Pepe Carvalho
Pepe Carvalho é o protagonista dunha serie de novelas de ficción escritas por Manuel Vázquez Montalbán.
Pepe Carvalho | |
---|---|
Primeira aparición | Yo maté a Kennedy. Impresiones, observaciones y memorias de un guardaespaldas (1972) / Tatuaje (1974, 1976 en cine). |
Última aparición | Milenio Carvalho (póstuma) |
Creador(es) | Manuel Vázquez Montalbán |
Interpretado por | Eusebio Poncela, Juan Diego, Juanjo Puigcorbé, Carlos Ballesteros, Patxi Andión, Omerto Antonutti, Juan Luis Galiardo, Constantino Romero |
Información | |
Especialidade | Investigación e gastronomía |
Ocupación | Detective privado |
Aliados | Biscuter e outros |
Residencia | Barcelona |
Nacionalidade | galega/española |
Características
editarDe orixe galega, Carvalho é un atípico detective privado de personalidade rica, complexa e contraditoria. As súas aventuras serviron ó autor para retratar, e decotío criticar, a situación política e cultural da mudante sociedade española da última metade do século XX. Por exemplo, o proceso autodestrutivo do Partido Comunista nos primeiros tempos da transición descríbese en Asesinato en el comité central, a caída do felipismo nos anos 90 é o pano de fondo de El Premio, ou o discutido proceso de transformación de Barcelona con motivo das Olimpíadas de 1992 está presente en Sabotaje Olímpico
A saga de Carvalho tivo o seu punto final coa publicación póstuma de Milenio Carvalho, onde o protagonista, acompañado do seu inseparable Biscuter, autoimponse unha última aventura en forma de volta ó mundo que acaba converténdose nunha mirada amarga e melancólica sobre a situación sociopolítica mundial e o paso do tempo.
Carvalho foi na súa mocidade (durante os anos 50) militante do Partido Comunista. O seu activismo contra o réxime franquista levouno ó cárcere. Desenganado do comunismo, cada vez máis desencantado e sempre contraditorio, acabou exercendo durante catro anos como axente da CIA.
A paixón gastronómica de Carvalho e Biscuter é a mesma que sentía o autor, polo que non faltan nas novelas apaixonadas descricións culinarias dos pratos máis diversos.
Home de vasta cultura, outro chocante trazo da súa personalidade é a súa cínica afección por condenar á fogueira libros da súa nutrida biblioteca desde comezos da década de 1970.
Malia a súa orixe galega, Barcelona é a súa cidade. Se ben é un gran viaxeiro e moitas das súas aventuras transcorren noutros lugares, a importancia do personaxe deu á capital catalá un aire de cidade literaria mítica que tanto apreciaba o propio Carvalho noutras cidades, como o Singapur de William Somerset Maugham.
Adaptacións para a pantalla
editarDiversas novelas protagonizadas por Carvalho foron adaptadas para a televisión, sen excesivo éxito nin de crítica nin de público. Primeiro, nunha serie de TVE protagonizada por Eusebio Poncela nos anos 80. Posteriormente nunha serie hispano-arxentina cancelada logo do primeiro episodio, con Juan Diego no papel de Carvalho. Máis recentemente, nunha serie italo-española de 10 episodios protagonizada por Juanjo Puigcorbé.
Realizáronse catro adaptacións ó cine:
- Tatuaje (1976), de Bigas Luna, protagonizada por Carlos Ballesteros.
- Asesinato en el Comité Central (1983), de Vicente Aranda, con Patxi Andión no papel do detective.
- El laberinto griego (1990), de Rafael Alcázar, protagonizada por Omero Antonutti (o protagonista muda o nome de Carvalho polo de Bardón).
- Los mares del sur (1991), de Manuel Esteban, con Juan Luis Galiardo no papel de Carvalho.
Ademais, en 1985[1] realizouse a película Olímpicamente mort directamente para o mercado televisivo onde Constantino Romero interpretaba ó detective e o propio Vázquez Montalbán era o narrador. A película tamén contou coa dirección de Manuel Esteban e coa aparición estelar do escritor español de novela negra Andreu Martín.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Yo maté a Kennedy. Impresiones, observaciones y memorias de un guardaespaldas (1972)
- Tatuaje (1974)
- La soledad del manager (1977)
- Los Mares del Sur (1979)
- Asesinato en el comité central (1981)
- Los pájaros de Bangkok (1983)
- La Rosa de Alejandría (1984)
- El balneario (1986)
- Historias de fantasmas (1987)
- Historias de padres e hijos (1987)
- Tres historias de amor (1987)
- Historias de política ficción (1987)
- Asesinato en Prado del Rey y otras historias sórdidas (1987)
- El delantero centro fue asesinado al atardecer (1988)
- Las recetas de Carvalho (1989)
- El laberinto griego (1991)
- Sabotaje olímpico (1993)
- El hermano pequeño (1994)
- Roldán, ni vivo ni muerto (1994)
- El premio (1996)
- El caso de la muchacha que pudo ser Enmmanuelle (1997)
- Quinteto en Buenos Aires (1997)
- El hombre de mi vida (2000)
- Rumbo a Kabul (Milenio Carvalho, Vol. 1) (2004)
- En las antípodas (Milenio Carvalho, Vol 2) (2004)