Moreira negra

especie de planta
(Redirección desde «Morus nigra»)

A moreira negra (Morus nigra L.) é unha especie de árbore froiteira orixinaria de Asia occidental (Sur do Cáucaso, Armenia, Irán); e naturalizada en América do Norte (Canadá, Estados Unidos), en Europa e na China, que pertence á familia das moráceas. Foi introducida coma cultivo en toda a conca mediterránea dende a antigüidade polos seus froitos, as amoras, hoxe pouco apreciados. En Galiza non é tradicional o cultivo, atopándose coma ornamental nalgúns xardíns urbanos.

Descrición

editar
 
Casca
 
Follas e froitos na primavera

A moreira negra é unha árbore monoica que medra a modo e que pode acada os 10 ou 20 m de alto.

As follas son caedizas, alternas, glabras ou lixeiramente pubescentes polo envés. Son xeralmente cordiformes mais poden ser lobuladas. Miden uns 15 cm de longo.

É unha árbore rústica e resistente, que tolera a seca. É autofértil e florea pola primavera. Dá froitos comestíbeis, as amoras, semellantes ás das silveiras, bagas duns 25 mm de diámetro, que manchan moito, febles e de consistencia bastante mol. Chegan á madureza a mediados de agosto, cando se tornan negras. Cómpre consumilas axiña xa que logo perecen.

M. nigra é dexoploide (2n=22x=308), e posúe o maior número de cromosomas entre as fanerógamas[1]. Pode vivir até os 120 anos. Porén, non é raro que a árbore fenda en dous polo peso das pólas máis vellas. O máis común é que a árbore sobreviva aínda así, botando fillos pola base.

Diferenzas entre a moreira branca e a negra

editar

Malia que algunhas fontes indican que a moreira branca produce amoras brancas e a negra, amoras negras, isto é falso. A moreira negra bota sempre froitos violetas escuros ou negros, porén a moreira branca pode botar amoras brancas, amarelas, rosadas, violetas ou tamén negras.

  • A amora da moreira branca presenta un pedúnculo longo (ás veces da longura do froito), mentres que a negra carece deste pedúnculo ou é moi curto.
  • A amora da moreira branca é doce antes de madurar, mentres que a da negra acostuma ser aceda. Cando están totalmente chegadas, as amoras brancas son macías e azucradas, as negras son azucradas mais aínda algo acedas.
  • O sabor das amoras da moreira negra adoita gustar a todo o mundo. As amoras da moreira branca acostuman ser menos estimadas en Europa, agás nalgúns cultivares seleccionados polos seus froitos. Porén son moi apreciadas nos países onde se cultivan dende a antigüidade: Irán, Siria, Líbano e Israel principalmente).

Árbores senlleiras

editar

En Galiza atópase un exemplar de moreira negra, exactamente en Cangas de Foz, recollido na lista de árbores senlleiras de Galicia, elaborado pola Xunta de Galicia.

  1. Baseado no artigo: Mulberry breeding, cultivation and utilization in Japan, FAO animal production and health, volume=147, ano=2002, páxinas=63-71, issn=0259-6019, url texte=http://books.google.fr/books?id=uVoOZyqE5o4C, consultado o=6 de maio de 2013

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar