Rastreros

(Redirección desde «Os Rastreros»)

Rastreros é unha banda de rock bravú galega formada en Chantada no ano 1989. Ata a data o grupo leva publicados un EP e dous álbums de estudio. Rastreros foi un dos grupos asinantes do Manifesto de Viana que fundou o movemento bravú.[1]

Rastreros
OrixeChantada, Galicia Galicia
Período1989 - presente
Xénero(s)rock, bravú
Selo(s) discográfico(s)Can Records, Edicións do Cumio
MembrosXesús López "Heléctrico"
Marcos Sánchez "Killo"
David
Manuel
Iván
Gaitas
Antigos membrosXulio López Viana "Xullo"
Xoán Camilo Gómez Hermida "Richi"
Óscar Rodríguez
Moncho Faílde
Na rede
rastreros.net

Historia editar

En 1989 as formacións de dúas bandas previas, La paja cubana e Rozando nos toxos, uníronse para formar Rastreros en Chantada. Esta primeira formación estaba composta por Xesús López Exposito "Heléctrico" (voz), Marcos Sánchez López "Killo" (guitarra), Xulio López Viana "Xullo" (baixo) e Xoán Camilo Gómez Hermida "Richi" (batería).[2]

Rastreros comezou a ensaiar nunha corte na parroquia chantadesa da Quintá tendo un son punk clásico que evoluíu ata mesturar elementos de folk e rock, en gran parte debido á chegada do gaiteiro Óscar Rodríguez.[2]

En 1991 a banda gravou a maqueta Non lle toque-lo rabo á vaca que pensa que é o boi[2] e o EP de catro temas Perigo! Animais ceibes, que publicaron en 1992 a través do selo de Moaña Can Records.[3]

Porén, Rastreros non comezaría a ter certa sona fóra da súa comarca ata ediados dos anos 90 cando o seu tema "O sacristán de Basán" comezou a soar no Xabarín Club da TVG. A canción apareceu no segundo volumo do recompilatorio A cantar con Xabarín en 1995.[4]

No ano seguinte a fama do grupo continuou medrando ao aparecer "Tratorada" no recompilatorio Unión Bravú, onde Rastreros tamén musicaba a canción de Pinto d'Herbón "Nitramón 15, 15, 15".[5][2] Ese mesmo ano Edicións do Cumio lanzou o primeiro álbum da banda A piñón fixo, a golpe de pixo.

En 1997 Rastreros achegou a canción "La de la vaca", unha versión en asturiano do seu tema "A da vaca", para o disco L’asturianu muévese,[6] que tiña como obxectivo a reivindicación do asturiano como lingua oficial en Asturias. Ese ano o conxunto tamén tocou no espectáculo A Feira das Mentiras organizado por Manu Chao en Compostela.[2]

Posteriormente Rastreros permanecería inactiva ata o ano 2007, cando colaborou no álbum tributo aos Diplomáticos de Monte-Alto 120 Capadores, onde incluíron o tema "Platinos". O disco presentouse no Castañazo Rock de Chantada, onde Rastreros compartiron escenario con bandas como Ruxe Ruxe e Zënzar.[7][2]

No ano 2013 o grupo lanzou o sinxelo "O xogo democrático" que incluía os temas "No meu país" e "A galiña dixo Non".[8]

O seu segundo álbum de estudio, Ferro a fondo, lume no lombo, chegaría en 2017. O disco gravouno Iago Pico en Pousada Son Studios, en Ames, tras realizar a banda unha campaña de crowdfunding a través da plataforma Verkami.[9]

En abril de 2022 Rastreros anunciou a súa nova formación, composta por David (batería), Manuel (baixo), Iván (guitarra), Killo (guitarra), Gaitas (gaita e voz) e Elétrico (voz).[10] Pouco despois a banda iniciou unha xira para celebrar o seu 33 aniversario, e durante a mesma a banda realizaría unha serie de 15 concertos ao longo de toda a xeografía galega durante os seguintes meses, rematando a mesma no Castañazo Rock o 27 de outubro de 2023.[11]

Discografía editar

Álbums editar

Álbum Ano Selo Notas
Non lle toque-lo rabo á vaca que pensa que é o boi 1991 maqueta
Perigo! Animais ceibes 1992 Can Records EP
A piñón fixo, a golpe de pixo 1996 Edicións do Cumio álbum
Ferro a fondo, lume no lombo 2017 autoeditado álbum

Notas editar

  1. Suárez, Iago (2020-11-05). "Chantada, corazón do Bravú". A Nosa Terra. Consultado o 2023-11-11. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Rastreros - La Fonoteca" (en castelán). Consultado o 2023-11-11. 
  3. "Perigo! Animais Ceibes - La Fonoteca" (en castelán). Consultado o 2023-11-11. 
  4. "Various - A Cantar Con Xabarín Vol l e ll" (en castelán). 1995. Consultado o 2023-11-11. 
  5. "Various - Unión Bravú" (en castelán). 1996. Consultado o 2023-11-11. 
  6. "L'asturianu movióse". Musicasturiana.com (en asturiano). 2022-05-25. Consultado o 2023-11-11. 
  7. "VV.AA. - 120 Capadores (2007)". culturagalega.gal. Consultado o 2023-11-11. 
  8. "O Xogo Democrático - La Fonoteca" (en castelán). Consultado o 2023-11-11. 
  9. "Rastreros. 2º disco". Verkami. Consultado o 11/11/23. 
  10. "Pois aí tedes a nova formación de Rastreros!!!". www.facebook.com. Consultado o 2023-11-11. 
  11. "Xente!!! Que xa quedan poucos concertos para o fin da xira!!! Non os iredes perder!!!". www.facebook.com. Consultado o 2023-11-11. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar