Movemento pola cultura libre

Movemento popular sobre os dereitos de autor/a

O movemento pola cultura libre é un movemento social que persegue a defensa da igualdade de dereitos para todas as persoas fronte ao coñecemento e as obras intelectuais, coma filmes, música, literatura, pintura etc.

Logotipo oficial da Definición de obras culturais libres[1].

Para isto, os autores aprovéitanse da lexislación da propiedade intelectual que tantos dereitos lles fornece, a través do uso de licenzas libres para conceder a terceiros dereitos sobre as súas obras que a lexislación de primeiras prohibe. Se ben estas licenzas basicamente conceden dereitos, tamén adoitan conter unha serie de obrigas, estas sempre respectando as catro liberdades. Algunhas obrigas habituais nas licenzas libres son a de recoñecemento da autoría dunha obra e maila obriga de compartir as obras derivadas baixo os mesmos termos que a orixinal.

Orixe editar

Pode considerarse, dende un punto de vista histórico, que esta corrente de pensamento estivo sempre en vigor, pois o único xeito en que se desenvolveu a cultura durante todos os tempos foi mediante o intercambio entre comunidades. Isto non cambiou ata o século XVI coa invención da imprenta e a formalización dos monopolios do saber, atribuídos ás imprentas por parte dos reis por medio das patentes.

A popularización da cultura libre comezou da man dunhas tecnoloxías cunha forte repercusión social: a informática e Internet. Así, as primeiras concepcións da cultura libre tiveron lugar entre os especialistas informáticos, como resultado da filosofía do software libre.

A aparición e popularización das licenzas de software libre, onde se establecen catro liberdades básicas para o software, así coma do copyleft, que fai uso das leis da propiedade intelectual para que as obras derivadas dun software que cumpra coas catro liberdades as cumpra tamén, inspirou a exportación desa filosofía a outros ámbitos. Foi así como xurdiron as primeiras licenzas libres non orientadas especificamente ao software, como foi o caso da Open Communication License para publicacións, ou a licenza de documentación libre de GNU para documentación de software.

As catro liberdades editar

Para considerarse libre, unha obra debe garantir catro liberdades. Estas catro liberdades son as mesmas liberdades do software libre, mais adaptadas ao caso das obras culturais:

  • Liberdade para utilizar e interpretar a obra: debe permitirse calquera uso da obra, privado ou público. No caso das obras en que isto sexa relevante, esta liberdade deberá incluír todos os usos derivados ("dereitos relacionados") coma o de realizar ou interpretar a obra. Non debe haber ningunha excepción, como por exemplo, as relativas ás consideracións políticas ou relixiosas.
  • Liberdade para estudar a obra e aplicar a información: debe permitirse examinar a obra e usar o coñecemento adquirido da mesma para calquera fin e de calquera xeito.
  • Liberdade para distribuír copias: as copias poderán distribuírse, xa sexa de balde ou por un prezo, coma parte dunha obra maior, unha colección ou de xeito individual. Non debe haber límite na cantidade de información que pode copiarse. Tampouco pode haber límite respecto a quen ou onde pode copiarse a obra.
  • Liberdade para distribuír obras derivadas: para darlle a calquera a oportunidade de mellorar unha obra, non se debe limitar a liberdade para distribuír unha versión modificada (ou, no caso de obras materiais, unha obra que semella derivada da orixinal), sen importar as intencións ou a finalidade das mencionadas modificacións. Así e todo, poden aplicarse certas restricións para protexer estas liberdades esenciais ou a atribución da autoría.

Organizacións editar

 
Lawrence Lessig, fundador da Creative Commons, diante dun portátil no que se le free culture ("cultura libre").

Á organización estudantil Students for Free Culture ("Estudantes pola cultura libre") ás veces chamáselles the Free Culture Movement ("o movemento pola cultura libre"), o que pode levar a confusión, mais este non é o seu nome oficial. A organización é só unha parte dun movemento maior.

Dentro do movemento pola cultura libre, Creative Commons foi criticada pola ausencia de definicións de liberdade[2]. Desta maneira, algúns dentro do movemento só consideraban que unhas poucas licenzas Creative Commons estiveran baseadas na definición de obras culturais libres[3]. En febreiro de 2008, Creative Commons incluíu un cromo de "aprobado para obras culturais libres" nas súas licenzas que cumprían coas catro liberdades[4]. A condición que prohibe o uso comercial nalgunhas licenzas Creative Commons segue a ser unha das máis controvertidas dentro do movemento pola cultura libre, pois as licenzas con dita condición están moi estendidas pero non cumpren coas catro liberdades.

A organización que comunmente se asocia coa cultura libre é a Creative Commons (CC), fundada por Lawrence Lessig. Lessig é profesor de Dereito na Universidade Standford e unha figura salientable no movemento polo software libre. Escribiu o libro titulado Free Culture, que achega numerosos argumentos a favor do movemento pola cultura libre. Nos primeiros anos da vida da Creative Commons, Richard Stallman, fundador da Free Software Foundation e do movemento polo software libre, apoiou a organización. Retirou o seu apoio debido á introdución de varias licenzas[5] e volveu apoialo cando Creative Commons retirou esas licenzas.

Críticas editar

Andrew Keen critica algunhas das ideas da cultura libre no seu libro Cult of the Amateur ("Culto ao afeccionado"), describindo ao pai da cultura libre Lawrence Lessig como un "comunista da propiedade intelectual"[6].

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar