Voitre branco

(Redirección desde «Neophron percnopterus»)

O voitre branco[2] (Neophron percnopterus) é unha ave da familia dos accipítridos, (do mesmo xeito que outros voitres), da que é o representante con menor envergadura (sobre 150 cm). Os xuvenís son pardos, mentres que os adultos (a partir dos 5 anos de idade) caracterízanse pola súa testa e poutas amarelas, corpo branco, ás brancas con extremos grises e negros e cola branca e ancha. Miden 85 centímetros da punta do peteiro á da cola, tendo unha envergadura de 1,7 metros e un peso medio de dous quilos ou pouco máis.

Voitre branco

Adulto de N. p. ginginianus
Estado de conservación
En perigo
En perigo[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
Familia: Accipitridae
Xénero: Neophron
Savigny, 1809
Especie: N. percnopterus
Nome binomial
Neophron percnopterus
(Linnaeus, 1758)
Distribución das subespecies
Distribución das subespecies

Distribución das subespecies
Neophron percnopterus

Os voitres voan normalmente en solitario, aínda que ás veces seguen a outros conxéneres ou ata a voitres doutras especies e corvos. Habitan na Península Ibérica, África e o suroeste de Asia ata a India. En España, o voitre branco é normalmente un visitante estival, aínda que existen poboacións sedentarias nas illas de Menorca, Mallorca, Lanzarote e Fuerteventura.

Este voitre adoita ser un dos derradeiros animais en probar a carnaza da que se alimenta. Cando outras especies maiores xa remataron con case toda a carne, o voitre branco acode para engulir as poucas peles e restos de carne que quedan pegados aos ósos. Complementa a súa dieta con insectos e pequenos animais, así como todo tipo de desfeitos e feces animais. Tamén engole ovos, que casca levantándoos co peteiro e guindándoos contra as rochas. En África, os voitres brancos logran romper a grosa casca dos ovos de avestruz tomando unha pedra e guindándoa repetidamente ata que a casca cede, sendo este un dos poucos casos de uso de ferramentas no mundo animal. Os voitres brancos tamén son visitantes habituais dos vertedoiros, onde se alimentan de lixo humano.

Adoitan aniñar en covas situadas sobre cantís e vales recurtados, onde poñen dous ovos entre marzo e abril nun niño forrado de pelos de animal (é común o uso de lá de ovella), pólas e ósos. Transportan estes materiais co peteiro, ao contrario que o resto de voitres, que o fan suxeitándoos coas súas poutas. O uso intensivo de pesticidas pode reducir a posta a un só ovo, coma aconteceu en varias zonas de España e Portugal onde hoxe en día atópase en declive.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar