Nancy Morejón
Nancy Morejón, nada na Habana o 7 de agosto de 1944[1], é unha poeta, dramaturga, ensaísta e tradutora cubana. Contribuíu moito á escritura en Cuba e ten posicións literarias importantes, como directora de revísta Unión, membro da Academia Cubana, e Presidente da Asociación de Escritores da Unión de Escritores e Artistas de Cuba (UNEAC).[2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de agosto de 1944 (80 anos) A Habana, Cuba |
Educación | Universidade da Habana |
Actividade | |
Ocupación | escritora, poetisa |
Período de actividade | 1962 - |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Dictionary of Caribbean and Afro–Latin American Biography (en) |
Traxectoria
editarO seu pai era de ascendencia africana e a súa nai de raíces africanas. Destacando desde moi nova nos estudos, escribía poemas aos trece anos e en 1959, con apenas quince, chegou a titularse de profesora de inglés; obtivo o bacharelato en letras en 1961. Aos dezaoito anos publicou o seu primeiro libro de versos, Mutismos. Entre 1963 e 1964 foi profesora de francés na Academia Gustavo Ameijeiras da Habana e traballou como tradutora para o Ministerio do Interior. Obtivo o premio «Rubén Martínez Villena» en 1964 e militou entre 1963 e 1965 no Comité de Base da Unión de Mozos Comunistas da Escola de Letras; licenciouse en lingua e literatura francesas pola Universidade da Habana (1966) e doutorouse cunha tese sobre o poeta martiniqueño Aimé Césaire. Entre 1986 e 1993 foi directora do Centro de Estudos do Caribe de Casa das Américas, labor que reasumiu en 2000. Desde 1991 é Membro da Academia de Ciencias de Cuba.[4]
Carreira e Educación
editarElaborou unha Recompilación de textos sobre Nicolás Guillén (A Habana, Edicións Casa das Américas, 1974) e dedicouse principalmente á tradución simultánea en eventos e congresos; tamén realizou traducións para o Instituto do Libro, sobre todo de poesía afrocaribeña. Participou no Encontro do Centenario de Rubén Darío, celebrado en Varadero (1967) e en moitos outros actos literarios, relacionados coa poesía e a cultura. En 1980 recibiu o Premio Nacional de Ensaio "Enrique José Varona" da Unión de Escritores e Artistas de Cuba polo seu libro Nación y Mestizaje en Nicolás Guillén, que en 1983 recibiu tamén o Premio Mirta Aguirre; en 1986 recibiu o "Premio da crítica" cubano por Piedra Pulida e en 2001 o Premio nacional de Literatura. A Elogio y paisaje e La Quinta de los Molinos foilles outorgado tamén o Premio da Crítica en l997 e 2000, respectivamente.[5] A Universidade de Nova York conferiulle o Premio Yari-Yari de Poesía Contemporánea polo conxunto da súa obra no 2004. En agosto de 2006, durante a VLª edición do Festival Noites de Poesía, recibiu o Premio Coroa de Ouro de Struga 2006 de Macedonia xa proclamado o 21 de marzo de 2006, na sede da UNESCO, en París, polo Día Mundial da Poesía. En maio de 2007, no marco do XII Festival Internacional de Poesía da Habana, recibiu o Premio Rafael Alberti. posúe as Insignias de Oficial da Orde ao Mérito da República de Francia e a réplica do Machete de Máximo Gómez, entre outros. É membro de número da Academia Cubana da Lingua desde 1999.
Escribiu colaboracións para Unión, Cultura'64, El Caimán Barbudo, La Gaceta de Cuba, Casa de las Américas. Foi seleccionada para a antoloxía Novísima poesía cubana (1962) de Reinaldo Felipe e Ana María Simo.
A súa obra abrangue unha grande amplitude de temas. A mitoloxía da nación cubana e a relación integracionista dos negros con esta nación mediante a mestizaxe de culturas españolas e africanas nunha identidade nova, cubana. A maior parte da súa obra apoia o nacionalismo, a revolución e o actual réxime cubano. Ademais, declara o seu feminismo respecto da situación das mulleres dentro desta nova sociedade e a integración racial facendo a mulleres negras protagonistas centrais nos seus poemas. Finalmente, o seu traballo tamén trata a historia da escravitude e os malos tratos na relación de Cuba e os Estados Unidos, aínda que a súa obra non está dominada polos temas políticos. Críticos sagaces fixeron notar xocosas observacións sobre a súa propia xente, un particular e moi cubano emprego da ironía e o humor, así como a calidade intrínseca dunha poesía sumamente lírica, íntima, espiritual, e mesmo erótica, até bucólica.
Nancy Morejón foi traducida ao inglés, ao francés, ao alemán, ao portugués, ao italiano, ao ruso, ao polaco e ao holandés e é especialmente coñecida nos Estados Unidos, onde a súa obra é moi apreciada e foi traducida e reimpresa en numerosas ocasións.
Influencias literarias
editarA paixón pola escritura e a lectura naceu por medio dos seus pais. Ambos os dous pais inculcáronlle os bos valores e a importancia da formación. A nai foi un exemplo a seguir para Nancy Morejón. O seu pai tamén a involucrou no mundo das noticias cotiás ao redor do mundo a través de revistas ou xornais. Aos nove anos, Nancy xa escribía a súa propia poesía no seu propio diario, tamén estaba a aprender inglés. A tan curta idade Nancy axudaba aos analfabetos escribindo e lendo para eles. Nancy Morejón non só foi moldeando o seu coñecemento por medio das escolas ou as universidades, tamén lle constaba que a instrución das rúas ensinaba e daban moito que aprender. Morejón dálle vida, cor, e son á súa poesía lembrando as rúas do seu barrio onde naceu e creceu, o barrio dos Sitios. Os seus pais, o seu fogar, a súa contorna onde creceu foron importantes influencias cara á súa afección á literatura e a poesía.[6]
Muller Negra
editarUn dos poemas máis populares de Nancy Morejón onde representa a historia negra e a feminidade é coñecido como Mujer Negra. Morejón é a voz dos seus antepasados. O pasado dos seus devanceiros quen sufriron por escravitude por ser raza negra influíu tanto na súa voz poética. O poema visualiza imaxes moi fortes e impactantes. Ten un ton intenso, forte, e valente. Tamén fai unha alegoría cara á revolución cubana.[7]
Conexións políticas
editarCríticos das obras de Morejón, como Caroline A. McKenzie e William Luís, ven a conexión coa revolución de Cuba como a razón do seu éxito. Aínda que a revolución foi moi importante na vida e obra de Morejón, o seu traballo cos temas de escravitude, a identidade afrocubana e o feminismo teñen unha gran parte da súa influencia na sociedade actual. O poema “Muller negra” é un bo exemplo da mestura de influencias na súa vida. Ela loita coas súas palabras polos dereitos humanos para persoas de herdanza africana e todas mulleres. No poema, usa a historia colectiva das escravas negras para crear a forza do sentimento nos lectores, especialmente por mor das referencias a experiencias normais de mulleres. Tamén se trata da revolución en Cuba e sen dúbida mostra apoio ao comunismo e aos revolucionarios como Castro.[8]
Nunha entrevista de Bomb Magazine, Nancy Morejón dixo que non hai elementos de marxismo nalgúns dos seus poemas.[9] Con todo, en “Muller Negra” hai un verso que ten a palabra ‘comunismo.’ Morejón non é membro do partido comunista, pero ten ideais que están relacionados co marxismo.
Obras poéticas
editar- Mutismos (1962). Dd. A Ponte, A Habana
- Amor, ciudad atribuída (1964). Ed. A Ponte, A Habana
- Richard trajo su flauta y otros argumentos (1967). Col. Cadernos, ed. Unión, A Habana,
- Parajes de una época (2979). Col. Mínima, ed. Letras Cubanas, A Habana.
- Poemas (1980): Selección e prólogo de Efraín Huerta, Ilustración de cuberta Wifredo Lam, ed. Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), México D.F. Antoloxía.
- Octubre imprescindible (1982). Col. Contemporáneos, ed. Unión, A Habana
- Elogio de la danza (1982). Col. Cadernos de Poesía, ed. Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), México D.F.
- Cuaderno de Granada (1984). ed. Casa das Américas, A Habana.
- Where the Island Sleeps Like a Wing (1985). Tradución, Selec. e Introdución de Kathleen Weaver, Pról. de Miguel Barnet , ed. The Black Scholar Press, San Francisco, California. Antoloxía bilingüe.
- Poems (1985). Recoñecido Como un dos mellores libros do ano: Selección de Sandra Levinson, ed. Center for Cuban Studies, Nova York. Antoloxía.
- Piedra pulida (1986). Col. Giraldilla, ed. Letras Cubanas, A Habana.
- Poemas de amor y muerte (1993). Ed. Revista Caravelle (separata), Tolosa.
- Paisaje célebre (1993). Ed. Fondo Editorial Fundarche, Caracas Venezuela.
- Elogio y paisaje (1997). Ilustracións da autora, col. A Roda Dentada, ed. Unión, A Habana.
- Richard trajo su flauta y otros poemas (1999). Selec. e pról. de Mario Benedetti, ed. Visor, Madrid.
- La quinta de los molinos (2000). Ilustracións de Reynaldo González, 135 pp, col. Cemí, 2000, ed. Letras Cubanas, A Habana. Premio da Crítica.
- Black Woman and Other Poems (2001). Ed. Mango Publ. Londres. Antoloxía bilingüe. Traduciu, anotou e introduciu Jean Andrews, arte de cuberta do autor, 244 pp
- Cuerda veloz (2002), Editorial Letras Cubanas
- Carbones silvestres (2006).
Ensaios
editar- Recopilación de textos sobre Nicolás Guillén (1972). Selección, prólogo e notas de N.M., 429 pp, Serie Valoración Múltiple, ed. Casa das Américas, A Habana.
- Nación y mestizaje en Nicolás Guillén (1982). 332 pp. col. Premio, ed. Unión, A Habana.
- Fundación de la imagen (1988). 294 pp, col. Giraldilla, ed. Letras Cubanas, A Habana.
- With Eyes and Soul: Images of Cuba (2004). Trans. Pamela Carmell e David Frye. White Pine Press.
Traducións
editar- Paul Laraque: Las armas cotidianas (1979). Col. Premio, ed. Casa das Américas, A Habana.
- Grenada Notebook (1984). Tradución de Lisa Davis, ed. Círculo de Cultura Cubana, Nova York.
- Ours the Earth (1990): Tradución, selec. e pról. de Joe Pereira,, ed. Instituto do Caribe da Universidade de West Indies (UWI), Kingston, Xamaica. Antoloxía
- Baladas para un sueño (1991). Col. Ciclos, ed. Unión, A Habana.
- Ernest Pépin: Remolino de palabras libres (1991). Col. Premio, ed. Casa das Américas, A Habana.
- Le Chaînon Poétique (1994). Traduciu Sandra Monet-Descombey, ilustrou a cuberta o pintor dominicano José Castelo. Prefacio de Delia Branco e Pilar Paliès. Ed. Médiathèque Champigny-sur-Marne, París.
- Nicole Cage Florentiny, Arcoíris, la esperanza (1996). Col. Premio, col. Premio, ed. Casa das Américas, A Habana.
- El río de Martín Pérez Poe, (1996). Ilustracións do pintor Rolando Estévez, col. Clásicos do San Juan, ed. Vigía, Matanzas. Antoloxía.
- Botella al mar (1996)): Selec. e pról. de Adolfo Ayuso, col. Poesía, ed. Oliphante, Zaragoza. Antoloxía.
- Édouard Glissant, Fastos (1998). Edicións Vigía, Matanzas.
- Édouard Glissant, Fastos y otros poemas (2001). Col. Pasamanos, ed. Casa das Américas, A Habana.
- Ruhmreiche Landschaft (Paisaxe Célebre) (2001). Gedichte, Umschlagmotive und Zeichnungen: Nancy Morejón, 82 pp, Übersetzung und Nachwort: Ineke Phaf-Rheinberger, Coleba Verlag, Triesen.
- Mirar Adentro/Looking Within: Selected Poems, 1954-2000 (2002). (Ed. bilingue, African American Life Series). Ed. Juanamaria Cordóns-Cook. Wayne State University Press.
Premios
editar- 1983: Premio "Mirta Aguirre" por Nación y Mestizaje en Nicolás Guillén.
- 1986: Premio da Críticapor Piedra pulida .
- 1997: Novo premio da Crítica por Elogio y paisaje .
- 2008: Escritora Galega Universal pola AELG.
Notas
editar- ↑ Weaver, Kathleen (2013). Entrevista con Nancy Morejón. Berkeley.
- ↑ "Nancy Morejón - EcuRed". www.ecured.cu (en castelán). Consultado o 2020-12-06.
- ↑ "Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega". www.aelg.gal. Consultado o 2020-12-06.
- ↑ Entrevista con Nancy Morejón, por Kathleen Weaver, 15 de junio de 2013, Berkeley, California
- ↑ "US Prize Awarded to Cuban Poet Nancy Morejon Cubadebate (English)" (en inglés). Consultado o 2020-12-06.
- ↑ Morejón, Nancy; Cordones-Cook, Juanamaría (2012). "Tertuliando con Nancy Morejón". Afro-Hispanic Review 31 (2): 193–220. ISSN 0278-8969.
- ↑ Voces Femeninas de Hispanoamerica. University of Pittsburgh Press. 1996. ISBN 978-0-8229-3877-4. doi:10.2307/j.ctt7zw7wd.15.
- ↑ Tillis, Antonio D. (2001). "NANCY MOREJÓN'S "MUJER NEGRA": AN AFRICANA WOMANIST READING". Hispanic Journal 22 (2): 483–494. ISSN 0271-0986.
- ↑ "Nancy Morejón by Sapphire - BOMB Magazine". bombmagazine.org. Consultado o 2020-12-06.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Diccionario de la Literatura Cubana (1999). Alacante: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Consultado 27 de 2008
Ligazóns externas
editar- Bibliografía relacionada con Nancy Morejón no catálogo da Biblioteca Nacional de Alemaña.
- Nancy Morejón na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
- Portal e biobibliografía da escritora.
- Antoloxía da escritora en Palabra virtual.
- Entrevista con Nancy Morejón