Traballo de campo

O traballo de campo refírese aos métodos de investigación sobre o terreo, tradicional das ciencias naturais, como a xeoloxía, zooloxía, botánica ou ecoloxía, e das sociais como a arqueoloxía, a antropoloxía cultural, a socioloxía, a psicoloxía ou a pedagoxía. É a actividade que se fai no lugar dos feitos ou onde se sitúa o obxecto de estudo, non no gabinete de investigación ou laboratorio.

Tecnoloxía Field-Map para o levantamento de información en campo, utilizada para a realización de inventarios forestais (computadora portátil robusta, GPS e telémetro láser).
Un xeólogo colleitando mostras in situ

Definición editar

O traballo de campo é o proceso mediante o que se recollen mostras, datos, informacións ou evidencias sobre feitos, obxectos, plantas ou animais co fin de analizalos posteriormente para unha investigación. Por exemplo, en antropoloxía, pode facerse unha observación participante ou non, transversal (varias situacións nun tempo reducido) ou lonxitudinal (unha situación ao longo dun período de tempo), constituíndo o deseño flexible dunha descrición da conduta cultural dun grupo ou poboación. Neste caso, ten distintos matices en canto a que son datos cualitativos que fai a antropoloxía ou a ciencia política con relación aos niveis de observación con participación, maior na primeira, e número de individuos na mostra, maior na segunda.[1]

Procedemento editar

O traballo de campo pode levarse a cabo de formas moi diversas de acordo coa perspectiva que asuma o investigador en determinada ciencia. Desde unha perspectiva experimental, tratará de recoller datos para comprobar unha proba de hipótese, pero tamén pode tratar de alimentar un modelo teórico ou simplemente de obter datos específicos para responder preguntas de investigación.[2] A súa característica fundamental é que se leva a cabo sobre o terreo onde se dan os feitos utilizando técnicas distintas ao traballo en gabinete ou laboratorio.

O investigador debe planificar detalladamente o seu traballo para a colleita de información e para a análise. Toda investigación ten o común denominador de recoller datos con diversas técnicas directamente da fonte de estudo, xeralmente acerca das características, fenómenos ou comportamentos que non se poden construír nun laboratorio.

Pódense considerar dúas aproximacións xerais de traballo de campo de acordo coa perspectiva de investigación:

  • Investigación cualitativa, máis acorde con formas menos estruturadas e abertas de recoller os datos.
Artigo principal: Investigación cualitativa.
  • Investigación cuantitativa, máis propicia a recoller os datos de forma máis estruturada e sistemática.
Artigo principal: Investigación cuantitativa.
 
Entrevista en despacho

Aplicacións editar

Non só as ciencias naturais fan traballo de campo, senón todas as ciencias sociais comparten o traballo de campo como ferramenta. Por exemplo, os pedagogos fan traballo de campo cando, a través da observación, exames, entrevistas ou enquisas analizan o comportamento académico dos alumnos.[3]

O papel do traballo de campo na socioloxía é máis xeral, simplemente refírese á parte da investigación que se desenvolve fóra do laboratorio sociolóxico para a fase da enquisa ou para a observación e non a un particular método etnográfico.[4]

O estudo de casos nas culturas corporativas —empresas— con comunidades de práctica e con grupos de traballo, ten connotacións de traballo de campo e de deseños case experimentais. Estes métodos de xestión son igualmente válidos en socioloxía para o deseño de proxectos de investigación e desenvolvemento coas investigacións baseadas na comunidade ou coa educación social baseada na escola comunitaria e coa potenciación da participación e o pragmatismo.[5]

 
Representación dun embrión por Leonardo da Vinci

Instrumentos editar

Cada disciplina require as súas propias ferramentas e instrumentos. Con todo, nas ciencias sociais adoita ser común o uso dos cadernos de campo, para os apuntamentos de observacións e debuxos. Os cadernos de campo son famosos nos traballos dalgúns autores como Da Vinci, Darwin, Castelao ou Xaquín Lorenzo.

Artigo principal: Caderno de campo.

Tamén se utilizan frecuentemente instrumentos de gravación como as cámaras de vídeo, de fotografía ou gravadoras de son.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Referencias editar

  1. Burgess, Robert G. (2002-11). In the Field: An Introduction to Field Research (en inglés). Routledge. ISBN 978-1-134-89814-5. Consultado o 2020-10-23. 
  2. Absi, Pascale; Soriano, Claudia Hernández (2019). Etnografía para no antropólogos ¡Ni antropólogas! : Introducción al trabajo de campo (en Spanish). IRD Éditions. ISBN 978-2-7099-2771-0. Consultado o 2022-08-03. 
  3. Calderon, E.; Theodossopoulos, D. (2021). "Experiencias intensivas de trabajo de campo como herramienta pedagógica para la conservación patrimonial en ciudades marginalizadas". Consultado o 03-08-2022. 
  4. Santanilla, Laura Cecilia Porras (2019-07-02). "Ethical and methodological challenges for a lawyer facing fieldwork amidst the working poor" (en inglés) 21 (2). ISSN 2145-4531. doi:10.12804/revistas.urosario.edu.co/sociojuridicos/a.7627. Consultado o 2022-08-03. 
  5. Ballesteros Velázquez, Belén (2019). Investigación social desde la práctica educativa (en castelán). UNED. ISBN 9788436275094.