Museo Guggenheim Bilbao

museo de Bilbao (País Vasco, España)

O Museo Guggenheim de Bilbao é unha das obras máis coñecidas do arquitecto canadense Frank Gehry, gañador do Premio Pritzker en 1989. É un museo de arte contemporánea localizado en Bilbao. Trátase dun dos varios museos da Fundación Solomon R. Guggenheim.

Museo Guggenheim de Bilbao
O Museo Guggenheim de Bilbao, á beira da ría de Bilbao, no centro de Bilbao.
CoordenadasCoordenadas: 43°16′08″N 2°56′03″O / 43.26883, -2.934099
PaísEspaña España
CidadeBilbao, Biscaia
AdministradorFundación Solomon R. Guggenheim
DirectorJuan Ignacio Vidarte
Construción1992-1997
Inauguración18 de outubro de 1997
Superficie24.000 m²
Visitantes1.011.363 (2014)[1]
Na rede
https://www.guggenheim-bilbao.eus/
Facebook: guggenheimbilbaomuseo Twitter: MuseoGuggenheim Instagram: museoguggenheim Dialnet: 2423026 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O museo, aberto en 1997, é un dos grandes impulsores da economía biscaíña e supuxo un esforzo de revitalización da cidade de Bilbao, levada a cabo polas administracións publicas do País Vasco. Foi no seu momento un gran creador de emprego, debido a que as láminas de titanio utilizadas no seu recubrimento foron traballadas polos estaleiros da zona.

Case desde a súa apertura converteuse nunha importante atracción turística, con visitantes de numerosos países, e constituíu o símbolo máis importante da cidade de Bilbao. Este museo non é soamente un espazo expositivo, senón que se ergue como un dos fitos da cidade, lugar de reunión e zona de lecer.

Fundación Guggenheim editar

 
Vista exterior da zona máis alta do museo

A Fundación Guggenheim é posuidora dunha gran colección de arte e do Museo Guggenheim de Nova York. Thomas Krens é o director desta organización, e dirixiu unha política de expansión baseada no mando de fondos itinerantes co fin de facer exposicións temporais en diferentes lugares. Tamén quixo establecer dous centros de arte en Europa, polo que elixiu dúas cidades: Berlín (Alemaña) e Bilbao (España).

O encargo editar

Para o Museo de arte de Bilbao, a Fundación Guggenheim quixo rehabilitar un antigo museo de arte para albergar aí a sucursal da súa fundación. Solicitou os servizos de Frank Gehry pola calidade que demostrou no proxecto do Museo Temporal de Arte Contemporánea. Este arquitecto era entón considerado un experto en rehabilitacións. Organizouse, por motivos exclusivamente legais, un concurso pechado en 1990 que durou dez días. Nel participaron Isozaki, os de Coop Himmelb(l)au, e Gehry. Evidentemente, este último arquitecto gañouno e foi entón cando decidiu non facer a rehabilitación pretendida pola Fundación Guggenheim.

Gehry preferiu deseñar un novo edificio e elixiu a súa localización. Situaríase ao norte do centro urbano, xunto á ría de Bilbao. Escolleu este preciso lugar porque o museo podería ser visto desde tres lugares estratéxicos da cidade. O 18 de outubro de 1997 celebrouse a gala de inauguración á que acudiron importantísimos arquitectos e personalidades como os Reis de España. Ademais desta festa, houbo moitas campañas dos medios que lanzaron á fama este edificio antes de ser terminado. Estas campañas seguen existindo a día de hoxe.[Cómpre referencia]

Exposicións editar

A colección de arte que alberga este museo son as obras pertencentes á fundación Guggenheim e exposicións itinerantes. Por este motivo, as exposicións cambian frecuentemente e conteñen principalmente traballos realizados ao longo do século XX, sendo as obras pictóricas tradicionais e as esculturas unha parte minoritaria comparada con outros formatos, instalacións artísticas e soportes electrónicos. Algúns entusiastas da arte consideran que o edificio en si está moi por riba das obras que forman parte da colección do museo. Nos últimos anos, de acordo á política xeral dos centros Guggenheim, incluíronse exposicións de arte antiga, seica co desexo de captar máis público. Así, expuxéronse debuxos de Miguel Anxo, pintura antiga do Ermitage de San Petersburgo e, en 2007, gravados de Durero.[Cómpre referencia]

Situación editar

O Guggenheim está situado nun terreo de 32.500 m2, 16 metros por debaixo da cidade de Bilbao, ás beiras da ría do Nervión, onde se localizaban numerosos colectores de carga en tempos anteriores. A carón del atópase a Ponte da Salve, polo que flúe o tráfico que entra e sae do centro urbano de Bilbao.

O edificio dispón dunha praza de acceso na que está Puppy, a través da que se chega a unha ampla escalinata descendente que salva a diferenza de cota entre a ría e o ensanche. Desde a ría, deseñouse un paseo polo que o visitante se despraza para observar o museo desde o exterior. Neste espazo atópase unha escultura denominada A araña xigante Mamá, da artista Louise Bourgeois.

Arquitectura editar

 
As cubertas e fachadas do museo mestúranse entre si.

Este edificio deconstrutivista posúe un contorno orgánico, sendo a súa única referencia vertical o ascensor do atrio central. Aínda que posúe unha grande altura (50 metros), debido a que se atopa a 16 metros baixo o nivel da zona urbana de Bilbao, a súa estrutura non sobresae por riba dos restantes edificios. Ademais, a súa forma imita a unha flor (cando se olla desde o ceo) ou a un barco (cando se olla desde a ría), rendendo homenaxe á cidade portuaria na que se inscribe e adaptándose con máis facilidade polo seu material. Os paneis brillantes que o envolven aseméllanse ás escamas dun peixe, recordándonos ás influencias de formas orgánicas presentes en moitos dos traballos de Gehry.

Forma editar

Acceso e fachadas editar

Exteriormente, o Guggenheim móstranos infinidade de alzados diversos por mor da variedade das súas formas e a diversidade de reflexos do recubrimento de titanio. Os máis representativos son o que está cara a ría (coa aparencia dun gran barco de 50 metros de alto), o que mira cara aos colectores e o que posúe a porta de entrada principal.

Arredor do museo localízanse numerosas escaleiras e ramplas que nos guían a través dun paseo que nos permite observar a construción. Deste xeito, podemos ir ao museo desde a Ponte da Salve, que se inicia nunha estrutura escultórica de aceiro e se dirixe á zona posterior do museo (que dá cara á ría). Aquí, está a terraza, unha pasarela que se sitúa por riba dunha lámina de auga e a escultura metálica da Araña xigante Mamá.

Volumetría editar

O Guggenheim érguese sobre Bilbao como unha escultura de diferentes calidades espaciais. Aínda que dunha ollada superficial pode aparentar un cúmulo de laminados desordenados, este edificio posúe unha orde funcional. As formas regulares están cubertas de pedra, as formas curvas revestidas de titanio e as portas márcanse con grandes fiestras quebradas. O conxunto posúe multitude de alzados, tendo aparencia de barco os que dan cara á ría.

Aínda que non posúe simetrías nin xiros, o edificio articúlase arredor dun eixe central, o atrio, que consiste nun espazo baleiro cuberto por unha cúpula metálica cun lucernario cenital en forma de flor. Este é unha das zonas máis singulares do edificio desde a que poden observar pontes, ascensores e escaleiras que son a ruta cara ás salas expositivas e as áreas administrativas. Deste xeito, o ascensor é a única referencia vertical no edificio, por mor de que todas as súas paredes posúen marcadas curvas e complexas maclas.

As salas de exposicións localízanse nas tres primeiras plantas distribuíndose arredor do atrio. O espazo expositivo deste museo abarca 11000 m2, que se reparten en 19 salas. Destas, 10 teñen forma ortogonal, cun aspecto de tendencias clásicas, estando recubertas de pedra. As outras 9 están limitadas por muros de grandes irregularidades que se recobren exteriormente con láminas de titanio. Créanse así, unha serie de espazos fluídos de grande espacialidade.

Ocos editar

Os ocos de entrada son: o da entrada principal, a entrada da libraría (polo un lateral) e a entrada traseira que comunica o atrio co paseo da ría. Os ocos situados nas fachadas de titanio, reálzanse con numerosos cubos de vidro quebrados e maclados e os que se sitúan nas fachadas calcarias son máis sobrios, debido a que son portas de servizo, xanelas de oficinas etc. As salas ilumínanse a través de lucernarios e mantéñense perfectamente iluminadas grazas ás ondulantes formas dos lucernarios.

Espazos editar

O primeiro espazo que se atopa o visitante ao entrar no museo é o atrio, de 50 metros de alto, que posúe un gran lucernario cenital que ilumina toda a superficie inferior. As súas paredes xogan no espazo, empenándose ao seu antollo. Neste espazo concéntrase todo o sistema de comunicacións: o ascensor, as ramplas e as escaleiras. Transfórmase así, no corazón do edificio, sendo o distribuidor das distintas salas.

As salas son os espazos que se agochan tras as enormes láminas de titanio. Unha delas, a de maior tamaño, está situada debaixo da 'Ponte da Salve e constitúe o corpo alongado do barco. As súas dimensións ascenden a 30 metros por 130 de longo e nela expóñense as obras que posúen un gran formato, por mor de que non posúe columnas e o seu chan pode soportar a trasfega frecuente e o peso das obras que poida aloxar.

O resto das salas sitúanse arredor do eixe central do edificio. Para pasar dunha a outra, a construción posúe numerosas ramplas e escaleiras. Ademais permiten a visión da exposición desde diferentes ángulos. Deste xeito desenvólvese un museo ordenado e claro onde o visitante non se desorienta.

Técnica editar

Materiais editar

Exteriormente, os materiais que se perciben son a pedra calcaria (utilizada nas fachadas de liña formal e usos servidores) e as láminas de titanio (utilizadas para recubrir as 9 salas de exposicións que dan á ría). Estas láminas de titanio consisten en paneis que funcionan como escamas de e abarcan grandes superficies, posuíndo un grosor de 0.5 mm. Tamén abunda moito o vidro, utilizado para carpintarías e montado sobre unha complexa estrutura metálica. Os materiais estruturais son o aceiro e formigón.

Estrutura editar

A estrutura primaria do edificio é metálica e consta de perfís en I recubertos de formigón proxectado (para protexer a estrutura dos incendios). Nas superficies curvas de titanio, ademais da estrutura metálica principal, superpóñense outros elementos. Un deles é a trama de arriostramento, que está máis tecida que a principal, e permite colocar as chapas. Outro dos elementos é un illante de fibra de vidro para evitar a inclusión da humidade. Por riba disto colócanse uns perfís máis pequenos que suxeitarán as chapas de titanio. Ademais, estas chapas posúen uns ganchos (como dentes) cos que se unen unhas a outras.

As fachadas máis clásicas están compostas por bloques de formigón de 14 centímetros, unha chapa de poliuretano proxectado de 4 centímetros e un aplacado ventilado de pedra, fixado ao soporte por medio de ancoraxe regulares de aceiro inoxidable. O módulo do revestimento de pedra son de 60 por 80 por 4 cm. Esta pedra é de tipo calcaria, moi compacta e de cor ocre.

Tecnoloxías especiais editar

O proxecto do Museo do Guggenheim foi desenvolvido utilizando intensamente simulacións por computador das estruturas necesarias para manter o edificio, conseguindo unhas formas que fosen imposibles de realizar unhas poucas décadas antes. O programa informático utilizado foi deseñado pola NASA, de tal xeito que se realizaban os planos a través do escaneado das maquetas.

As pezas metálicas foron construídas nos Ánxeles, para evitar calquera posible problema de precisión.

Críticas editar

 
Museo Guggenheim visto desde o centro urbano de Bilbao.

O museo, sobre todo durante a súa construción, recibiu numerosas críticas desde diferentes sectores da cultura vasca xa que os fondos para construílo saíron exclusivamente dos orzamentos do Departamento de Cultura do Goberno Vasco, mentres que moitos reclamaban que saísen doutras áreas como Industria, xa que consideraban que, sobre todo, era un investimento de corte empresarial máis que cultural; e que deixaba á cultura vasca falta de fondos durante varios anos.

Ata Jorge Oteiza (artista vasco) chamou ao Guggenheim Bilbao Fábrica de queixos, e xurou que mentres vivise non permitiría que ningunha das súas obras fose exposta alí; aínda que unha vez construído o museo dixo que era preciso aproveitar o que xa había e non se negou a que as súas obras fosen expostas nel, como así sucedeu. Criticouse tamén ao edificio polo seu elevado custo e o carácter case experimental de moitas das innovacións que se fixeron na súa construción, que fixeron máis caro e difícil a súa limpeza e mantemento, por humidades, oxidación do titanio (aínda que non se trate dunha verdadeira oxidación) etc.

Con todo a maioría das críticas víronse apagadas polo inesperado éxito que o edificio e o propio museo tivo a nivel mundial, traendo á cidade enormes beneficios e aumentando positivamente a imaxe de Bilbao a nivel internacional. O proxecto do Museo Guggenheim recibiu ademais o Premio Internacional Ponte de Alcántara. Xunto co museo MARQ de Alacant, son os dous únicos de España que contan cun premio ao Museo Europeo do Ano.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar