Nasrala Pedro Sufair
Nasrala Pedro Sufair[1] (en árabe: نصر الله بطرس صفير, "Naṣrallah Buṭrus Ṣufayr"), nado en Raifun (Líbano) o 15 de maio de 1920 e finado o 12 de maio de 2019, foi o 76º Patriarca de Antioquía e de todo Levante da Igrexa católica maronita e bispo da Xubah-Sarba-Xuniah dende o 19 de abril de 1986 até o 26 de febreiro de 2011, permanecendo como patriarca emérito dende entón até o seu pasamento.
نصر الله بطرس صفير (Nasrala Pedro Sufair) | |
---|---|
![]() | |
Patriarca da Igrexa Católica Maronita | |
Biografía | |
Nacemento | 15 de maio de 1920 en Raifun, Líbano |
Ordes | |
Ordenación sacerdotal | 7 de maio de 1950 |
Consagración episcopal | 16 de xullo de 1961, por Paulo II Pedro al-Mauxi |
Creado cardeal | 26 de novembro de 1994, por Xoán Paulo II |
Elixido patriarca | 19 de abril de 1986 |
Patriarca de Antioquía | |
19 de abril de 1986 - 26 de febreiro de 2011 | |
Predecesor | Antonio III Pedro Khuraix |
Sucesor | Bixara Pedro al-Rai |
Outros | |
Ficha en catholic-hierarchy.org |
TraxectoriaEditar
Primeiros anos e sacerdocioEditar
Nasrala Sufair naceu en Raifun (eparquía de Sarba), no distrito de Kasaruan da gobernación do Monte Líbano, o 15 de maio de 1920.[2] Estudou entre 1933 e 1936 na escola Mar Abda de Harharaya. Posteriormente cursou os estudos secundarios no seminario de San Marón de Rasir, e posteriormente estudou no seminario maior de Beirut entre 1940 e 1943.
Estudou Filosofía e Teoloxía na Facultade de Teoloxía da Universidade San Xosé de Beirut entre 1944 e 1950. O 7 de maio de 1950 foi ordenado sacerdote, e foi nomeado cura da parroquia de Raifun e secretario da arquieparquía de Damasco, cargo que mantivo até 1956, cando pasou a ser secretario do patriarcado maronita. Entre 1956 e 1961, ademais de secretario do patriarcado, foi profesor de tradución e filosofía na Escola Maronita dos Irmáns Maristas de Xuniah.
EpiscopadoEditar
O 19 de xuño de 1961 foi elixido bispo auxiliar de Antioquía, sendo confirmado o 23 de xuño, e recibindo o título de bispo titular de Tarso dos Maronitas. A súa elección foi confirmada polo papa Xoán XXIII o 23 de xuño de 1961. Recibiu a consagración episcopal o 16 de xullo de mans do patriarca de Antioquía Paulo II Pedro al-Mauxi.
No seu papel episcopal participou no Concilio Vaticano Segundo, e foi tamén posteriormente conselleiro espiritual da Soberana Orde de Malta.
PatriarcadoEditar
O 19 de abril de 1986 foi elixido Patriarca de Antioquía. O 7 de maio de 1986 o papa Xoán Paulo II concedeulle a "comuñón eclesiástica":
Ao mesmo tempo que dirixo á Vosa Beatitude os meus calorosos parabéns, acollo con gozo a súa petición de comuñón eclesiástica. Deséxolle que poida agora cumprir con todos os actos inherentes ao seu cargo, esperando que lle sexa conferido o palio.
O mesmo papa Xoán Paulo II creouno cardeal o 26 de novembro de 1994. O 26 de febreiro de 2011, con máis de 90 anos, o papa Bieito XVI aceptou a súa renuncia á sé patriarcal. Finou o 12 de maio de 2019.
Premios e distinciónsEditar
Ten sido nomeado doutor honoris causa por varias institucións académicas, amosadas a continuación en orde cronolóxica:
ObraEditar
- وغابت وجوه: ١٩٦١-١٩٨٣ (Wa-ghābat wujūh, 1961-1983) [Rostros ausentes: 1961-1983]. 1984.
NotasEditar
- ↑ Tamén escrito Nasrallah Pierre Sfeir, Nasrallah Boutros Sfeir, Nasrallah Peter Sfeir, Nasrallah Boutros Sufayr, Nasrallah Butros Sfayr. O seu nome propio tamén aparece ás veces como Nasr Allah.
- ↑ Éditions Publitec, ed. (1999). Who's who in Lebanon. p. 261.
- ↑ Xoán Paulo II (7 de maio de 1986). Libreria Editrice Vaticana, ed. "Lettre a Sa Béatitude Nasrallah Pierre Sfeir" (en francés). Consultado o 8 de outubro de 2014.
En même temps que j’adresse à Votre Béatitude mes chaleureuses félicitations, j’accueille volontiers sa demande de communion ecclésiastique. Je désire aussi lui signifier qu’Elle peut dès maintenant accomplir tous les actes inhérents à sa charge, en attendant que lui soit conféré le Pallium
- ↑ Universidade de Fordham, ed. (11 de marzo de 2005). "University to Award Honorary Degree to Cardinal Sfeir". Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2014. Consultado o 18 de outubro de 2014.
Véxase taménEditar
A Galicitas posúe citas sobre: Nasrala Pedro Sufair |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nasrala Pedro Sufair |