Manu Chao

músico e compositor francés de familia galega

Manu Chao, nado como José-Manuel Thomas Arthur Chao o 21 de xuño de 1961 é un músico e compositor francés, de familia galega. É coñecido por cantar en varias linguas como francés, español, inglés, italiano, árabe, galego e portugués, e ocasionalmente noutras linguas. Chao comezou a súa carreira musical en París, tocando con grupos como Hot Pants e Los Carayos, que combinaba gran variedade de linguas e estilos musicais. Xunto con amigos e co seu irmán Antoine Chao, fundou a banda Mano Negra en 1987, acadando un éxito considerable, particularmente en Europa. Comezou a súa carreira en solitario en 1995, e dende entón fai xiras regularmente coa súa banda de directo, Radio Bemba.

Manu Chao
Nome completoJosé-Manuel Thomas Arthur Chao Ortega
AliasOscar Tramor
Data nacemento21 de xuño de 1961
Nado enParís
IrmánsAntoine Chao
OcupaciónMúsico e produtor
XéneroRock alternativo, ska, punk rock, reggae, salsa.
Instrumento(s)Voz, guitarra, baixo, teclado
Selo(s) discográfico(s)Nacional Records (USA)
Because Music (Francia)
Virgin Records
Relacionado conMano Negra
Radio Bemba Sound System
Tempo en activo1984 – presente
Na rede
www.manuchao.net
IMDB: nm0152050 Facebook: manuchao Twitter: manuchao VK: manu.chao MySpace: manuchao Youtube: UCzGpxRavGnm6yym4Pt7B2sg Souncloud: manuchao Spotify: 6wH6iStAh4KIaWfuhf0NYM iTunes: 2398554 Last fm: Manu+Chao Musicbrainz: 7570a0dd-5a67-401b-b19a-261eee01a284 Songkick: 226109 Discogs: 30773 Allmusic: mn0000674161 Deezer: 6 Genius: Manu-chao Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Manu Chao é fillo do xornalista vilalbés Ramón Chao e de nai vasca de Bilbao[1][2]. Os seus pais emigraron a Francia durante a ditadura de Francisco Franco. Manu e os seus irmáns creceron en Sèvres, ó oeste de París.

Ós 14 anos tivo o seu primeiro grupo, chamado Joint de Culasse, co seu irmán Tonio do Borneo, e o seu curmán Santi Cassariego. Máis tarde chegaron os Hot Pants e Los Carayos, cos que se aproximaba xa moito á música festiva e a pachanga. Estes grupos chegaron a ser moi coñecidos en París dentro da música alternativa.

En 1987 Manu, o seu irmán e o seu curmán fundaron o grupo Mano Negra, que triunfou primeiro en Francia co sinxelo "Mala vida" e despois tiveron xiras por Suramérica. Tras unha longa tempada no grupo (de 1987 a 1994), comezou a súa carreira en solitario. Nos anos da gravación e publicación do seu primeiro álbum, "Clandestino", participou con bandas e artistas galegos como Os Diplomáticos de Monte Alto con Johnny Rotring (Xosé Manuel Pereiro) e Mercedes Peón, Os Papaqueixos, o regueifeiro Pinto d'Herbón, a pandeireteira Josefa de Bastabales, Siniestro Total, etc. en festivais xunto a Caravane des Quartiers, en Barcelona, Lyon e Santiago de Compostela ('A Feira das Mentiras'), tamén xunto a outros artistas de fóra de Galiza (Amparanoia, Dusminguets, Tonino Carotone, etc). Tamén participou en dúas cancións do Xabarín Club ("Oda ao futbolín" e "Toliño por vivir").

Chao canta en francés, español, catalán, árabe, portugués, inglés, galego e wolof, cambiando de idioma a miúdo na mesma canción. Aínda que é un dos artistas máis vendedores do mundo, é pouco coñecido nos países de fala inglesa.

A súa música ten moitas influencias: rock, chanson francesa, salsa, reggae, ska e raï alxeriano. Recibiu estas influencias de inmigrantes en Francia, das súas relacións ibéricas, dos seus percorridos en América con Mano Negra e vagando tras a disolución do grupo. Moitas das cancións de Chao son sobre o amor, a vida nos guetos e a inmigración, e levan a miúdo unha mensaxe de esquerda e libertario.[3]

Estivo comprometido desde hai tempo co nacionalismo vasco, talvez debido ás súas orixes. Foi especialmente na época de Mano Negra cando participou en varias xiras musicais xunto ó conxunto vasco Negu Gorriak. Despois foron varias as colaboracións que realizou en diversas cancións xunto a Fermin Muguruza facendo xunto a el a xira Jai Alai Katumbi Express por Europa.

Por outra banda, solidarizouse coa causa zapatista e o EZLN e incluíu fragmentos dos discursos do Subcomandante Marcos nas súas cancións. Tamén se solidarizou coa causa dos okupas de Barcelona.

O seu estilo persoal influenciou a grupos como Amparanoia e outros moitos.

En 2004 publica o disco-libro Sibérie m'était contéee, en francés, con ilustracións do debuxante polaco Wozniak.

En setembro de 2007, editouse o CD A Radiolina, cuxos temas presentou ese verán cunha xira de concertos que incluíu un na cidade de Vigo.

O seu equipo favorito é o Atlas de Guadalaxara, (Xalisco, México). É por iso que adoita levar roupas roxinegras, xa que eses son as cores do equipo.

Discografía editar

 
Manu Chao nun concerto en (Xixón, Asturias)

Xiras editar

  • Giramundo Américas (2000)
  • Tómbola (2006)
  • Tour Radio Bemba (Suramérica e Centroamérica) (2006)
  • Tómbola Norte América (Canadá, os EEUU e Baixa California, 2007)

Libros editar

  • Sibérie m'était contéee (2004).

Notas editar

  1. Manu Chao: un rebelde de profesión
  2. "Biografía". Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2010. Consultado o 05 de agosto de 2010. 
  3. "Fórum Cultural Mundial, 2004". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2007. Consultado o 24 de agosto de 2007. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Chao, Ramón. Mano Negra en Colombia. Un tren de hielo y fuego, 2001 (título orixinal: Un train de glace et de feu). Unha crónica da xira de Mano Negra en tren por Colombia, escrita polo pai de Manu e Tonio.
  • Robecchi, Alessandro (2001). Manu Chao. Música e liberdade. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-8302-725-9.  (orixinal en italiano do ano 2000)

Ligazóns externas editar