O señor das moscas (novela)

O Señor das moscas[1] é unha novela de William Golding, publicada en 1954 co título orixinal en inglés de Lord of the Flies. Foi traducido ao galego por Xosé María Gómez Clemente, e publicado pola Editorial Sotelo Blanco en 1993.

O señor das moscas
Título orixinalLord of the Flies
Autor/aWilliam Golding
OrixeEUA
Linguainglés
Xénero(s)Novela
EditorialSotelo Blanco (1993)
Data de pub.1954
Formatorústica con lapelas
Páxinas244
ISBNISBN 978-84-7824-185-X
TraduciónXosé María Gómez Clemente
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

Conta a organización dun grupo de 30 nenos británicos perdidos nunha illa tropical deserta. O avión que os transportaba para salvalos dunha guerra mundial ten un accidente a causa dunha forte tormenta e eles son os únicos superviventes. Diante deles preséntase unha oportunidade única: a illa ten froitos e comida dabondo, e case ningún perigo. A imitación de A illa de coral os nenos comezan a organizarse para sobrevivir. Pero as cousas pouco a pouco comezarán a torcerse cando os nenos dexeneren na crueldade e a barbarie.

Piggy, un dos rapaces, atopa unha bucina. O son desa bucina será utilizado para reunir a todos, e tamén ao portador da bucina seralle concedida a palabra e todos deberán escoitalo. Ralph, outro estudante, é elixido líder do grupo. Aínda que Jack desexaba ocupar ese cargo, Ralph asígnalle o cargo de coordinador dos cazadores.

Jack, xefe dos cazadores de xabaríns, empézase a obsesionar co tema da cacería despois de cazar o seu primeiro porco. Un día ven un barco ao lonxe pero a fogueira estaba apagada por un descoido de Jack, que era quen tiña que estar pendente dela, e Ralph repróchalle o seu descoido, pero este non lle fai caso e organiza unha festa para celebrar que mataran un porco salvaxe.

Jack quere ser o xefe do grupo porque pensa que Ralph non é capaz de levar ese cargo. Non obstante, son poucos os que o apoian e decide ir para a outra punta da illa para cazar. Esa tarde o grupo de cazadores caza outro porco e volven facer outro banquete invitando a todos os demais rapaces do outro grupo. Esa mesma noite son moitos os que deciden seguir a Jack deixando soamente no outro grupo a Ralph, Piggy e os xemelgos Eric e Sam con algúns dos máis pequenos.

A cabeza do porco que matan Jack e a súa tribo queda cravada nunha estaca como ofrenda á besta, un ser imaxinario que pensan que vive nunha cova desa illa e que é o único ó que lle teñen medo. Este símbolo é chamado O señor das moscas, pois pronto a cabeza do xabarín se rodea de moscas.

A cabeza do Señor das moscas sitúase a poucos metros da cova onde Simón adoitaba ir para desconectar. Un día Simón vai a esa cova e ve que non existe ningunha besta, que o único que hai nesa cova é un paracaidista morto. El corre pola praia para contarlle a todos o que descubriu pero, como era de noite, os rapaces do grupo de cazadores pensan que é a besta e empézano a cravar coas súas lanzas. Simón morre esa noite.

Á mañá seguinte ninguén quere falar do ocorrido. Ralph séntese moi mal porque Simón era o seu amigo e viu como o grupo de cazadores o matara sen el poder facer nada. No grupo de Ralph só queda Piggy.

Esa noite o grupo de Jack ataca a Piggy para poder coller os seus lentes, pois querían orientar os cristais destes na dirección do sol, para poder acender unha fogueira. Piggy, sen as súas lentes, non ve nada e, entre el e Ralph, deciden ir ao outro lado da illa onde están os cazadores para pedirlles que lle devolvan os lentes. Piggy leva a bucina para que todos o escoiten. Cando chegan ó campamento dos cazadores estes xa non respectan á bucina e como non queren escoitar a Piggy tíranlle unha pedra moi grande. Este, ao non ter as lentes, non ve a pedra para esquivala e cáelle na cabeza acabando coa súa vida.

Despois desa escena o grupo de Jack quere matar tamén a Ralph que é o único que queda contrario ás súas horrorosas ideas. Préndenlle lume á illa para atopalo, polo que Ralph ten que fuxir tanto do lume coma dos cazadores.

Finalmente, despois dunha terrible persecución, chegan a praia, onde Ralph cae rendido esperando a súa morte. Porén, alí está un xeneral do exército que vira o lume causado por Jack e a súa tribo, polo que finalmente foron todos rescatados pero a súa inocencia infantil quedou nesa illa.

Personaxes principais editar

  • Ralph: é o protagonista da novela, un rapaz de trece anos, elixido xefe do grupo. Ralph sempre quere o mellor para todos e Piggy axúdalle no que pode. É o único do grupo que pensa como un adulto. Representa o sentido común.
  • Piggy: neno de quen todos se burlan, a pesar de ser moi listo, debido ó seu aspecto (é gordo e leva lentes) e a que padece asma. Formaba parte do grupo de Ralph. Representa a democracia.
  • Jack: rapaz da mesma idade que Ralph e o rival deste. Tamén é o xefe do grupo de cazadores e a súa actitude vai cambiando cando se obsesiona coa caza. Representa a agresividade e o fascismo.
  • Simon: rapaz tímido que se marea con facilidade, debido a que padece epilepsia, pero que é curioso e vai na procura da verdade.
  • Sam e Eric: os inseparábeis xemelgos Sam e Eric teñen uns doce anos; únense a Jack para mellorar as súas condicións de vida na illa pero non están de acordo con cousas que el fai. Representan as masas.
  • Roger: aliado de Jack cando forma a súa "tribo de cazadores".
  • Os "peques": os nenos de seis ou sete anos, son a inmensa maioría do grupo.

Significado editar

Señor das moscas é un relato cheo de acción. Aínda que os protagonistas sexan uns nenos, non debe considerarse un libro infantil senón todo o contrario: é un manifesto crítico dos valores humanos.

O libro quere dicir que cando temos poder queremos máis, e que por alcanzar os obxectivos o ser humano é capaz de calquera cousa, incluso matar.

Notas editar

  1. Ficha da obra Arquivado 08 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar