Neolítico na Península Ibérica

O Neolítico na Península Ibérica é unha etapa da Prehistoria, datada entre o V e o III milenio a.C, caracterizada polo inicio de fondas transformacións que permitiron superar o Paleolítico.

Espallamento do Neolítico pola Eurasia occidental.

Cambios asociados editar

Durante o Neolítico, as comunidades humanas comezaron a produción de alimentos (cultivo de plantas e domesticación) o que lles permitiu abandonar a economía predadora (caza e recolleita) e o nomadismo do Paleolítico. A sedentarización propiciou un crecemento demográfico e unha maior complexidade social e tecnolóxica. Así, a pedra tallada foi substituída pola pedra pulimentada o que permitiu a elaboración de instrumentos relacionados coa agricultura (machadas, sachos, muíños de man, fouces) e novas industrias como o téxtil, a cerámica e cestería, fundamentais para a conservación e cocción de alimentos. Isto levou a unha maior especialización do traballo facéndose cada vez máis complexa a organización social.

Neolitización peninsular editar

 
Fragmento de cerámica cardial do xacemento de Cova Gran de Collbató

As orixes do Neolítico sitúanse en Oriente Próximo pero na Península Ibérica as primeiras evidencias aparecen cara ao V milenio a.C.[1] O paradigma principal para explicar a chegada destas transformacións é o difusionista, explicándose polo contacto das culturas autóctonas coas influencias chegadas polo Mediterráneo.[2] Estes contactos están asociadas á cerámica cardial, chamada así pola decoración incisa feita con cunchas de berberecho.[3] Os xacementos máis antigos que conservan fragmentos desta cerámica localízanse no nordés peninsular e están relacionados aos do sur de Francia.[4]

Durante o neolítico inicial os asentamentos humanos foron en covas sendo senlleiros os xacementos de Nerja ou La Sarsa (Bocairent, Valencia). Nelas existen mostras de cultivo de cereais (cebada en ambos casos e tamén trigo en La Sarsa) e cría de animais (ovicápridos en ambas as dúas, e do xénero bos tamén na de La Sarsa).[5] Os restos humanos máis antigos ligados co Neolítico atopáronse en Cova Bonica (Vallirana) e están datados entre 5475 e o 5220 a.C.[6]

Posteriormente, as comunidades humanas asentáronse en terras fértiles e o Neolítico estendeuse dende o litoral mediterráneo cara ao interior peninsular.[7] Destacan no sueste a cultura de Almería (2800-2600 a.C) con vivendas circulares e sepulturas en necrópoles, e a cultura dos sepulcros en foxa (3500-2500 a.C) do nordés.[8][9] Progresivamente, a estrutura social fíxose cada vez máis complexa e a aparición de obxectos de prestixio nalgunhas tumbas indica certa xerarquización social, como evidencia o megalitismo, rompéndose o igualitarismo asociado ao Paleolítico.

Notas editar

  1. Bernabeu Aubán, Joan (2007). "Sobre el origen y difusión del Neolítico en la Península Ibérica, ca. 5600-5000 cal a.C.". Promontoria, Revista do Departamento de História, Arqueologia e Património da Universidade do Algarve. Ano 5 (5): 125–162. ISSN 1645-8052. 
  2. Rubio de Miguel, Isabel (2014). "La neolitización de la Península Ibérica, una vez más: nuevos datos para explicaciones alternativas / On The Neolithisation Of The Iberian Peninsula Again: New Data For Alternative Explanations". Anejos a Cuadernos de Prehistoria y Arqueología (en castelán) (1). ISSN 0211-1608. doi:10.15366/anejos.galan2014.003. 
  3. Alday Ruiz, Alfonso (2012-07-23). "Neolítico en la Península Ibérica: una explicación desde la perspectiva participativa de las comunidades mesolíticas". Zephyrvs (en castelán) 69: 75–94. ISSN 2386-3943. 
  4. Manen, Claire; Sabatier, Philippe (2003). "Chronique radiocarbone de la néolithisation en Méditerranée nord-occidentale". Bulletin de la Société préhistorique française 100 (3): 479–504. doi:10.3406/bspf.2003.12868. 
  5. García Borja, Pablo; Salazar-García, Domingo C.; Jordá Pardo, Jesús Francisco; Pérez Ripoll, Manuel; Aura Tortosa, J. Emili (2018). "El inicio del Neolítico en la cueva de Nerja y la Cova de la Sarsa: contexto arqueológico y dataciones radiocarbónicas". Pyrenae: revista de prehistòria i antiguitat de la Mediterrània Occidental 49 (2): 7–36. ISSN 0079-8215. 
  6. Oms, F. Xavier; Daura, Joan; Sanz, Montserrat; Mendiela, Susana; Pedro, Mireia; Martínez, Pablo (2017-01-02). "First Evidence of Collective Human Inhumation from the Cardial Neolithic (Cova Bonica, Barcelona, NE Iberian Peninsula)". Journal of Field Archaeology (en inglés) 42 (1): 43–53. ISSN 0093-4690. doi:10.1080/00934690.2016.1260407. 
  7. García Puchol, Oreto; Diez Castillo, Agustín; Pardo Gordó, Salvador (2016). "Radiocarbono y neolitización en la Península Ibérica" (en castelán). 
  8. Cruz-Auñón Briones, Rosario; Acosta Martínez, Pilar (1981). "Los enterramientos de las fases iniciales en la Cultura de Almería". Habis (12): 275–360. ISSN 0210-7694. 
  9. Muñoz Amilibia, Ana María (1997). "La cultura de los sepulcros de fosa, una sociedad neolítica". Espacio, tiempo y forma. Serie I, Prehistoria y arqueología (10): 265–278. ISSN 1131-7698. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar