Non hai misericordia

obra literaria de Xelís de Toro

Non hai misericordia é unha obra literaria de Xelís de Toro, publicada en 1990 por Edicións Positivas. Foi gañadora do I Premio de Narrativa Cidade de Lugo.

Non hai misericordia
Autor/aXelís de Toro
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónNarrativa
Xénero(s)conto
EditorialEdicións Positivas
Data de pub.1990
Páxinas144
ISBNISBN 978-84-87783-01-5
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

A obra xira arredor dun programa de radio. Nel lense relatos cun vencello común: a violencia en diversos ámbitos[1]. No programa vanse lendo os contos, e ao remate de cada un son comentados por un sociólogo, un teólogo, un psicólogo, un asistente social e polo propio autor.

1 editar

O primeiro conto fala dun grupo de amigos formado por Víctor (un camareiro), Mónica (a súa moza), Gabi e Sócrates. Os amigos adoitan pasar a tarde no bar onde traballa Víctor, até que un día este, farto da súa situación laboral, abandona o traballo. Esa mesma tarde deciden ir de festa os catro.

A raíz de usaren a mesma máquina comecartos, únese ao grupo Lamas, un home que se converte en millonario ao vender un baixo comercial, e que devece por entrar no círculo social pudente da vila.

Comezan a beber xuntos por bares e pubs, e cando xa Lamas comeza a estar bébedo, amosando un inequívoco interese sexual por Mónica, Víctor decátase e faille saber que se podería chegar a un acordo para se deitaren. Logo de mercar cocaína nunha discoteca, marchan en coche a outra con Víctor guiando o vehículo. De sócato para o coche, e comezan a mallar en Lamas.

O proceso é analizado na radio desde diferentes puntos de vista: máis alá da violencia final da malleira, observan as causas que levan a Víctor a deixar o traballo e ao grupo a actuar dese xeito.

2 editar

No segundo relato a protagonista é Rosa, unha dependenta duns 40 anos, nai de dúas fillas, que co seu salario mantén tamén ao seu home, desempregado. Pola mañá, antes de ir ao traballo, atopa o corpo de Lamas na beiravía, e avisa ao bar que hai preto. Pola mañá a xornada de traballo é normal, agás pola visita da policía para que lles conte o que saiba do corpo atopado.

Ao mediodía regresa a casa, pero tras unha discusión porque o marido non colabora nas tarefas da casa, este dálle un bofetón. Pola tarde dille a unha clienta que non se dá decidido por uns zapatos que non lle rompa a cabeza, e o xefe dille que quede ao remate para falaren. O xefe, comeza rifándolle, para acabar abusando sexualmente dela no propio despacho. Ela déixase facer, consciente de que o seu posto de traballo é sumamente importante para alimentar ás súas fillas.

Antes de chegar a casa para nun bar ao que adoitaba ir de nova, coas amigas, pero decátase de que xa nada é o mesmo.

Xa na cama, antes de durmir, o marido volve abusar dela.

A análise na radio deste relato ten tamén diferentes puntos de vista, agravándose coa chamada dunha oínte protestando porque os comentaristas son todos homes.

3 editar

O terceiro conto fala dun grupo de rock and roll, Os Gladiadores, que vai dar un concerto importante, pois van ser vistos polo membro dunha compañía discográfica]]. O concerto sae ben, con moito público. As letras do grupo falan de desencanto coa vida para a xente da súa idade e da falta de esperanza.

Ao remate do concerto o da discográfica fala con eles. Dilles que soan ben, pero que deben modificar varios aspectos (coma as letras) e substituír o batería.

A análise céntrase na violencia do mercado, que non só comercia con todo e mercantiliza os produtos, senón que esixe que estes se adapten ás leis do mesmo.

4 editar

O cuarto relato fala de Carlos, amigo dos membros de Os Gladiadores e camareiro ocasional do pub onde tocaron. Traballa tamén de locutor na emisora de radio pública, e o día seguinte ao concerto ten unha oposición para o seu posto, no que leva traballando dous anos facendo un programa de música. Malia que conta co posto, antes das probas o técnico de son infórmalle de que xa está reservado para unha moza, filla de alguén importante, e que non conte con el.

Aquí analízase a necesidade de poder, o xeito de facer e recibir favores no mundo laboral en xeral e da administración en particular.

Epílogos editar

Hai dous relatos pequenos a modo de epílogos. O primeiro ten por protagonista a Ricardo, o autor dos relatos comentados na radio. Fala que o xefe lle botou a rifa por mencionar na propia radio o tema da oposición á praza, e reprochándolle tamén que lle levase a contraria noutro momento do programa, ao reclamar que a oínte que chamara puidese dar a súa opinión.

O outro relato final fala de Rosa, a protagonista do segundo conto. Intente durmir na cama pero non é quen, e acende a radio e escoita a análise dos comentaristas sobre a violencia. Finalmente, colle un encrucillado que deixaran na mesa as súas fillas, e non dá atopado unha palabra: MISERICORDIA.

Edicións editar

A obra foi publicada en decembro de 1990 por Edicións Positivas, editorial fundada nese mesmo ano por Paco Macías e o propio Xelís de Toro, na colección Narrativa, sendo reeditado en 1992 e 1998. En 2003 foi editada de novo por Xerais na colección Peto Literaria[2].

Notas editar

  1. Vilavedra, D. (1991). "Relatos sobre a violencia". Grial (109): 143–146. 
  2. "Non hai misericordia". Xerais.