Movemento social

grupo non formal de individuos ou organizacións que busca o cambio social

Un movemento social é a agrupación informal de individuos ou organizacións dedicadas a cuestións político-sociais que ten como finalidade o cambio social. Os movementos sociais como estruturas de cambio social teñen a súa orixe nas crises das organizacións de esquerda socialdemócrata e do socialismo real, principalmente partidos políticos e sindicatos. Xorden como modos de organización de colectivos, fundamentalmente marxinais, que loitan dentro dun campo político máis ou menos concreto. Algúns exemplos destes movementos son o movemento feminista, o movemento ecoloxista, o movemento obreiro, o movemento pacifista ou antimilitarista, ou, máis recente no seu nacemento, o movemento okupa e o movemento antiglobalización.

Pirámide social.

A maior parte dos autores coinciden en sinalar que o termo apareceu en Alemaña na década de 1970 coa formación dos grupos de acción cívica (Bürgerinitiativen). Os movementos sociais rara vez conflúen nun partido político; o seu labor baséase en premer ó poder político mediante reivindicacións concretas ou en crear alternativas. Estas alternativas ou reivindicacións convértense na súa principal identidade, sen ter que chegar a plasmar un ideario completo.

Son o equivalente a acción afirmativa ou grupo de presión. Teñen un carácter de permanencia no tempo e cun número de persoas representativo, con relación ós que sofren ou ignoran o problema. O seu recordo histórico é moi antigo, por exemplo, os Comuneiros de Castela. Son algunhas veces o nacemento dunha idea con líderes carismáticos memorables, e a súa xénese pode derivar cara a un movemento ou iniciar unha revolta ou, máis contundentemente, unha revolución, como a Revolución Mexicana, e así mesmo eventual plataforma para un partido cara ao poder, opción que parece un rodeo innecesario.

É unha forma instantánea e continuada de inserirse no ámbito político, con inicialmente pouco esforzo organizativo, sen pertencer a el, pero si con forza de cambio político, como a restauración da democracia perdida en réximes autoritarios. A súa análise inclúe o seu obxectivo e o tipo de clientela, sendo interesante o desenvolvemento do seu proceso organizativo. O impacto na sociedade é desde soamente presencial, como unha forza de choque perturbadora, ou ata mesmo resultar moi definitorio, como grupos fortes de interese e presión contra o poder instituído. Deben coidar o seu progreso organizativo para ser eficaces e continuar perseverando e merecerse a honra de coartífices de eventos democráticos nas institucións ou outros máis modestos, como a información dos cidadáns.