Marta Ángela Mata i Garriga, nada en Barcelona o 22 de xuño de 1926 e finada o 27 de xuño de 2006 foi unha política e pedagoga catalá.

Marta Mata
Marta Mata


Datos persoais
Nacemento 22 de xuño de 1926
Barcelona
Falecemento 27 de xuño de 2006 Barcelona
Partido PSC

Na rede
https://www.martamata.cat/

Traxectoria editar

Formación e comezos editar

Formada no Padroado escolar do Concello de Barcelona, os seus estudos de bacharel víronse interrompidos durante a Guerra civil española. Trasladouse a mediados da década de 1940 a Saifores, onde comezou o seu labor como ensinante ao tempo que estudaba Filosofía e Letras e licenciábase en Pedagoxía no 1957.

Filla de mestra, tratou nas décadas posteriores de iniciar un movemento de renovación pedagóxica coa creación de varios centros de ensino que recollían o pulo de renovación que impulsou a formación española durante a Segunda República.[Cómpre referencia] A imposibilidade de crear libremente centros de formación para o profesorado durante o franquismo, lévaa a impulsar a Escola de Mestres Rosa Sensat, de carácter clandestino, que se estende nas denominadas Escolas de Verán cunha importante implantación fóra e dentro de Cataluña,[Cómpre referencia] ao tempo que traballa como profesora na Universidade de Barcelona.

Política editar

A morte do ditador Francisco Franco abriu a porta a unha maior implicación política de Marta Mata, que se afilia no 1976 a Convergència Socialista de Catalunya, dirixida por Joan Reventós, formación que pasou eses mesmos anos a ser o Partit Socialista de Catalunya-Congrés e, dous anos máis tarde, o Partit dels Socialistes de Catalunya.

Nas eleccións xerais de 1977 foi elixida deputada pola circunscrición electoral de Barcelona na coalición socialista. Foi reelixida nas eleccións de 1979. Renunciou ao escano no Congreso dos Deputados para concorrer ás primeiras eleccións da transición democrática ao Parlamento de Cataluña no 1980, renovando escano ata 1988. De 1983 a 1984 foi elixida pola cámara catalá senadora, e de 1993 a 1996 volveuno a ser, pero como electa por Barcelona.

Educación e pedagoxía editar

De 1986 a 2002 foi nomeada membro do Consello Escolar do Estado, ao tempo que desempeñou a súa tarefa como concelleira de educación do Concello de Barcelona de 1987 a 1995 e Vicepresidenta da deputación provincial.

A mediados da década de 1990 creou a Fundació Àngels Garriga de Mata, destinada á formación do profesorado e ao estudo e estímulo da interacción entre a escola e a sociedade.

Autora de varias obras pedagóxica, foi nomeada doutora honoris causa pola Universidade Autónoma de Barcelona e foi galardoada coa Cruz de Afonso X o Sabio polo goberno de España e a Creu de Sant Jordi da Generalitat de Cataluña.

No 2008 botouse o buque remolcador da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima BS-33 Marta Mata, no seu honor.

Algúns postulados e ideas pedagóxicas editar

  • Os alumnos deben aprender a pensar e decidir por si mesmos.
  • A defensa da igualdade entre as persoas implica unha escola pública, para todos, mixta e laica.
  • O oficio de mestre esixe un equilibrio entre reflexión práctica, centrada na escola, e a formación profesional, e cultural, sólida e ao máis alto nivel.
  • Nunha sociedade democrática a escola debe artellarse asemade de xeito democrático, cunha xestión e un proceso con base na participación dos alumnos no proceso de aprendizaxe, e de mestres, pais e sociedade en xeral na definición e xestión da escola.
  • A formación dos ensinantes ten unha compoñente básica no diálogo e o intercambio de experiencias con outros ensinantes.
  • Clases e libros son só compoñentes estruturais e materiais do ensino, non o conxunto de posibilidades a aproveitar.
  • Un mestre non ensina o que di, senón o que é.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar