Vigo, Xerais, 2009. ISBN 978-84-9914-071-1.
  5. 'cuscus no Oxford Dictionary.
  6. cuscus en Yourdictionary.com.
  7. cuscus no Collins Dictionary.
  8. Phalanger Storr, 1780 no ITIS.
  9. Phalanger no NCBI.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Grzimek, B., Schlager, N. & Olendorf, D (2003): Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale.
  • McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level New York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Rodríguez de la Fuente, Félix (1970): "Los restantes miembros de una diversificada familia", en Enciclopedia Salvat de la Fauna, Tomo 9, Australia e islas, pp. 71–75. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones.
  • Rowland, P. & Strahan, R., eds. (1995): The Mammals of Australia. Washington, DC: Smithsonian Institution Press.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas: Saunders College Publishing.
  • Vaughan, T. A.; J. M. Ryan & N. J. Czaplewski (2000): Mammalogy. Fourth Edition. Philadelphia, Pennsylvania: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., editores (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 2 vol. 3ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar