O pan na cultura popular galega
O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do pan na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Recóllese non só a información referida expresamente ó pan, senón tamén a referida á fariña e a actividades directamente relacionadas, como sementar, segar etc.; as referidas ó millo e á broa recóllense no artigo o millo na cultura popular galega.
Ademais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén denomina o millo aínda na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades.
Etnografía
editarBotando unha vacaloura na auga coa que se fai a masa para enfornar, crese que o pan leveda antes.
Crese que cando as vacas acabadas de parir deitan un costro sanguinolento, débese a algunha meiga lles botara un meigallo. Para superalo, débese acender o forno tres veces ó día e botar nel o leite muxido, co que se supón que así se mata a bruxa ou, cando menos, se desfai o meigallo [1].
Cando meten o pan no forno hai que rezar o seguinte ensalmo: Que Deus te aumente con San Vicente, que Deus te levede con san Mamede. Ou ben: Que Deus te acrecente e o señor san Vicente e a santa Mariña, pra que te fagan vir axiña.
De sempre, o pan recibiu un trato de respecto debido, seguramente, ás implicacións relixiosas derivadas do seu uso por Xesucristo en momentos relevantes do nacemento do cristianismo. O feito de considerar o pan como o Corpo de Cristo esixía darlle un trato especial. Moi probablemente os tempos de fame tiveron que intervir tamén nese mesmo tratamento respectuoso.
Por todo o anterior, nunca se debe tirar o pan ó chan e, se nos cae, debe recollerse inmediatamente e bicalo. Se alguén atopa un anaco de pan deitado nun camiño, debe recollelo e colocalo onde ninguén o poida pisar.
Cando algún esmolante veña pedir e se lle dea un pan, tamén hai que bicalo antes de darllo. E o pobre debe repetir o xesto antes de agradecelo.
Tampouco se debe tirar o pan sobrante ao lixo, pero se admite botalo ao lume.
É de mal agoiro deixar cravado un coitelo no pan, o mesmo que pousalo na mesa dado a volta.
Fraseoloxía
editarLocucións
editar- Artigo principal: Locucións galegas sobre o pan.
- A pan comer: acoller xente na casa, a mesa posta.
- A pan e auga: aplícase a castigos de xexún.
- A pan e coitelo: a pan comer.
- A pan e mantés: a pan comer.
- A pan pedir: vivir da caridade pública, pedindo esmola.
- A pan seco comer pan só, sen outro compango nin viño.
- ¡Así Dios nos dea pan e paz!
Refraneiro
editar- Artigo principal: Refraneiro galego sobre o pan.
- A auga de san Xoán, leva o viño e tolle o pan.
- A auga de san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
- A auga polo san Xoán tolle o viño e non dá pan.
- A choiva no abril dá millo e dá pan.
- A chuvia por san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
- A falta de pan, bo é pantrigo.
- Á mesa sin pan non te poñas a xantar.
- A pan de quince días, fame de tres semanas.
- A pan duro, dente agudo.
- O pantrigo fíxoo Deus, a broa mandouna facer.
Cantigueiro
editar- A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer! [2].
- Á miña Mariquitiña/ heina de ensinar a todo;/ a peneirar, a amasar/ i a mete-lo pan no forno [3].
- A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ bebeu un xarro de viño,/ comeu unha bola enteira [4][5].
- A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [6].
- A miña muller morreu/ enterreina tras do forno,/ pasei onte por alí,/ inda me choscou un ollo [7].
- A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [8].
- A muller que ha de ser miña/ ha de ter o cu de pan,/ a barriga de cortizo/ i o nariz de bacallau [9].
- A túa muller, Farruco,/ éche ben cumprimenteira,/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [10].
- Ai, Xesús, que calma fai/ por riba dos segadores!/ quen fora ramiño verde/ que cobrise ós meus amores [11].
- As meniñas, as de Calvos,/ todas ten a saia rota,/ só a filla da forneira/ que a ten feita de estopa [12].
- Cala, bica balorenta,/ cálate e vaite calando,/ que un ollo teño torto/ i o outro estao arremedando [13].
- Cala, cebola rustrida,/ que es bica de formento,/ eres unha penachuda,/ cara de porco cheirento [14].
- Cando eu era rapaz/ faguía mil diabluras:/ mollaba o pan no aceite,/ deixaba a Dios ás escuras [15].
- Cando paso á túa porta/ collo pan e vou comendo/ porque non digan teus pais/ que de verte me manteño [16].
- Cando te queiras casar/ busca viño de Xeás,/ panciño de Vilanova/ e carneiro de Gaiás [17].
- Cara de leite fervido,/ cara de pan balorento,/ anda tua nai decendo/ que lle cóme-lo formento [18].
- Caseime no mes de agosto/ porque había moito pan,/ o forno da miña sogra/ cría o fiollo no vran.
- Casou Rosa cun mociño/ que é noxenta criatura,/ mais cando non hai o pan/ porvéintanse as faragullas [19].
- Catro cartos para pan,/ tres e medio para viño,/ un carto para tabaco,/ alá vai un realiño.
- Cunha codia de pan quente,/ unha sardiña salgada/ e o abrazo dunha nena/ pasa un home unha somana [20].
- Dame un bocado de pan/ pola nai que te pareu,/ que che hei de dar un xurelo/ cando veña de Bueu [21].
- De almorzo danme papas,/ de xantar papas me dan,/ de merenda danme papas,/ de noite papas sen pan [22].
- Déixame ir, que vou de presa,/ que vou abrir unha poza,/ teño trigo sementado/ no curazón dunha moza [23].
- Díanno-los reises:/ figos, chourizos e viño/ e tamén algún diñeiro/ para merca-lo pantrigo [24].
- Durme, meu solciño, durme,/ pra que eu poida traballar;/ teño que lava-los panos,/ peneirar e amasar [25].
- Eres blanca como o leite,/ colorada como o trigo;/ se te non levan de noite/ de día non tes perigo [26].
- Este ano hai moito trigo,/ ¡casamentos que ha de haber!/ hase de casa-la fame/ coa gana de comer [27].
- Eu non quero ver tristezas,/ queiro o sol á miña beira;/ onda a sombra o pan non crece/ nin dá rosas a roseira [28].
- Eu subín ó alcipreste,/ subino e baixei de pé;/ non quero pan encetado/ que o meu enteiriño é [29].
- Foi a merla onde a formiga/ e pedíulle un pan prestado;/ a formiga lle repuxo:/ Mentras andas na silveira,/ chirlo merlo, chirlo merlo,/ traballa de vrau/ pra comer de inverno [30].
- Fun ó santo San Andrés/ fun coa miña empanada,/ anque o santo é milagreiro/ é amigo da fuliada [31].
- Heiche de dar viño tinto,/ sopas de pan balorento,/ moza que falas comigo,/ mira que pérde-lo tempo [32].
- María Antonia do Rego,/ a do refaixo marelo,/ andas segando no trigo,/ falando cun ganadeiro [33].
- Mariquiña da forneira,/ a túa nai onte coceu,/ dáme un anaco de bola/ pola nai que te pareu.
- Mariquiña da forneira/ se coceres faime un bolo,/ se mo fas, faimo de trigo,/ que centeo non cho como [34].
- Maruxa, se vas á sega/ escríbeme do camiño,/ se non topares papel,/ nas alas dun paxariño [35].
- Maruxiña da Portela,/ hoxe túa nai coceu,/ dáme un cachiño de bola/ pola nai que che pareu [36].
- Marzo, espigarzo;/ abril, penduril;/ maio, granado;/ san Xoán, curado./ Na santa Mariña/ metelo na arquiña.
- Meu filliño pequerrecho,/ tesouro da túa naiciña,/ durme, que inda hei de ir ó muíño/ buscar pró pan a fariña [37].
- Meu meniño, durme, durme,/ que teño que ir amasar,/ durme logo, queridiño,/ que te quero ir deitar [38].
- Meu meniño, durme, durme,/ que teño que ir ó muíño,/ teño que ir pola fariña/ para fague-lo panciño [39].
- Miña comadre Pelonia, / veño a que me preste un pan. / Meu compadre escaravello, / ¿logo que fixo no vran?
- Miña nai como é moi probe/ non tiña pan que me dar,/ encheume a cara de bicos,/ despois rompeu a chorar [40].
- Miña nai, cando peneira,/ bate cos pés no sobrado,/ dime que non quere xenro/ i eu xa llo teño buscado [41].
- Miña nai, cando peneira,/ báteme cunha variña;/ dime que fuxa dos homes/ coma o gato da sardiña [41].
- Miña nai, miña naiciña,/ non hai outra como a miña,/ que non comía ela o pan/ por llo dar á súa filla [42].
- Miña nai por me casar/ pormeteume canto tiña;/ dende que me viu casada/ deume o fol da fariña [43].
- Mozas que van á seitura,/ mozas que á seitura van,/ mozas que van á seitura,/ lévanna e non a tran [44].
- Non botes leña no forno,/ se é que xa quente estivere,/ Non rifes, muller, co home,/ cando por algo se altere [45].
- Non chores meu irmauciño/ que a naíña está a chegar:/ foi pola fariña ao muíño/ e non nos ha de tardar [46].
- Non chores meu pequeniño/ que a naiciña está a chegar:/ foi pola fariña ao muíño/ e teu pai foille asubiar [47].
- O crego e maila criada/ botaron o pan no forno,/ e os pequenos lles dicían/ nanai, teta, papai, bolo [48].
- O crego e mais a criada/ ordenaron de cocer;/ tiñan a leña no monte/ e a fariña por moer [49].
- O cura e maila criada/ ordenaron de cocer,/ tiñan a leña no monte/ e a fariña por moer [50].
- O día da miña voda,/ que ogallá sexa mañá,/ heime mercar un vestido/ i unha boroa de pan [51].
- O lobo i a muller/ trataron de cocer:/ a leña no monte,/ a fariña por moer [52].
- O meu meniño é pequeno,/ heino daprender a todo:/ a amasar i a peneirar/ i a que quente ben o forno [53].
- O meu pai foi sancristán/ e fixo moitas diabruras,/ mollaba o pan no aceite,/ deixaba o Cristo ás escuras [54].
- O pan trigo, sabe ben,/ dichoso de quen o come!/ Muller bonita casada,/ fortuna para o seu home [55].
- O Roque e maila muller/ ordearon de cocer,/ tiñan a leña no monte/ i a fariña por moer [56].
- Os ratos coa fariña/ ten un bo divertimento:/ eu tamén che me adivirto/ traguéndote no pensamento [57].
- Para pantrigo, Castilla,/ para buen vino, el Ribeiro,/ para rapazas bonitas/ viva Facós, que es mi pueblo [58].
- Pequerrechiña/ quedei sen pai,/ almas sinxelas/ dádeme pan;/ inda son nena/ e no lugar/ andan os mozos/ a ver cal deles/ me ha de levar [59].
- Perguiciña, queres pan?/ Quero, quero, se mo dan./ Pois vai busca-lo coitelo./ Ai, non señor, non o quero [60].
- Periñas me dan ao almorzo,/ ao xantar peras me dan,/ á merenda danme peras,/ ao cear peras sen pan [22].
- Sega, fouciñiño, sega,/ por ise panciño raro,/ que ó que quer gañá-la vida/ cómprelle de ir con coidado [61].
- Sete xastres fan un home/ no ano do pan barato,/ que no ano do pan caro/ precísanse vintecatro [62].
- Sete xastres fan un home/ o ano do pan barato,/ o ano que o pan é caro/ xa fan falla vintecatro [63].
- Si todo o mar fora leite/ e Monte Louro boroa,/ xa terían que comer/ os tramalleiros de Boa [64][65].
- Tanto baillei/ á porta do forno,/ tanto baillei/ que me deron o bolo [66].
- Teño muíño e moe fariña,/ teño forno e coce pan,/ teño unha muller bonita,/ xa estou feito un capitán [67].
- Terra negra non dá pan;/ os mociños de Galicia/ noutra terra non os hai <refXaquín Lorenzo Fernández, 153.</ref>.
- Tiroliro, miña gaita,/ tiroliro, que che falta,/ te-lo viño na bodega/ i o pantriguiño na arca [68].
- Todo se me dá na man/ se non a sacha do millo/ e mais a sega do pan [69].
- Todos din casar, casar,/ eu tamén me casaría,/ se non fora, miña prenda,/ polo pan de cada día [70].
- Toma meu cego a limosna/ e non me tóme-la man./ - Perdone miña señora,/ pensei que todo era pan.
- Torradiñas de manteiga,/ torradas non quero máis;/ por causa das torradiñas/ fóxenlle as fillas ós pais [70].
- Vaite de eí, carociño,/ terra seca non dá pan;/ máis vale quedar solteira/ que casar cun balandrán [71].
- Viva O Maño, viva O Maño,/ que é terra de moito pan,/ o forno da miña sogra/ bota uvas polo vran [72].
- Xa hai tres días que non como/ senón lágrimas con pan;/ ises son os xantarciños/ que os teus amores me dan [73].
Recitados
editar- -Preguizosa, ¿queres pan?
- -Si, señora, se mo dan.
- -Pois vai colle-lo coitelo.
- -Non señora, así non quero.
O pan, fonte de léxico
editarAdemais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo en numerosas localidades, sexa en gran, sexa aínda na terra, ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén ó millo na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades, algunhas relacionadas directamente co pan (formas, presentacións, características do pan) e outras como elemento metafórico:
- Variedades de pan
- bolo: peza de pan redonda e alta, tamén chamado molete.
- pan abenzoado: pan que se bendecía na misa e que se repartía entre os fieis nos días solemnes.
- pan albeiro: pan de trigo, moi branco e fino.
- pan ácimo: pan feito sen lévedo.
- pan branco: pan elaborado con fariña de trigo.
- pan centeo, pan centeio: pan de centeo.
- pan da borralla: pan cocido na cinza.
- pan da lareira: pan cocido sobre a pedra da lareira, cuberto cunha tapa de ferro que á súa vez se cobre de brasas.
- pan da voda: bóla de pan que se repartía entre os asistentes a unha voda, con carácter simbólico.
- pan de boroa: pan de millo.
- pan de entrepeneiras: pan de mestura.
- pan de figos: pan elaborado con figos, améndoas e especias, con forma de torta.
- pan de mestura: pan elaborado coa mestura de dúas fariñas diferentes, como tal millo e trigo. Para Eladio Rodríguez, o elaborado con fariña milla mesturada coa de trigo ou de centeo.
- pan de millo: broa.
- pan de molde: pan de codia branda e o miolo esponxoso, con forma rectangular, cortado en rebandas e empaquetado.
- pan de ovo: roscón, elaborado con ovos e azucre.
- pan de peneira: ver: pan picón.
- pan de peso: pan de trigo, redondo e de gran tamaño, elevado no centro onde presenta unha especie de mamila. Chámase así porque se vende normalmente ó peso, segundo o demande o comprador.
- pan de picos: bolo feito con fariña de trigo, formado con dúas barras de masa terminadas en punta e enlazadas polo centro, de forma que quedan as catro puntas saíntes e equidistantes.
- pan de poia, pan de proia: torta que fai o forneiro cos restos da masa que se coce no seu forno. Adoita deixarse como pago en especie do usuario ó propietario do forno.
- pan de relón: pan elaborado coa fariña da segunda criba. Tamén designa o pan elaborado co relón: casca dos cereais que se separa da fariña.
- pan do lar: nome xenérico que reciben diversas clases de pan cocido na pedra da lareira (bica do lar e bóla do lar).
- pan dos anxos: ver pan eucarístico.
- pan dos días de festa: pantrigo.
- pan eucarístico: hostia consagrada na misa.
- pan feiral: trigo ou centeno comprado na feira ou no mercado.
- pan froleado: pan elaborado coa flor da fariña de trigo.
- pan grañón: pan moreno, feito con fariña de trigo lixeiramente peneirada.
- pan integral: pan elaborado con fariña integral.
- pan milleiro: broa.
- pan negro: pan de centeo.
- pan picón: pan elaborada coa fariña pasada por unha segunda peneira.
- pan regañado: pan que se abre no forno, por estar moi quente.
- pan relado: pan seco e moído que se emprega xeralmente para rebozar.
- pan resésigo, pan reseso: pan que non está cocido no día senón o anterior ou máis atrás, polo que comeza a endurecer.
- pan seco: pan só, sen outro acompañamento.
- pan terzado: pan elaborado con tres tipos de fariña, que adoitan ser de centeo, de millo e de trigo.
- pantrigo: pan elaborado con fariña triga.
- O pan como metáfora
- burra de pan: morea de feixes de palla, herba, etc, nas leiras
- cabeza do pan: espiga do cereal.
- mosca do pan: gorgullo.
- pan da morte: cogomelo venenoso tamén chamado Cacaforra da morte (Amanita phalloides).
- pan da zorra: ver pan da morte.
- pan de amigo: soporte que sostén as "bancadas" nunha barca.
- pan de can: ver pan da morte.
- pan de cobra: cogomelo que o informante non identifica. Pode ser o tamén coñecido como peido de lobo.
- pan de cóbrega: ver pan de cobra.
- pan de corvo:cornizó do centeo.
- pan de cuco: planta tamén chamada aleluia (Oxalis acetosella).
- pan de cuco: planta tamén chamada erbellaca (Vicia sativa).
- pan de cuco: planta (Vicia hirsuta).
- pan de curuxa: ver pan de cobra.
- pan de gaivota, de gavota: esponxa mariña.
- pan de gaivota: cuncha interna da xiba.
- pan de lagarto: especie de sempreviva (Sedum acre).
- pan de lagartos: planta de zonas costeiras (Sedum album).
- pan de lagosta, de langosta: ver pan de gaivota (esponxa).
- pan de mouro, pan mouro: ver pan de gaivota (esponxa).
- pan de paxaro: ver pan de lagarto e pan de lagartos.
- pan de pega: ver pan pego.
- pan de raposo: especie de cogomelo ou fungo que o informante non identifica.
- pan de sapo: ver pan de cobra.
- pan de sapo: ver pan de gaivota (esponxa).
- pan do demo: ver pan da morte.
- pan do demo: cogombro de mar ou holoturia (un equinodermo mariño).
- pan e queixo: planta (Pontentilla erecta).
- pan e queixiño: ver panqueixo.
- pan pego: posta de ovos da barbantesa (Mantis religiosa).
- pan senso: ver pan de gaivota (xiba).
- panqueixo: planta (Capsella bursa-pastoris).
Outros
editar- Na novela Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, o autor sinala as preocupacións de Balbino ao comer pan de millo (á súa nai "sentáballe mal a broa"), mentres os nenos de familias máis adiñeiradas podían mercar "pantrigo".
- O Padre Sarmiento escribiu "Os rústicos comen pouco pan de trigo, o máis común que comen é pan de millo".
- Castelao describiu unha Galiza soñada por el coma "Vexo aos nenos, loiros e bonitos, a comeren pantrigo con mel e manteiga".
Notas
editar- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. forno.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: pón, pr’a, par’o monte.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 37. No orixinal: metelo).
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No orixinal: éch’unha.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 37.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: inteira.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: choscóu.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No texto: inteira.
- ↑ É posible un erro na recollida da cantiga de pan por pau.
- ↑ Lino Lema Bouzas, 15.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 35.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 47. Santiago de Calvos, parroquia de Bande.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: valorenta.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: és, pero eres.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 55.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 56.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 56. Xeás é lugar de San Salvador de Torno, concello de Lobios; Gaiás é lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, no concello de Lobeira; e San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 59. No orixinal: valorento, tua, comelo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 61. No orixinal: casóu. Xaquín Lorenzo di que é da autoría de Lamas Carvajal.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 221.
- ↑ No texto: Dam'un, pol-a, ch'hei, xurêlo, Buêu.
- ↑ 22,0 22,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 260.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 68. No orixinal: de unha.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: díannolos, mercalo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 73. No orixinal: lavalos.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 75.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No texto: qu’ha, casal-a.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 82.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 84.
- ↑ Elixio Rivas Quintas 1978.
- ↑ Vicente Risco 1962, 405.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 181. No orixinal: valorento, perdel-o.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 93. En tempos, existían as chamadas mozas alugadas, que formaban cuadrillas para ir á sega a terras de preto, aínda que tamén podían chegar a Castela. A cantiga reflicte a súa mala fama.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 93.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 94.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 174. No orixinal: tua, dame, pol-a.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 97. No orixinal: tua.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 97.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 97. No orixinal: muiño, faguelo.
- ↑ Álvaro das Casas, en Nós 95, 15.11.1931, 217.
- ↑ 41,0 41,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 98.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 100. No orixinal: sua.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 100.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 106. No orixinal: nona.
- ↑ Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: n'o forno, s'è que ja, estivère, mullèr, c'o home, s'altere.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 109. No orixinal: muiño.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 109. No orixinal: muiño. Irlle a asubiar a alguén ten a intención de darlle ánimos cando anda de noite polos camiños.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No texto: mail-a, nanái, papái.
- ↑ J. Leite de Vasconcellos: Vozes gallegas (1845).
- ↑ Fermín Bouza Brey, 189. No texto: mail-a.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 117. No orixinal: boda.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 118.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 121.
- ↑ Álvaro das Casas, 216. No texto: âs escuras.
- ↑ Marcial Valladares Núñez, s. v. pantrigo. No orixinal: quèn, còme, mullèr, par’o, hòme.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 124.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 126.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 128. Cantiga castelá na que a única tradución foi a introdución de topónimos locais.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 133.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 133. No orixinal: buscalo, nono.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 143. No orixinal: gañala.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 147. O refraneiro e o cantigueiro están cheos de sátiras contra os xastres e, en menor medida, as costureiras.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: qu’o.
- ↑ Boa é a parroquia máis occidental do concello coruñés de Noia, lindando con Porto do Son. Tramalleiros son os que pescan ó tramallo, unha arte de pesca formada por tres redes superpostas. Álvaro das Casas, 192; no orixinal: Montelouro,
- ↑ Lino Lema Bouzas 15.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 149). Explica Xaquín Lorenzo que, cando se coce o pan de millo no forno, faise unha peza moi batida, delgada, que é a primeira que se saca do forno, a que chaman bolo. Compártese, como sinal de aprecio, cos veciños que se atopen no forno no momento de saca-lo bolo.
- ↑ Fermín Bouza-Brey: Paradela, Nós nº 97, 15.01.1932, 236. No texto: muiño.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 155. No orixinal: telo.
- ↑ Fermín Bouza-Brey: Paradela, Nós nº 97, 15.01.1932, 19. No texto: mán, senón.
- ↑ 70,0 70,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 156.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 160. No orixinal: ehí.
- ↑ No orixinal: pol-o. Fermín Bouza-Brey, 195.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 164. No orixinal: dias, senon, dán.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- Fermín Bouza-Brey (colector): "Novas cántigas e triadas da parroquia de Paradela, na terra da Ulla", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 96, 15.12.1931.
- CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.* ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008
- Rodríguez Castelao, Alfonso: Sempre en Galiza, 1944. ISBN 978-84-8288-729-6
- LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- NEIRA VILAS, Xosé: Memorias dun neno labrego. Editorial Galaxia, 1961. ISBN 978-84-9865-343-4.
- RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
- RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
- VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.