Os kowa

obra literaria de Xavier Queipo

Os kowa é unha novela de Xavier Queipo, publicada por Editorial Galaxia en 2016. No ano 2015 acadou o Premio Blanco Amor.

Os kowa
Autor/aXavier Queipo
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónNarrativa, nº 344
Xénero(s)Novela
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.2016
FormatoRústica con lapelas
Cosido a fío
Páxinas250
ISBNISBN 978-84-9865-681-7
Precedido porMalaria sentimental
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

Un biólogo da Universidade de Santiago de Compostela decide no Koninklijk Museum voor Midden-Afrika de Bruxelas ir á selva do Amazonas para facer un estudo sobre a interacción entre unha especie de bolboretas e as plantas que comen. Ponse en contacto cun grupo de investigadores coordinado por un científico da Universidade de Copenhague. Logo de pasar unha noite na capital dinamarquesa, onde se reencontra co seu amante Tim, viaxan cara ao Perú.

Tras chegar á selva coa axuda das forzas armadas, montan o campamento e comezan as investigacións. Mais ao cabo duns cantos días, unha guerrilla das FARC secuestra o resto do grupo. O biólogo agóchase mais unha tormenta o sorprende e o arrastra. Regresa ao campamento, que fora saqueado, e logo de durmir alí unha noite, parte río abaixo. Constrúe unha pequena balsa con troncos e lianas e sobrevive comendo froitos, peixe cru e ovos de tartaruga. Ao cabo duns días descobre unha cabana e instálase nela, e o seu dono sorpréndeo durmindo. Coñece así a Amaurí, un home maior que se adica ao cultivo de caucho, e explícalle a súa situación. Logo dunha semana de estancia na cabana, onde o biólogo se recupera, Amaurí decide acompañalo río abaixo até o poboado onde adoita levar o caucho. Seguen o curso do río en canoa, mais logo de varios días unha treboada provoca un accidente. O biólogo fica inconsciente, e ao espertar decátase de que tanto a canoa como Amaurí desapareceron. Segue camiñando río abaixo, e instálase nun vello barco enferruxado que está medio afundido.

Ao día seguinte sorpréndeno a tribo dos homes kowa, que o levan ao seu poboado. Aos poucos vai coñecendo a súa lingua e os seus costumes. Logo duns meses é levado ao poboado das mulleres (visita que os homes da tribo fan cada tres lúas), e participa nunha orxía festiva. De volta no poboado, un incendio destrúeo e a tribo vese obrigada a mudarse. danlle unha canoa ao biólogo para que siga o seu percorrido río abaixo. Logo de diversas vicisitudes, incluída a parada durante uns días nunha cornixa rochosa, chega á vila de Nossa Senhora das Águas Santas. As autoridades póñense en contacto coa embaixada e logra regresar a Compostela.

Narración editar

A obra está narrada en primeira persoa, co protagonista contando as súas vivencias e as súas relacións cos demais personaxes como terapia recomendada polo seu psicólogo. Alterna a narración das súas aventuras cos soños que ten durante a viaxe e cos contos populares da Amazonia que lle contan outro científico, Amaurí e os indios.

A obra ten continuación respecto á novela Malaria sentimental, pois decote hai referencias ás vivencias acontecidas nesoutra obra. Ao igual ca Malaria sentimental, usa un vocabulario moi rico e técnico, especializado no eido da bioloxía.

Traducións editar

Notas editar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2018. Consultado o 15 de marzo de 2018. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar