Mentraste

especie de planta
(Redirección desde «Mentha suaveolens»)
Mentraste

Mentraste (Mentha suaveolens)
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Lamiales
Familia: Lamiaceae
Subfamilia: Nepetoideae
Tribo: Mentheae
Xénero: Mentha
Especie: M. suaveolens
Nome binomial
'Mentha suaveolens'
Ehrh.

O mentraste[1] (Mentha suaveolens, sinónimo de Mentha rotundifolia), é unha planta perenne, rizomatosa e ás veces estolonífera, pertencente ao xénero Mentha (o xénero das mentas). É común en Galiza.

Ilustración

Descrición editar

É unha matiña verde, máis ramificada cá hortelá ou menta común, coas follas vilosas e moi engurradas, anchas, arredondadas, dentadas nos bordos, pecioladas, semellantes ás da sarxa, coa face verde escura e o envés abrancazado. Teñen un recendo suave semellante ao doutras mentas. Os talos son tamén vilosos. As flores van en inflorescencias en espigas mestas, algo máis aclaradas na frutificación, ao medraren os entrenós. As flores son de cor branca ou ás veces de cor malva.

Distribución editar

Nativa de Europa. Distribúese por toda a zona atlántica e mediterránea sendo algo máis rara no norte de Europa. En Galiza é moi común.

Hábitat editar

Medra en solos con algo de humidade; en zonas achegadas a regueiros, brañas e lamazais; mesturándose con silveiras e xuncos. En Galiza, por mor das condicións idóneas, considérase unha planta ruín que medra nas leiras, beiras de camiños, en polo xeral en lugares habitados.

Propiedades editar

Os seus compoñentes activos conteñen aceite esencial, mentol, carvona e timol. Son moitas as súas propiedades medicinais coma estimulante, estomacal e tamén como tónico:

En doses altas é tóxica e non se recomenda a toma por parte das mulleres embarazadas.

Farmacoloxía

O extracto metanólico obtido das pólas de M. suaveolens exerce unha actividade antibiótica contra Bacillus subtilis.[2]

Etnografía editar

É unha herba ben coñecida no rural galego. Ten moitísimos usos medicinais, dende infusións, utilizada como aceite etc. Empregábase para calmar o proído das estrugas fretando coas follas a zona afectada, xa que adoita medrar achegada a estas, por ter hábitats moi semellantes[3]. Emprégase ás veces como unha das herbas da auga de San Xoán, xa que lle dá moito cheiro. Conta o naturista Txumari Alfaro no seu libro "Plantas y remedios naturales del Camino de Santiago" que esta planta foi moi usada nas pousadas dos peregrinos para escorrentar as pulgas nos leitos; tamén no tratamento das lombrigas así como na recuperación estimulante do organismo. Hai quen metía esta herba en alcol para despois sandar feridas con fretas.

Taxonomía editar

Mentha suaveolens foi descrita por Jakob Friedrich Ehrhart e publicado en Beiträge zur Naturkunde 7: 249–150. 1792.[4]

Variedades
Sinonimia
  • Mentha × rotundifolia var. suaveolens (Ehrh.) Briq.
  • Mentha manostachya - Ten.
  • Mentha rotundifolia - non L.
  • Mentha graveolens subsp. insularis (Req.) R.Vilm. & Barbero
  • Mentha graveolens R.Vilm. & Barbero
  • Mentha macrostachya Ten.
  • Mentha meduanensis Déséglise & T.Durand
  • Mentha rotundifolia subsp. insularis (Req.) Arcang.[5]

Nome común editar

En galego ten moitos nomes comúns:

  • Mentraste e as súas variantes dialectais: mentrastre, mentrastes, mentrastos, mentastro, mentrasto, mentrastro, mentasto, meldrasto, mendrastro , mentiaste, mentraste, ventastre.
  • Menta brava, menta de burro, mentoes, mentón.
  • Prestes[6].
  • Matapulgas, ou astamenda.[3]

En portugués chámase hortelã de leite ou mentastro.

Notas editar

  1. Nome vulgar galego preferido en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1999; no Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009; Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mentraste.
  2. "Mentraste en Medicina tradicional mexicana". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 27 de xuño de 2013. 
  3. 3,0 3,1 http://www.rios-galegos.com/mentastro.htm#MENTASTRO
  4. "Mentraste". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 16 de outubro de 2012. 
  5. ["Mentraste en PlantList". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2013. Consultado o 27 de xuño de 2013.  Mentraste en PlantList]
  6. Eligio Rivas Quintas (1978): Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  1. Flora of China Editorial Committee. 1994. Fl. China 17: 1–378. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
  2. Forzza, R. C. & et al. 2010. 2010 Lista de espécies Flora do Brasil. https://web.archive.org/web/20100526002559/http://floradobrasil.jbrj.gov.br/2010/.
  3. Idárraga-Piedrahita, A., R. D. C. Ortiz, R. Callejas Posada & M. Merello. 2011. Flora de Antioquia. Catálogo de las Plantas Vasculares, vol. 2. Listado de las Plantas Vasculares del Departamento de Antioquia. pp. 1–939.
  4. Zuloaga, F. O., O. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Catálogo de las Plantas Vasculares del Cono Sur (Argentina, Sur de Brasil, Chile, Paraguay y Uruguay). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107(1): i–xcvi, 1–983; 107(2): i–xx, 985–2286; 107(3): i–xxi, 2287–3348.

Ligazóns externas editar