Friedrich Dürrenmatt
Friedrich Reinhold Dürrenmatt, nado en Konolfingen o 5 de xaneiro de 1921 e finado en Neuchâtel o 14 de decembro de 1990, foi un escritor, dramaturgo e pintor suízo.
Traxectoria
editarFriedrich Dürrenmatt era fillo de Reinhold (1881-1965) e Hulda Dürrenmatt (1886-1975), Seu pai era un pastor reformado e seu avó Ulrich Dürrenmatt foi un político, xornalista e poeta. En outubro de 1935 a familia trasladouse a Berna, ao ser seu pai o novo sacerdote da casa diaconal[1]. En 1941 rematou os estudos secundarios e logrou a matura [2][3]. Durante uns meses do ano 1941 militou no grupo nazi Eidgenössische Sammlung[4].
Xa en Konolfingen, empezou a pintar e debuxar, unha inclinación que mantería toda a súa vida. Ilustrou máis tarde, moitas das súas propias obras. As súas pinturas expuxéronse en Neuenburg en 1976 e 1985 e en 197, en Zürich. De feito pretendeu estudar pintura pero en 1941 matriculouse en filosofía, ciencias naturais e estudos alemás na Universidade de Berna, realizando o curso 1942/43 na Universidade de Zürich. En Berna viviu entre 1942 e 1946 no faiado da casa dos pais, pintando as paredes con murais, o cuarto descubriuse nos anos noventa restaurándose en 1994 [5]
O 11 de outubro de 1946 casou coa actriz Lotti Geissler; mudáronse primeiro a Basilea, e a partir de 1948 viviron en Schernelz, no lago Biel. Alí escribiu a novela policial Der Richter und sein Henker publicada en 1950 e as súas paisaxes están presentes nas súas páxinas así as localidades veciñas como Lamboing.
Max Frisch fíxose co manuscrito da primeira peza teatral de Dürrenmatt grazas ao editor Kurt Reiss e decidiu poñela en escena, a estrea de Es steht geschrieben foi no Schauspielhaus Zürich en abril de 1947, era unha comedia grotesca sobre a rebelión de Münsterer a obra causou un escándalo, xa que o autor escribiu a obra como un remedo da actuación de Suíza na guerra, espectadora da traxedia á vez que se enriquecía oufanándose da súa actuación [6] O ano seguinte foi a estrea da súa segunda obra, xa en Basilea, o drama Der Blinde. A terceira peza foi a comedia Romulus der Große.
Os primeiros anos como un escritor estiveron cheos de dificultades económicas para o autor e a súa familia pero a súa situación financeira mellorou gradualmente, especialmente grazas ás súas pezas de teatro radiofónico. En 1950 publicou en Arche Verlag a novela policial Der Richter und sein Henker e ao ano seguinte Der Verdacht, as dúas eran continuación de historias que apareceran no Schweizerischen Beobachter. En 1952 estableceuse coa súa familia en Neuenburg.
A comedia Die Ehe des Herrn Mississippi, tivo a súa estrea en Múnic en 1952 e foi o seu primeiro grande éxito. A fama internacional chegoulle en 1956 coa traxicomedia Der Besuch der alten Dame. A comedia musical Frank der Fünfte (1959) foi un fracaso pero en 1962 tivo o seu segundo éxito internacional co drama satírico Die Physiker. En 1963 realizou a estrea dunha peza teatral baseada nunha peza de teatro radiofónico de 1954, Herkules und der Stall des Augias. Der Meteor (1966) foi a súa peza máis persoal, e o terceiro éxito internacional. Escribiu outras moitas pezas, como O colaborador[7] (1972)
Escribiu o guión para o filme de Heinz-Rühmann Es geschah am hellichten Tag (1958), e tamén escribiu a novela policial Das Versprechen (1958) como posible fin do filme.
Notas
editar- ↑ Na tradición protestante reformada suíza as casas diaconais son entidades que actúan como unha obra social Dictionnaire suisse de politique sociale Arquivado 16 de agosto de 2017 en Wayback Machine.
- ↑ A matura é un certificado que permite o acceso ao ensino universitario
- ↑ Peter Rüedi (2011) Dürrenmatt oder Die Ahnung vom Ganzen. Diogenes, Zürich, p. 117
- ↑ "Auch du, Friedrich? Dürrenmatts braune Jugendsünden" Jüdische Allgemeine, 12 de xullo de 2007
- ↑ Peter Edwin Erismann und Ulrich Weber (Red.): Die Mansarde. Die Wandbilder aus der Berner Laubeggstraße (24 Abbildungen mit Texten von Friedrich Dürrenmatt und einem Essay von Ludmila Vachtova, hrsg. vom Schweizerischen Literaturarchiv), Zürich 1996, ISBN 325702052X
- ↑ Eduardo Haro Tecglen "Muere Dürrenmatt, escritor del pesimismo", El País, 15 de decembro de 1990
- ↑ Versión galega producida polo CDG en 2002
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Friedrich Dürrenmatt |