Nils Ludvig Rasmusson

numismático e museólogo sueco


Nils Ludvig Rasmusson, nado en Svedala, condado de Escania, o 3 de maio de 1904 e finado en Sigtuna, condado de Estocolmo, o 26 de novembro de 1973, foi un numismático e museólogo sueco, que dirixiu o Gabinete Real de Moedas de Estocolmo e predidiu a Sociedade Numismática Sueca.

Infotaula de personaNils Ludvig Rasmusson

Nils Ludvig Rasmusson ca. 1949. [1]
Biografía
Nacemento3 de maio de 1904
Svedala, Escania.
Morte26 de novembro de 1973 (69 anos)
Sigtuna, Estocolmo.
Lugar de sepulturaCemiterio Mariakyrkans, Sigtuna. 
Datos persoais
País de nacionalidade Sueco.
Educación Universidade de Lund.
Actividade
OcupaciónNumismático e director de museo.
EmpregadorMuseo Histórico da Universidade de Lund.
Museo Histórico Estatal.
Gabinete Real de Moedas de Estocolmo.
Membro de
Sociedade Numismática Sueca.
Sociedade Arqueolóxica Sueca.
Asociación Sueca de Museólogos.
Xunta Heráldica Estatal.
Sociedade Sueca de Anticuarios
Sociedade para a Publicación de Manuscritos sobre a Historia de Escandinavia.
Sociedade de Ciencias de Uppsala.
Academia de Letras, Historia e Antigüidades de Suecia.
LinguaLingua sueca Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMargit Ingegerd Elisabeth Wahlberg (1906-2000).
FillosLudvig Rasmusson (n. 1936).
Torkel Rasmusson (n. 1941).
PaisPer Ludvig Rasmusson.  e Anna Erlandsson.

Traxectoria

editar

Primeiros anos e formación

editar

Nils Ludvig Rasmusson naceu en 1904 en Svedala, no condado histórico de Malmöhus e actualmente encadrado en Escania, fillo dos granxeiros Anna Erlandsson e Per Ludvig Rasmusson. Fixo a súa primeira formación na escola primaria privada de Lund.[2][3][4]

Posteriormente cursou os seus estudos superiores de Humanidades na Universidade de Lund, na que foi acadando varios graos académicos desde o seu ingreso en 1923 ata 1938.[2][3][4]

Carreira erudita profesional

editar

Rasmusson colaborou como axudante no Gabinete de Moedas e Medallas do Museo Histórico da Universidade de Lund, entre 1927 e 1930. O ano seguinte pasou ao Museo Histórico Estatal, e en 1944 vinculouse ao Gabinete Real de Moedas de Estocolmo, inicialmente como segundo conservador e finalmente como director do departamento, cargo que ocupou ata 1970.[3][4] Baixo a súa dirección leváronse a cabo varias exposicións relevantes sobre numismática na nova sede do Gabinete no Museo Histórico en Narvavägen.[2]

As súas investigacións, que deron lugar a 468 publicacións, focalizáronse como áreas principais na moeda sueca e doutros países —onde destacan os seus artigos sobre moedas bracteadas danesas e suecas dos séculos XIII e XIV—, na historia monetaria, e na arte e a historia de medalla. Ademais, ten tamén numerosos estudos sobre outros asuntos, como a historia da aprendizaxe, a iconografía, a heráldica, a sixilografía e a metroloxía.[2][4][5][6][7]

Na década de 1950, baixo a dirección de Rasmusson organizouse unha comisión internacional composta fundamentalmente por especialistas alemáns, ingleses e suecos, co obxectivo de catalogar e publicar os achados de moedas suecas da época viquinga.[2]

Entre outras sociedades eruditas e entidades do ámbito asociativo, Rasmusson foi un destacado membro da Sociedade Numismática Sueca, da que foi secretario (1943-1944), vicepresidente (1944-1946 e 1953-1961) e finalmente presidente (1947-1953 e 1962-1973).[8] Tamén presidiu a Sociedade Arqueolóxica Sueca (1957-1959) e a Asociación Sueca de Museólogos (1958-1960), e foi adxunto á dirección da Xunta Heráldica Estatal (1953-1970). Foi elixido membro da Sociedade Sueca de Anticuarios en 1944, e primeiro anticuario desta en 1946. Outras entidades das que formou parte foron a Sociedade para a Publicación de Manuscritos sobre a Historia de Escandinavia (1952), a Sociedade de Ciencias de Uppsala (1957) e a Academia de Letras, Historia e Antigüidades de Suecia (1960).[2]

En 1956, a Universidade de Lund concedeulle o título de Doutor Honoris Causa.[2]

Vida persoal

editar

Nils Ludvig Rasmusson casou o 27 de setembro de 1931 en Falköping con Margit Ingegerd Elisabeth Wahlberg (1906-2000), con quen tivo dous fillos, Ludig (nado en 1936) e Torkel (1941).[2][4]

Faleceu o 26 de novembro de 1973 en Sigtuna,[2] e foi soterrado no cemiterio parroquial Mariakyrkans, desa cidade.[9]

  1. B. H. (1949).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Malmer, B. (1996).
  3. 3,0 3,1 3,2 B. H. (1949).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Harnesk, P. (1962).
  5. Lagerqvist, L. O. (1973).
  6. Malmer, B.; Lagerqvist, L. O. (1973).
  7. "Rasmusson, Nils Ludvig" Regesta Imperii (Opac.regesta-imperii.de)".
  8. "SNF:s ordföranden genom tiderna". Svenska Numismatiska Föreningen (Numismatik.se).
  9. "Nils Ludvig Rasmusson". Gravar.se

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • B. H. (1949). "Rasmusson, Nils Ludvig". En Svenska män och kvinnor: biografisk uppslagsbok. Vol. 6. Albert Bonniers förlag. Páxina 223.
  • Harnesk, P. (1962). "Rasmusson, Nils Ludvig". En Vem är Vem? Stor-Stockholm. Bokförlaget ven är vem ab, Estocolmo. Páxina 1.078.
  • Lagerqvist, L. O. (1973). "Nils Ludvig Rasmusson. Bibliografi 1929-1973". En Nordisk Numismatisk Unions Medlemsblad. 10. Copenhague. Páxinas 271-357.
  • Malmer, B. (1996). "Nils Ludvig Rasmusson". En Svenskt biografiskt lexikon. Vol. 29. Páxina 703.
  • Malmer, B.; Lagerqvist, L. O. (1973). "Nils Ludvig Rasmusson. Bibliografi 1929-1973". Kungliga Myntkabinettet, Estocolmo.