O neno do pixama a raias

Este artigo é sobre a novela. Para consultar información sobre o filme vaia a O neno co pixama de raias (filme).

O neno do pixama a raias é o título dunha novela do escritor irlandés John Boyne publicada no ano 2006. A trama céntrase na historia de Bruno, un neno de nove anos[1][2], o cal é fillo dun comandante ao cargo dun campo de concentración nazi. A historia, malia estar contada en terceira persoa, relata os feitos desde a visión dun cativo inocente, o cal non entende moi ben o que está a suceder.

O neno do pixama a raias
Título orixinalThe Boy in the Striped Pyjamas
Autor/aJohn Boyne
OrixeIrlanda
LinguaInglés
ColecciónNarrativa K
Xénero(s)Literatura infantil, novela histórica, traxicomedia
EditorialGalicia Faktoría K de libros
David Fickling Books
Data de pub.Galicia decembro de 2007
5 de xaneiro de 2006
FormatoEncadernación rústica
Páxinas190
ISBNISBN 978-84-96957-20-6
TraduciónDaniel Saavedra
editar datos en Wikidata ]

A diferenza dos meses de planificación que Boyne necesitara para os seus libros anteriores, o escritor dixo que escribira o primeiro borrador en dous días e medio, case sen durmir ata que o rematou[3]. A día de hoxe a novela vendeu máis de 5 millóns de copias ao redor do mundo. En 2007 foi o libro mellor vendido do ano en España[4].

Argumento editar

Un día ao volver da escola Bruno descobre a Maria, a criada, remexendo nas súas cousas. Esta dille que vaia falar con súa nai. Madre dille que marchan para vivir en Ouvichs xa que o xefe de Padre, o Fura, mandáraos alí por mor do traballo. (En realidade "Ouvichs" é Auschwitz e o "Fura" é o Führer, pero Bruno non é capaz de pronunciar ben.) Aínda que Bruno se nega, tense que mudar coa súa familia á forza, deixando os seus amigos en Berlín. A súa nova casa é moito máis pequena cá de Berlín e non vive ninguén nos arredores. Cando Bruno chega á súa nova habitación sorpréndese ao ver que preto da casa se alzaba un enorme aramado que se perdía na distancia. No seu interior había cabanas e chemineas, e xente vestida cuns estraños pixamas e gorros a raias brancas e grises.

Uns días máis tarde, o pai de Bruno e Gretel decide que os seus fillos deben "volver á escola" e fai que herr Liszt sexa o seu titor. Este inténtalles impoñer ideoloxías nazi, que Gretel comeza a adoptar. Bruno comeza entón a percibir un cambio no comportamento da súa irmá, ademais de que esta se namora do tenente Kotler (ou Kurt, como ela o chama). Mentres tanto, un día Bruno lembra que unha das cousas que máis lle gustaba era xogar ós exploradores, así que decide dar unha volta. Finalmente, chega ata o aramado. Ao outro lado descobre a figura dun neno coa vestimenta propia da xente dese lado (traxe e pucho a raias grises). Así é como coñece un cativo xudeu, quen se presenta como Shmuel. Ambos os nenos fanse bos amigos decontado e Bruno visita a Shmuel todos os días para pasar a tarde falando.

Outro día, mentres Gretel aclara algunhas dúbidas que Bruno ten acerca do aramado, esta descobre un ovo no seu pelo. Madre, alertada polo berro da rapaza, acode e confírmao: os dous irmáns teñen piollos. A medida de Padre co seu fillo é raparlle o pelo cunha navalla, facendo que o neno se parecese máis a Shmuel, como estes dous bromeaban. Por outra banda, Madre decide que xa abonda e quere volver a Berlín xunto ós seus fillos. Cando Bruno volve falar con Shmuel para contarlle as novas, o xudeu ten máis motivos para estar triste: seu pai desaparecera días atrás e non o atopaban por ningures. Así é como os dous cativos deciden emprender a súa aventura final como despedida. Shmuel tráelle a vestimenta propia dos do seu lado e Bruno cóase por un pequeno oco baixo o aramado. Malia pasaren toda o serán buscando, non deron con el. Finalmente, cando Bruno decide que é moi tarde e debe volver á casa, óese un asubío e moita xente comeza a desfilar. A multitude, que camiña nunha dirección, consegue arrastralos e todos chegan ata un cuarto onde son encerrados para seren gasificados. Non obstante, malia o caos que había, os dous amigos non se soltarían a man por nada do mundo.

A historia remata cos soldados ao cargo de Padre buscando a Bruno ata que dan coa súa roupa ó lado do aramado. E Padre, explorando, pode ir adiviñando o que podía ter pasado. Varios meses despois, tras a marcha de Madre e Gretel, os soldados aliados (aínda que non se menciona, probablemente son os rusos do Exército Vermello, que liberaron os presos de Auschwitz) ordénanlles aos soldados nazis que vaian con eles e Padre vai sen opoñer resistencia, porque "xa non lle importaba o que puidesen facer con el".

O libro remata dicindo:

Este é o final da historia de Bruno e a súa familia. Isto todo, por suposto, pasou hai moito tempo, e non podería pasar de novo algo semellante.
Non hoxe en día.

Capítulos do libro editar

Esta é unha relación dos capítulos do libro.

  1. "Bruno fai unha descuberta"
  2. "A nova casa"
  3. "O caso perdido"
  4. "O que viron pola xanela"
  5. "Zona-prohibida-en-todo-momento-e-sen-excepcións"
  6. "A criada á que se lle pagaba de máis"
  7. "Como madre levou o mérito por algo que non fixera"
  8. "O porqué do enfado da avoa"
  9. "Bruno lembra canto lle gustaba xogar a explorar"
  10. "O punto que se converteu nunha pinga que se converteu nunha mancha que se converteu nunha figura que se converteu nun neno"
  11. "O Fura"
  12. "Shmuel pensa nunha resposta á pregunta de Bruno"
  13. "A botella de viño"
  14. "Bruno di unha mentira moi razoábel"
  15. "Algo que non debía ter feito"
  16. "O corte de pelo"
  17. "Madre sáese coa súa"
  18. "Planeando a aventura final"
  19. "O que pasou ao día seguinte"
  20. "O último capítulo"

Personaxes editar

Principais editar

  • Bruno
É o protagonista do libro. Naceu o 15 de abril de 1934 e ten nove anos[1][2] (polo que a historia se desenvolve no ano 1943). A súa afección máis salientable é a de explorar, por iso non lle gusta a mudanza a Ouvichs, xa que a casa é moi pequena se a compara coa de Berlín, que por moito que a explorase sempre gardaba algún segredo. Este gusto por facer de explorador lévao a que un día se tope con Shmuel, un neno que se atopa ao outro lado dun estraño aramado achegado ao seu novo fogar.
  • Shmuel
É un neno xudeu que vive encerrado no campo de concentración de Ouvichs. Naceu o mesmo día ca Bruno, polo que ambos os nenos teñen a mesma idade. Axiña, os cativos fanse amigos tras a súa primeira conversa. Shmuel vivía agochado co seu pai, nai e irmán, amais doutras persoas, antes de os levaren a todos a Ouvichs.
  • Padre
  • Madre
  • Gretel
É a irmá máis vella de Bruno ou, como el a chama, "o caso perdido"; esta, á súa vez, considera a Bruno un ignorante por descoñecer o fin do aramado ou a identidade das persoas (para ela enxendros) que hai no seu interior. A súa relación co tenente Kotler fai que Bruno se anoxe cada vez que os ve xuntos flirteando. A súa personalidade cambia ao longo do libro, pasando de ser unha nena que xoga con bonecas a adorar ao Fura.

Secundarios editar

  • Tenente Kotler (Kurt)
  • Maria
É a criada da familia. Bruno e mais ela teñen unha boa relación durante o transcurso da narración, xa que o neno acode a ela para falar dos seus problemas.
  • Lars
É o mordomo da familia.
  • Pavel
É o cociñeiro da familia. É o primeiro en acudir a Bruno cando este cae do bambán que construíra cun pneumático e unha corda. Cando están a sandarlle as feridas da perna, Pavel cóntalle a Bruno que antano fora médico.
  • O Avó e a Avoa
  • O Fura (Hitler)
Aparece como personaxe que intervén na historia durante algúns capítulos, aínda que estes son feitos pasados ao presente da historia. Ao longo do libro, ademais, os personaxes menciónano en diversas ocasións.
  • Eva
É a muller do Fura. Intervén na historia durante a cea celebrada no capítulo "A botella de viño".
  • Herr Liszt
É o mestre que retoma as leccións de Bruno e Gretel cando cambian de casa. Este inténtalles impor a ideoloxía nazi, conseguíndoo coa nena, mais non con Bruno.

Outros editar

  • Karl, Daniel e Martin
Son os mellores amigos de Bruno en Berlín.
  • Hilda, Isobel e Louise
Son as mellores amigas de Gretel en Berlín.

Adaptación cinematográfica editar

Miramax fixo unha adaptación ao cine da novela. A rodaxe realizouse en Budapest entre abril e xuño de 2007. O filme está protagonizado por David Thewlis, Vera Farmiga, Asa Butterfield e Jack Scanlon e foi dirixido e adaptado polo inglés Mark Herman. A estrea foi o 12 de setembro de 2008 en Irlanda e o Reino Unido, o 17 de setembro na China, o Xapón e en España, no Festival de San Sebastián, o 26 de setembro no resto de cines de España, o 3 de outubro en Finlandia e o 7 de novembro en EEUU[5].

É apropiado para os nenos? editar

Cando Boyne finalizou o seu primeiro borrador deullo ao seu axente, dicindo: "Escribín este libro, é moi diferente a calquera cousa que escribise antes. Penso que pode ser un libro para nenos, pero creo que aos adultos tamén lles pode gustar"[3].

Ed Wright de The Age destacou que o tema do Holocausto pode levar aos pais a "atoparse necesitando explicar o Holocausto aos seus fillos"[6]. Non obstante, Kathryn Hughes de The Guardian sentiu que debido a que os acontecementos do libro transcorren bastante devagar, os cativos poden aprender todo sobre os eventos ao mesmo tempo que len[7].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Faktoría K (ed.). "O neno do pixama a raias". Arquivado dende o orixinal o 20-11-2008. Consultado o 28-08-2009. 
  2. 2,0 2,1 O neno ten 8 anos na película, pero 9 no libro: Random House (ed.). "The Boy in the Striped Pyjamas" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19-08-2009. Consultado o 28-08-2009. 
  3. 3,0 3,1 "Interview with Children’s Author John Boyne (2006)". Sarah Webb. Consultado o 23-02-2007. 
  4. el cultural.es, ed. (2008). "Libros más vendidos" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26-12-2008. Consultado o 08-01-2009. 
  5. The Boy in the Striped Pyjamas (2008) - Datas das estreas
  6. Wright, Ed (03-01-2006). The Age, ed. "Book Review: The Boy in the Striped Pyjamas". Consultado o 31-07-2006. 
  7. Hughes, Kathryn (21-01-2006). The Guardian, ed. "Educating Bruno". Consultado o 31-07-2006.  (contén detalles do argumento)

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar