Pedreiro cincento

(Redirección desde «Oenanthe oenanthe»)

O pedreiro cincento[2][3] (Oenanthe oenanthe) é un pequeno paseriforme que antes estaba clasificado na familia dos tordos e merlos Turdidae, pero hoxe xeralmente é considerado un membro de Muscicapidae. É a especie máis espallada do xénero Oenanthe en Europa e Asia, e en Galicia é unha ave estival de paso.[3].

Pedreiro cincento

Macho en plumaxe reprodutora

Femia Canto do macho, en Devon, Inglaterra
Femia

Canto do macho, en Devon, Inglaterra
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Muscicapidae
Xénero: Oenanthe
Especie: Oenanthe oenanthe
(Linnaeus, 1758)

Sinonimia

Motacilla oenanthe Linnaeus, 1758

Exemplar xove

É unha ave migratoria insectívora que se reproduce en campos abertos pedregosos de Europa e Asia con postos avanzados no nordeste do Canadá e Groenlandia e tamén no noroeste do Canadá e Alasca. Fai o niño en ocos entre as rochas e toqueiras de coellos. Todas estas aves pasan a maior parte do inverno en África.

Taxonomía e sistemática editar

Foi descrito cientificamente polo naturalista sueco Carl Linnaeus en 1758 na 10ª edición de Systema Naturae como Motacilla oenanthe.[4] O xénero Oenanthe foi introducido polo ornitólogo francés Louis Jean Pierre Vieillot en 1816.[5][6] O nome xenérico (e específico), Oenanthe, é tamén o nome dun xénero de plantas apiáceas, e deriva do grego ainos 'viño' e anthos 'flor', polo cheiro a viño das flores desta planta.[7] No caso do paxaro, refírese a que estas aves regresan a Grecia en primavera, xusto cando florecen as viñas.[8]

As catro subespecies na súa área de reprodución son as seguintes:[9]

  • O. o. leucorhoa (Gmelin, JF, 1789), do nordeste do Canadá, Groenlandia e Islandia.
  • O. o. oenanthe (Linnaeus, 1758), do norte e centro de Europa e a través do norte de Asia ata ao leste de Siberia e noroeste de Norteamérica.
  • O. o. libanotica (Hemprich & Ehrenberg, 1833), do sur de Europa e a través de Oriente Próximo e suroeste de Asia ata Mongolia e noroeste da China.
  • O. o. seebohmi (Dixon, 1882), do noroeste de África.

Descrición editar

 
Ovos da especie na colección do Museo de Wiesbaden

O pedreiro cincento é máis grande que o paporrubio cunha lonxitude de 14,5 a 16 cm. Ambos os sexos teñen unha mitra e cola brancas, cun debuxo con forma de T negro invertido ao final da cola.

A plumaxe do macho en verán ten partes superiores grises, gorxa beixe e ás negras e máscara facial. En outono lembra a femia menos nas ás negras. A femia é marón clara por arriba e beixe por abaixo con ás marróns máis escuras. O macho ten un canto asubiante renxente. A súa chamada é un ruído tipo chac e a chamada de voo é igual.

Comportamento e ecoloxía editar

Migración editar

O pedreiro cincento fai unha das viaxes máis longas de todos os paxaros do seu tamaño, cruzando o océano, os xeos e o deserto.[10] Migra desde a África subsahariana en primavera sobre unha vasta área do hemisferio norte que inclúe o norte e centro de Asia, Europa, Groenlandia, Alasca e partes do Canadá.[10] En outono todos regresan a África, onde os seus antepasados invernaron.[10] Pode argumentarse que algunhas das aves que se reproducen no norte de Asia poderían tomar unha ruta máis curta e invernar no sur de Asia; porén, non o fan, xa que a súa inclinación herdada a migrar lévaos de volta a África.[10]

Os exemplares da raza grande e vistosa de Groenlandia, leucorhoa, fan unha das viaxes transoceánicas máis logas dun paseriforme. En primavera a maioría migran ao longo dunha ruta (usada habitualmente polos limícolas e aves acuáticas) desde África a través de Europa e Islandia ata Groenlandia. Porén, os avistamentos en outono desde barcos suxiren que algunhas cruzan o Atlántico norte directamente desde o Canadá e Groenlandia ao suroeste de Europa, o que supón unha distancia de 2 500 km.[11] As aves que se reproducen no leste do Canadá pénsase que voan desde a illa de Baffin e Terra Nova vía Groenlandia, Irlanda e Portugal ata os Azores, cruzando 3 500 km de augas do Atlántico norte) antes de seguiren viaxe ata África.[12] Outras poboacións do oeste do Canadá e Alasca migran voando sobre gran parte de Eurasia ata chegaren a África.[10]

O uso de aparatos de rastreo en miniatura mostrou recentemente que fan unha ruta migratoria das máis longas coñecidas de 30 000 km, desde a África subsahariana ata os seus terreos de reprodución do Ártico.[13]

«As aves de Alasca viaxaron case 15 000&nsbp;km (9 000 millas) en cada ruta - cruzando Siberia e o deserto de Arabia, e viaxando, como media, 290 km ao día. "Esta é a migración máis longa rexistrada para un paxaro cantor coñecida ata agora," dixo o Dr. Schmaljohann.»[13]

Reprodución editar

Os pedreiros cincentos empezan a reproducirse cando teñen un ano de idade.[14] A femia constrúe o niño ela soa, mentres que o macho espera pousado nas proximidades, canta e ás veces realiza voos cantando.[15] Sitúan o niño nunha cavidade como unha toqueira de coello, ocos entre as rochas ou en obxectos feitos polo home como paredes ou tubaxes. O niño normalmente ten unha base formada por material vexetal desordenado, pero a copa do niño constrúese con herbas finas, follas, musgos e lique. A femia pon os ovos con intervalos dun día. A posta é de 4 a 7 ovos lisos pero non brillantes, de arredor de 21,0 x 15,8 mm cun peso medio de 2,83 g. Os ovos son de cor azul moi clara e ás veces teñen algunhas marcas marróns avermelladas no extremo máis longo. Son incubados case enteiramente pola femia empezando despois da posta do penúltimo ou do derradeiro ovo. Os ovos fan eclosión despois de aproximadamente 13 días. Os polos son alimentados pola nai e o pai e son abrigados pola femia durante os primeiros cinco ou seis días. Empluman 15 días despois e fanse independentes dos seus pais cando teñen de 28 a 32 días de vida. Normalmente só fan unha posta cada ano, pero cando perden a súa posta de ovos, a femia pon unha segunda.[16]

Status e conservación editar

A especie ten unha ampla área de distribución, calculada en 2,3 millóns de quilómetros cadrados e unha gran poboación estimada en 2,9 millóns de individuos no Vello Mundo e as Américas en conxunto. As poboacións non están en declive segundo os criterios da Lista vermella da IUCN, polo que é avaliada co status de "especie pouco preocupante".[1]

Relacións cos humanos editar

Nos séculos XVIII e XIX os pedreiros eran considerados un manxar en Inglaterra, e os pastores de Sussex complementaban os seus ingresos vendendo as aves que atrapaban.[17][18][19]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2017). "Oenanthe oenanthe (Linnaeus, 1758)". IUCN Red List of Threatened Species. International Union for Conservation of Nature. doi:10.2305/IUCN.UK.2017-1.RLTS.T103773898A111167749.en. Consultado o 30 October 2017. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Linnaeus, Carl (1758). Systema Naturæ per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis, Volume 1 (en Latin) (10th ed.). Holmiae (Stockholm): Laurentii Salvii. p. 186. M. dorso cano, fronte alba, oculorum fascia nigra 
  5. Mayr, Ernst; Paynter, Raymond A. Jr, eds. (1960). Check-list of Birds of the World. Volume 10. Cambridge, Massachusetts: Museum of Comparative Zoology. p. 121. 
  6. Vieillot, Louis Jean Pierre (1883) [1816]. Saunders, Howard, ed. Vieillot's Analyse d'une nouvelle ornithologie élémentaire (en French). London. p. 43. 
  7. "Dropwort, Hemlock Water". A Modern herbal. Botanical.com. Consultado o 2008-02-05. 
  8. "Northern Wheatear". eNature. Consultado o 2008-02-05. 
  9. Gill, Frank; Donsker, David, eds. (2016). "Chats, Old World flycatchers". World Bird List Version 6.2. International Ornithologists' Union. Consultado o 20 May 2016. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Elphick, Jonathan, ed. (1995). Atlas of Bird Migration. New York: Random House. ISBN 0-679-43827-0. 
  11. Snow, David (1953). "The migration of the Greenland Wheatear". Ibis 95 (2): 376–378. doi:10.1111/j.1474-919X.1953.tb00698.x. 
  12. Bairlein, F.; Norris, D.R.; Nagel, R.; Bulte, M.; Voigt, C.C.; Fox, J.W.; Hussell, D.J.T.; Schmaljohann, H. (2012). "Cross-hemisphere migration of a 25 g songbird". Biology Letters. PMC 3391447. doi:10.1098/rsbl.2011.1223. 
  13. 13,0 13,1 "Tiny songbird northern wheatear traverses the world" by Victoria Gill. BBC Nature 15 February 2012.[1] Arquivado 08 de febreiro de 2013 en Wayback Machine.
  14. Cramp 1988, p. 788.
  15. Cramp 1988, p. 784.
  16. Cramp 1988, pp. 787-788.
  17. Cocker, Mark; Mabey, Richard (2005). Birds Britannica. London: Chatto and Windus. p. 348. ISBN 978-0-7011-6907-7. 
  18. Defoe, Daniel (1724). A Tour Through the Whole Island of Great Britain. Volume 1. London: G. Strahan. Letter 2, p. 57. 
  19. Hudson, William Henry (1900). Nature in Downland (2nd ed.). London: Longmans, Green. pp. 126–141. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Cramp, Stanley, ed. (1988). "Oenanthe oenanthe Wheatear". Handbook of the birds of Europe the Middle East and North Africa. The Birds of the Western Palearctic. Volume V: Tyrant Flycatchers to Thrushes. Oxford: Oxford University Press. pp. 770–792. ISBN 978-0-19-857508-5. 

Ligazóns externas editar