Max Frisch
Max Rudolf Frisch, nado en Zürich o 15 de maio de 1911 e finado na mesma cidade o 4 de abril de 1991 foi un arquitecto e escritor suízo en lingua alemá dedicado especialmente ao teatro e á novela. Está considerado un dos máximos representantes da literatura en alemán posterior á segunda guerra mundial. Foi membro do Gruppe Olten.
A obra de Frisch presta especial atención aos asuntos relacionados con problemas humanos como a identidade, a individualidade, a responsabilidade e o compromiso político e moral.[1] Para tratar eses temas, Frisch empregaba acotío a ironía. Os seus diarios Tagebuch 1946- 1949 (1950) e Tagebuch 1969- 1972 (1972) son obras de gran valor literario, xa que neles se recollen vivencias do autor e as súas opinións sobre acontecementos históricos. A súa figura serve de influencia para xeracións de escritores máis novos.[2]
Traxectoria
editarFillo de Karolina Bettina Wildermuth e do arquitecto Bruno Frisch, tiña un irmán chamado Franz e unha media irmá chamada Emma Elisabeth, filla dun matrimonio anterior do seu pai. Os Frisch era unha familia modesta e a súa situación financeira empeorou cando o seu pai perdeu o traballo durante a primeira guerra mundial.
Durante a súa etapa no instituto entre 1924 e 1930, Frisch creou o seu primeiro texto literario, que destruíu tras finalizalo. No Gymnasium coñeceu o pintor suízo Werner Coninx, fillo do dono dunha editorial, co que mantivo unha grande amizade. Aos dezanove anos comezou a estudar Xermanística en Zürich e na universidade fíxose amigo de varios profesores, ademais de manter contactos con varios medios de comunicación suízos. Iso fixo que en 1931 comezase a traballar para o xornal Neue Zürcher Zeitung (NZZ), un dos máis importantes do país. O ano seguinte ten que abandonar os estudos debido ao pasamento do seu pai e aos problemas económicos da súa familia. Por este motivo centrouse totalmente no seu traballo de xornalista co fin de ter un emprego fixo que lle permita manter a súa familia. Entre 1933 e 1936 traballou de reporteiro para NZZ en Europa Oriental e Oriente Medio.
En 1935 viaxou por vez primeira a Alemaña, manifestando a súa oposición ao nacionalsocialismo e ao antisemitismo que imperaba no país. O ano anterior publicara a súa primeira obra, Jürg Reinhart. Eine sommerliche Schicksalsfahrt.
Ao comezo da segunda guerra mundial prestou servizo como artilleiro na armada suíza. Entre 1936 e 1940 estudou enxeñería e arquitectura na Technische Hochschule de Zürich e, tras gañar o primeiro premio no concurso de arquitectura da cidade para a construción do edificio que cobre as piscinas hoxe chamadas Max Frisch Bad en 1942, abriu o seu propio estudo de arquitectura. Ese mesmo ano contraeu matrimonio con Gertrud Constanze von Meyenburg, coa que tivo dúas fillas, Ursula (1943) e Charlotte (1949), e un fillo, Hans Peter (1944). En 1947 mantén os primeiros contactos con Bertolt Brecht e Friedrich Dürrenmatt.
En 1951 pasou un ano nos Estados Unidos de América grazas a unha bolsa da Fundación Rockefeller. Tres anos máis tarde separouse da súa familia, pechou o seu despacho de arquitecto e comezou a traballar como escritor, publicando a súa primeira novela, Stiller. Esta novela combina elementos da novela policíaca con outros autobiográficos e ideas filosóficas e fixo que Frisch adquirise un gran recoñecemento como escritor. En 1955 marcha a Nova York, onde comeza a escribir a que foi a súa segunda novela, Homo Faber, publicada en 1957. O ano seguinte recibe o Premio Georg Büchner, un dos galardóns máis importantes da literatura alemá, e sepárase da súa dona para comezar unha relación coa escritora Ingeborg Bachmann.
En 1960 fixou a súa residencia en Roma, onde viviu con Ingeborg ata 1965. Andorra, a súa sexta obra teatral, foi publicada en 1961. O tema principal deste drama é a presentación dunha sociedade pechada que pode chegar a transformar unha persoa, marxinándoa. É unha reflexión sobre o nacionalsocialismo. En 1962 comezou outra relación coa estudante de vinte e tres anos Marianne Oellers, coa que casou seis anos despois.
En 1972 instalouse novamente en Suíza e seguiu publicando novelas. En 1976 recibiu o Premio da Paz dos Libreiros Alemáns, concedido durante a Feira do libro de Frankfurt. En 1978 publicou o seu último drama, Triptychon. Drei szenische Bilder e o ano seguinte separouse de Oellers. A principios da década de 1980 recibiu un doutoramento honoris causa pola Universidade de Nova York. A última obra da súa produción foi Blaubart, novela publicada en 1984.
En marzo de 1989 diagnosticáronlle un cancro que acabou coa súa vida en 1991, aos 79 anos. O seu corpo foi incinerado e as súas cinzas foron esparexidas polos seus amigos durante unha festa na súa honra. Frisch deixou documentos e cartas nunha institución bancaria coa instrución de que non fosen abertas ata vinte anos despois da súa morte. A pesar de cumprirse, non se prevé a súa publicación.
Obra
editarNovelas
editar- Antwort aus der Stille (1937)
- Stiller (1954)
- Homo Faber (1957)
- Mein Name sei Gantenbein (1964)
- Dienstbüchlein (1974)
- Montauk (1975)
- Wilhelm Tell für die Schule (1978)
- Der Mensch erscheint im Holozän (1979)
- Blaubart (1982)
Diarios
editar- Blätter aus dem Brotsack (1939)
- Tagebuch 1946-1949 (1950)
- Tagebuch 1966-1971 (1972)
Teatro
editar- Nun singen sie wieder (1945)
- Santa Cruz (1947)
- Die Chinesische Mauer (1947)
- Als der Krieg zu Ende war (1949)
- Graf Öderland (1951)
- Biedermann und die Brandstifter (1953)
- Don Juan oder Die Liebe zur Geometrie (1953)
- Die Grosse Wut des Philipp Hotz (1956)
- Andorra (1961)
- Biografie (1967)
- Triptychon. Drei szenische Bilder (1978)
- Jonas und sein Veteran (1989)
Notas
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Max Frisch |