Nanoarchaeum equitans

(Redirección desde «Nanoarchaeum»)

Nanoarchaeum equitans

Nanoarchaeum equitans (e o seu hóspede Ignicoccus)
Clasificación científica
Dominio: Archaea
Filo: Nanoarchaeota
Xénero: Nanoarchaeum
Especie: N. equitans
Nome binomial
''Nanoarchaeum equitans''
Huber et al. 2002

Nanoarchaeum equitans é unha especie de arquea mariña descuberta en 2002 por Karl Stetter nunha cheminea termal da costa de Islandia na dorsal de Kolbeinsey. Outras cepas desta especie foron atopadas na dorsal mesooceánica subpolar, e na Poza de obsidiana do Parque Nacional de Yellowstone, EUA. Como crece a temperaturas de 80º Celsius, que se aproximan ao punto de ebulición, considérase un organismo termófilo. Crece mellor en ambientes con pH 6, e concentracións salinas do 2%. Nanoarchaeum parece ser un simbionte obrigado das arqueas do xénero Ignicoccus, e debe estar en contacto con ese outro organismo para poder sobrevivir. Por exemplo, Nanoarchaeum equitans non pode sintetizar lípidos pero obtenos do seu hóspede. As súas células son de só 400 nm de diámetro, o que fai dela un dos organismos vivos máis pequenos (xunto coas nanobacterias e nanobios, que son controvertidos, e os ARMAN). O seu xenoma é de só 490.885 pares de bases, o que o fai un dos xenomas non virais máis pequenos secuenciado (xunto co de Candidatus Carsonella ruddii).[1]

N. equitans presenta pequenos procesos que saen da superficie da súa estrutura circular. A superficie da célula está cuberta por unha delgada capa S con forma de reticular, que lle dá estrutura e protección a toda a célula.

Clasificación editar

Xeneticamente, Nanoarchaeum é peculiar porque a secuencia do seu ARNr 16S non é detectable polos métodos máis comúns. Un exame inicial do seu ARN ribosómico monocatenario indicou que o organismo pertencía ao dominio das arqueas. Porén, as súas diferenzas con respecto aos filos de arqueas coñecidos, Euryarchaeota e Crenarchaeota, eran tan grandes como a diferenza que había entre os dous filos. Por tanto, clasificouse nun filo propio, que se denominou Nanoarchaeota.[2] Porén, outro grupo de investigadores comparou todos os marcos abertos de lectura doutras arqueas e obtivo outras conclusións: Nanoarchaeum pertence en realidade aos Euryarchaeota e a mostra dos experimentos anteriores, que só utilizaba ARN ribosómico estaba nesgada, polo que parecía presentar grandes diferenzas cos outros filos.[3]

Xenoma e proteoma editar

O seu xenoma é moi pequeno, un dos máis pequenos coñecidos, de algo menos de medio millón de nucleótidos, formado por un só cromosoma circular cun contido G+C medio do 31,6%. O 95% do seu ADN codifica moléculas estables de ARN codificantes de proteínas, pero carece de xenes para moitas vías metabólicas. A secuenciación do xenoma de Nanoarchaeum revelou gran cantidade de información sobre a bioloxía do microorganismo. Os xenes de varias vías metabólicas vitais parece que se perderon, xa que Nanoarchaeum non pode sintetizar a maioría dos nucleótidos, aminoácidos, lípidos, e cofactores. A célula debe obter estar moléculas de Ignicoccus. Porén, a diferenza de moitos microbios parasitos, Nanoarchaeum ten moitos encimas para a reparación do ADN, e todo o necesario para a replicación do ADN, transcrición, e tradución de proteínas. Isto pode explicar por que o seu xenoma carece de grandes tramos de ADN non codificante característicos doutros parasitos. A capacidade do organismo de producir o seu propio ATP está tamén en cuestión. Nanoarchaeum carece da capacidade de metabolizar hidróxeno e xofre para obter enerxía, como fan moitos outros termófilos. Ten unha ATP sintase de cinco subunidades e vías para a desaminación oxidativa. Non se sabe seguro se obtén enerxía de moléculas biolóxicas que importa de Ignicoccus, ou se recibe o ATP directamente. A composición do xenoma e proteoma de N. equitans está marcado coas sinaturas dunha dobre adaptación: por un lado está adaptado a altas temperaturas e por outro ao seu parasitismo (ou simbiose) obrigado.[1] [4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Waters, Elizabeth; et al. (2003). "The genome of Nanoarchaeum equitans: insights into early archaeal evolution and derived parasitism". PNAS 100 (22): 12984–12988. PMC 240731. PMID 14566062. doi:10.1073/pnas.1735403100.  (Este traballo describe a secuencia xenómica de Nanoarchaeum.)
  2. Huber, Harald; et al. (2002). "A new phylum of Archaea represented by a nanosized hyperthermophilic symbiont". Nature 417 (6884): 63–67. PMID 11986665. doi:10.1038/417063a.  (Este traballo describe o descubrimento de Nanoarchaeum.)
  3. Brochier, Celine; Gribaldo, S; Zivanovic, Y; Confalonieri, F; Forterre, P (2005). "Nanoarchaea: representatives of a novel archaeal phylum or a fast-evolving euryarchaeal lineage related to Thermococcales?". Genome Biology 6 (5): R42. PMC 1175954. PMID 15892870. doi:10.1186/gb-2005-6-5-r42. 
  4. Das, Sabyasachi; et al. (2006). "Analysis of Nanoarchaeum equitans genome and proteome composition: indications for hyperthermophilic and parasitic adaptation". BMC Genomics 7: 186. PMC 1574309. PMID 16869956. doi:10.1186/1471-2164-7-186.  (Este traballo describe a análise do xenoma e proteoma de Nanoarchaeum.)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar