Meleagris ocellata

O pavo ocelado (Meleagris ocellata) é unha especie de ave que vive na península do Iucatán en México (estados de Quintana Roo, Campeche, Iucatán, Tabasco e Chiapas) e partes de Belize e Guatemala. A súa área de distribución abrangue uns 130.000 km². Parente do pavo salvaxe (Meleagris gallopavo) é unha ave grande de entre 70 e 122 cm. de largo con marcado dimorfismo sexual: os machos pesan de media 5 quilogramos, mentres que as femias pesan arredor de 3 kg. A especie foi considerada en perigo de extinción polo goberno mexicano en 2002 e como case ameazada pola IUCN dende 2009 (Kampichler et al. 2010). Crese que as causas primordiais da redución dos seus números son a perda de hábitat e a excesiva presión cinexética.

Pavo ocelado
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Xénero: Meleagris
Especie: M. ocellata
Distribución xeográfica
Distribución xeográfica

Distribución xeográfica

Descrición editar

 
Chan Chich Lodge área, Belize: O pavo ocelado recibe o seu nome polas marcas en forma de ollo (ocelos) nas plumas caudais .
 
Pintura de Nicolas Geneviève Huet.

As plumas do corpo son mesturadas de bronce e verde. Aínda que a plumaxe das femias pode ser menos brillante, a diferenza non é suficiente para diferenciar os sexos. Os pavos ocelados non teñen a barba característica do pavo doméstico. As plumas da cola son gris-azuladas con manchas de cor bronce azulada en forma de ollo (ocelos) preto do final de cada pluma. As plumas cobertoiras das ás son cobrizas, as rémixes primarias e secundarias son barradas, semellantes as do pavo salvaxe norteamericano, pero con máis parte branca.

A cabeza é azul con nódulos laranxas ou vermellos, máis evidentes nos machos. Os machos teñen unha coroa carnosa cuberta de nódulos, que na época de reproducñin se volve máis brillante e dunnha cor laranxa máis intensa. Os ollos están rodeados dun anel carnoso vermello, máis visible nos machos na época de celo . As patas son de cor vermella escura, mais curtas e finas cás de Meleagris gallopavo. Os machos de máis de un ano teñen esporóns nas patas que miden de media 4 cm.

Son máis pequenos có pavo salvaxe norteamericano: as femias adultas pesan uns 4 kg. cando se preparan para poñer os ovos e uns tres quilos o resto do ano. Os machos adultos pesan entre 5 e 6 kg. durante a estación reprodutora.[2]

Conduta editar

Os pavos ocelados, aínda que poden voar rápida e enerxicamente distancias curtas se é necesario, pasan máis do seu tempo no chan e prefiren fuxir á carreira en caso de perigo. Pola noite empoléiranse no máis alto posible nas árborss , en xeral en grupos familiares, para protexerse dos depredadores. Son omnívoros: a súa dieta inclue invertebrados, sementes, froitos secos e follas. Observacións da ave en liberdade amosan que os machos consomen máis cantidade de alimentos nas semanas que preceden á estación reprodutora (Sugihara e Heston 1981). Antes desta, os machos forman pequenos grupos de ata tres individuos, mentres que femias e inmaturos se agrupan en bandos de oito ou máis aves. (Sugihara e Heston 1981).

A época de reprodución comeza en febreiro e conclúe a finais de abril. Os machos fan elaboradas exhibicións para atraer ás femias (González et al. 1998): baten no chan rapidamente cos pés e, a seguir, moven a cola de lado a lado mentres fan vibrar as ás e arrastran as puntas destas polo chan. Mentres fan a danza de cortexo, móvense ao redor da femia asegurándose de amosarlle a superficie dorsal das plumas caudais (González et al. 1998). As femias poñen entre 8 e 15 ovos nun niño construído nun lugar agochado no chan. Chocan os ovos durante 28 días e os pitos nacen entre os meses de maio e xullo. Ao naceren están cubertos dunha penuxe mimética castaño-avermellada, e despois dunha noite xa son capaces de seguir a súa nai fora do niño. [2]

As vocalizacións dos machos, que adoitan comezar, poucos minutos antes da saída do sol, son moi características e diferentes das de Meleagris gallopavo. As das femias, porén, son semellantes ás das femias do pavo salvaxe norteamericano.

Notas editar

  1. BirdLife International (2016). "Meleagris ocellata". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,0 2,1 Maurice & Robert Burton (2002). The International Wildlife Encyclopedia. 3rd edition. Marshall Cavendish Corporation, p. 2786. ISBN 0-7614-7274-6.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar