Discapacidade

(Redirección desde «Minusvalía»)

Dise que unha persoa ten unha discapacidade[1] física ou mentalmente se ten unha función básica limitada respecto da media ou anulada por completo. O Día Mundial celébrase o 3 de decembro.

Pictogramas correspondentes a distintos tipos de discapacidade.
A discapacidade é un vocábulo que abrangue disfuncións, limitación na actividade e restricións na participación. Unha disfunción é un problema na función ou estrutura corporal; unha limitación na actividade é unha dificultade que atopa un individuo para executar unha tarefa ou acción; restrición na participación é un problema experimentado por un individuo no desenvolvemento das situacións da vida. A discapacidade é entón non só un problema de saúde. É un fenómeno complexo que reflicte a interacción entre as características do corpo dunha persoa e as da sociedade en que vive.

A discapacidade é un concepto discutido, con diferentes significados en conmunidades diferentes.[3] Pode empregarse para referirse a atributos físicos ou mentais que algunhas institucións, particularmente sanitarias, ven que necesitan ser arranxadas (modelo médico). Pode referirse a limitacións impostas sobre as persoas mediante as restricións da capacidade (modelo social). Pode servir para referirse á identidade das persoas con discapacidade.

A discusión sobre a definición de discapacidade xorde do activismo da discapacidade nos Estados Unidos e no Reino Unido na década de 1970, que desafiou o concepto médico de discapacidade. Os debates sobre a terminoloxía e as súas implicacións políticas continúan mesmo no campo dos estudos da discapacidade. Nalgúns países, a lei require que as discapacidades se documenten por un provedor de asistencia médica para acceder a beneficios.

Historia

editar

O entendemento contemporáneo da discapacidade deriva de conceptos que xorden durante a Ilustración científica de occidente; antes desta época, as diferenzas físicas víanse dende prismas diferentes.

Durante a Idade Media, a tolemia e outras condicións pensábanse que eran causadas por demos. Tamén se consideraban parte da orde natural, especialmente durante as pragas, que orixinaban disfuncións na poboación xeral.[4] No comezo da Idade Moderna houbo un movemento de procura de causas biolóxicas para as diferenzas físicas e mentais e aumentou o interese en crear categorías: por exemplo, Ambroise Pare, no século XVI, falou de "monstros", "prodixios" e "lisiados".[5] A énfase da Ilustración no coñecemento derivado da razón e da valoración das ciencias naturais no progreso humano axudou ao nacemento de institución e sistemas de coñecemento que observaban e categorizaban os seres humanos; entre elas algunhas significativas para o desenvolvemento do concepto actual de discapacidade, como asilos, clínicas e prisións.[4]

O concepto actual de discapacidade ten a súa raíz nos séculos XVIII e XIX. Nese momento desenvolvéronse disertacións médicas que converteron o corpo humano nun obxecto que se pode manipular, estudar e transformar. Isto combinouse co desenvolvemento científico que buscaba clasificar e categorizar, atopando métodos de normalización.[6] O concepto de "norma" desenvolveuse neste tempo, sinalándose na obra do estatístico francés Alphonse Quetelet, que escribiu da década de 1830 L'homme moyen. Quetelet postulou que se podían tomar a suma de todas as características de todos os individuos nunha poboación dada (como altura ou peso) e atopar a súa media, calculando así o número que serviría de norma á que se debería chegar. Esta idea de norma estatística dispersouse polas reunións estatísticas nos Estados Unidos e Europa occidental neste períoso e vencellouse ao aumento da euxenesia. A discapacidade e conceptos como anormalidade, subnormalidade e normalidade proveñen de aí.[7] A circulación destes conceptos foi evidente nos freak show, onde os xefes dos espectáculos beneficiábanse exhibindo persoas que se desviaban destas normas.[8] Na historia moderna e contemporánea, a discapacidade foi vista con frecuencia como produto do incesto.[9]

Co aumento da euxenia a finais do século XIX estas desviacións víronse como perigosas para a saúde de poboacións enteiras. Coa discapacidade vista como parte da bioloxía persoal e polo tanto da súa herdanza xenética, os científicos volveron a súa atención a conceptos como "desviación". Avaliacións de medidas de saúde persoal empregáronse para deportar, esterilizar ou ingresar aqueles que non se axustaban. Ao final da segunda guerra mundial, co exemplo da euxenesia nazi, este concepto desapareceu do discurso público, e a discapacidade converteuse nunha serie de características que a medicina podía atender mediante rehabilitación ou tratamento.

A principios da década de 1970 os activistas da discapacidade comezaron a desafiar a forma en que a sociedade trataba a xente con discapacidade, así como o achegamento médico á discapacidade. Grazas a este traballo identificáronse barreiras de acceso, condicións que os inhabilitaban. Isto deu lugar ao modelo social de discapacidade (a sociedade que limita unha persoa precisa ser arranxada), expresión cuñada por Mike Oliver en 1983, e que se diferenza do modelo médico da discapacidade (unha disfunción precisa ser arranxada).[10]

Teoría

editar

A International Classification of Functioning, Disability and Health (ICF), da Organización Mundial da Saúde, distingue entre funcións corporais (fisiolóxicas ou psicolóxicas, como a visión) e estruturas corporais (partes anatómicas, como o ollo). A disfunción nunha estrutura ou función defínese como unha anomalía, defecto, perda ou outra desviación significativa de certos estándares aceptados da poboación, que poden flutuar no tempo. A actividade defínese como a execución dunha tarefa ou acción. A ICF lista nove dominios de funcionamento que poden ser afectados:

  • Aprendizaxe e aplicación do coñecemento
  • Tarefas e esixencias xerais
  • Comunicación
  • Mobilidade física básica
  • Relacións e interaccións interpersoais
  • Comunidade e vida cívica e social, incluíndo o emprego
  • Outras áreas da vida

Tipos de discapacidade

editar

Existen os seguintes tipos de discapacidade:

  • Motriz
  • Sensorial (auditiva ou visual)
  • Mental ou de aprendizaxe
  • De fala ou linguaxe
  • Viscerais

Discapacidade intelectual

editar

Criterios de identificación

editar

A consideración de discapacidade intelectual require da coexistencia de tres criterios relacionados entre si:

  • Existencia dun funcionamento intelectual significativamente inferior á media;
  • Presenza de dificultades en dous ou máis habilidades adaptativas;
  • que a súa manifestación se dera antes dos 18 anos.

Causas

editar
  • Factores xenéticos, coma no caso do síndrome de Down, é dicir trisomía do cromosoma 21.
  • Erros conxénitos do metabolismo, coma a fenilcetonuria.
  • Alteracións do desenvolvemento embrionario, nas que se inclúen as lesións prenatais.
  • Problemas prenatais, relacionados co momento do parto.
  • Enfermidades infantís, que poden ir desde unha infección grave a un traumatismo.
  • Graves déficits ambientais, nos que non existen condicións axeitadas para o desenvolvemento cognitivo, persoal e social.

Deportes adaptados

editar
 
Partido de baloncesto en cadeira de rodas entre Suráfrica e Irán nos Xogos Paralímpicos de 2008

Os Xogos Paralímpicos teñen lugar despois dos Xogos Olímpicos de verán e inverno. Os xogos inclúen atletas cun amplo rango de discapacidade. Existen organizacións nos países membros para formar competicións de xogos paralímpicos en niveis que van dende o lecer ata o deporte profesional. Os xogos desenvolvéronse a partir do programa de rehabilitación para veteranos de guerra británicos con lesións medulares. En 1948, Sir Ludwig Guttmann, neurólogo que traballaba con veteranos da segunda guerra mundial no Hospital Stoke Mandeville en Aylesbury, comezou a empregar o deporte como parte da rehabilitación dos seus pacientes.

En 2006 creáronse os Extremity Games para que xente con discapacidades físicas, especialmente perda ou diferenza nas extremidades, puidese competir en deportes extremos.[11]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para discapacidade.
  2. World Health Organization (ed.). "Disabilities". Consultado o 28-10-2016. 
  3. Linton, Simi (1998). New York University Press, ed. Claiming Disability: Knowledge and Identity. Nova York. 
  4. 4,0 4,1 Braddock, David, and Susan Parrish, "An Institutional History of Disability," in Handbook of Disability Studies, ed. Gary Albrecht, Katherine Seelman, and Michael Bury (Thousand Oaks, Calif.: Sage, 2001).
  5. Stiker, Henri (2000). A History of Disability. Ann Arbor, Michigan: University of Michigan Press. p. 91. 
  6. Foucault, Michel (1980). The History of Sexuality, vol. 1. New York: Vintage. 
  7. Davis, Lennard. "Constructing Normalcy." In his Enforcing Normalcy: Disability, Deafness, and the Body (Nova York: Verso, 1995), pp. 23–49.
  8. Bogdan, Robert (1998). Freak Show: Presenting Human Oddities for Amusement and Profit. 
  9. Barlow, Kathleen (2006). "Inbreeding, Incest, and the Incest Taboo: The State of Knowledge at the Turn of the Century". American Anthropologist 108 (2): 447–448. doi:10.1525/aa.2006.108.2.447. 
  10. Shakespeare, Tom. "The Social Model of Disability." In The Disability Studies Reader, ed. Lennard Davis (New York: Routledge, 2006, 2d ed.), 197–204.
  11. "First Extremity Games was first class success". oandp.com. Consultado o March 6, 2013. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar