Máfico

(Redirección desde «Mineral máfico»)

Un mineral ou rocha máfico é un mineral silicato ou rocha ígnea (magmática) rico en magnesio e ferro.[1] A maioría dos minerais máficos son de cor escura e os minerais máis comúns que forman rochas máficas son a olivina, o piroxeno, o anfíbolo e a biotita. As rochas máficas máis comúns son o basalto, a diabase e o gabro. As rochas máficas adoitan conter tamén variedades ricas en calcio do feldespato plaxioclasio. Os materiais máficos poden describirse igualmente como ferromagnesianos.[2] O termo rocha máfica correspóndese, grosso modo, co termo máis antigo rocha básica (con pouca sílice).[3] O contrario de máfico é félsico. As rochas máficas son tipicamente máis densas que as félsicas.

Basalto, unha rocha máfica.

Historia

editar

O termo máfico é unha palabra composta procedente de "magnesio" e "férrico" e foi acuñada por Charles Whitman Cross, Joseph P. Iddings, Louis Valentine Pirsson e Henry Stephens Washington en 1912. O grupo de Cross dividira previamente os principais minerais formadores de rochas atopados nas rochas ígneas en minerais siálicos, como o cuarzo, os feldespatos ou feldespatoides e en minerais fémicos, como a olivina e o piroxeno. Porén, as micas e os anfíbolos ricos en aluminio estaban excluídos, mentres que algúns minerais cálcicos que contiñan pouco ferro ou magnesio, como a wollastonita ou a apatita, estaban incluídos entre os minerais fémicos.[4] Cross e os seus coinvestigadores aclararon posteriormente que as micas e os anfíbolos ricos en alminio pertencían a unha categoría separada denominada minerais alférricos. Despois introduciron o termo máfico para referirse aos minerais ferromagnesianos de todos os tipos, dándolle preferencia sobre o termo femag acuñado por A. Johannsen en 1911, porque non lles gustaba como soaba.[5][6] O termo rochas máficas equivale aproximadamente ao termo máis vello rochas básicas (rochas básicas, con pouca sílice).[3]

Minerais

editar

O uso do termo máfico aínda está moi estendido para referirse aos minerais ferromegnesianos de cores escuras.[6] Os esquemas de clasificacións modernas, como a clasificación da IUGS das rochas ígneas, inclúe na fracción de minerais máficos algúns minerais ferromagnesianos de cores claras, como a melilita.[7] Minerais accesorios, como o circón ou a apatita, poden tamén incluírse na fracción de minerais máficos co propósito de facer unha clasificación precisa.[8]

Rochas

editar

Cando se aplica a rochas, o termo máfico utilízase principalmente como un termo para o traballo de campo para describir rochas ígneas de cores escuras.[8] O termo non se usa para a clasificación de rochas no esquema de clasificación da IUGS.[7] As rochas máficas son ás veces definidas con máis precisión como rochas ígneas cunha alta proporción de piroxenos e olivina, así que os seus índices de cor (a fracción de volume de minerais máficos escuros) está entre 50 e 90.[9] A maioría das rochas volcánicas máficas son clasificadas máis exactamente como basaltos.[10]

Quimicamente, as rochas máficas son ás veces definidas como rochas cun contido de sílice entre 45 e 55 en porcentaxe de masa, correspondente ao contido en sílice do basalto na clasificación TAS.[11] Tales rochas están enriquecidas en ferro, magnesio e calcio e característicamente son de cor escura. En contraste, as rochas félsicas son tipicamente claras e enriquecidas en aluminio e silicio xunto con potasio e sodio. As rochas máficas caracterízanse por ter unha maior densidade que as rochas félsicas. A vella clase de rochas denominadas rochas básicas (pouca sílice) equivale máis ou menos á das rochas máficas.[3]

As lavas máficas, antes de arrefriaren, teñen unha baixa viscosidade, en comparación coas lavas félsicas, debido a un menor contido de sílice no magma máfico. A auga e outros volátiles poden escapar gradualmente de xeito fácil da lava máfica. Como resultado, as erupcións de volcáns constituídas por lavas máficas orixinan explosións menos violentas que as erupcións de lavas félsicas.[12]

  1. Schlumberger: Oilfield Glossary
  2. "Mafic Rock". 
  3. 3,0 3,1 3,2 Islam, M. R.; Hossain, M. E.; Islam, A. O. (2018). Hydrocarbons in Basement Formations (en inglés). John Wiley & Sons. p. 80. ISBN 978-1-119-29453-5. 
  4. Cross, Whitman; Iddings, Joseph P.; Pirsson, Louis V.; Washington, Henry S. (setembro de 1902). "A Quantitative Chemico-Mineralogical Classification and Nomenclature of Igneous Rocks". The Journal of Geology 10 (6): 555–690. Bibcode:1902JG.....10..555C. doi:10.1086/621030. 
  5. Cross, Whitman; Iddings, J. P.; Pirsson, L. V.; Washington, H. S. (setembro de 1912). "Modifications of the "Quantitative System of Classification of Igneous Rocks"". The Journal of Geology 20 (6): 550–561. Bibcode:1912JG.....20..550C. doi:10.1086/621996. 
  6. 6,0 6,1 Jackson, Julia A., ed. (1997). "mafic". Glossary of geology. (Fourth ed.). Alexandria, Viriginia: American Geological Institute. ISBN 0922152349. 
  7. 7,0 7,1 Le Bas, M. J.; Streckeisen, A. L. (1991). "The IUGS systematics of igneous rocks". Journal of the Geological Society 148 (5): 825–833. Bibcode:1991JGSoc.148..825L. doi:10.1144/gsjgs.148.5.0825. 
  8. 8,0 8,1 Philpotts, Anthony R.; Ague, Jay J. (2009). Principles of igneous and metamorphic petrology (2nd ed.). Cambridge, UK: Cambridge University Press. p. 137. ISBN 9780521880060. 
  9. Allaby, Michael (2013). "mafic". A dictionary of geology and earth sciences (Fourth ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 9780199653065. 
  10. Schmincke, Hans-Ulrich (2003). Volcanism. Berlin: Springer. p. 23. ISBN 978-3-540-43650-8. 
  11. Nesse, William D. (2000). Introduction to mineralogy. New York: Oxford University Press. ISBN 9780195106916. 
  12. "Volcanoes". Columbia University. Consultado o 18 de xuño de 2019. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar